1989, cando todo un val se uniu para exterminar o eucalipto

Aconteceu no val do Lila, en Portugal. Centos de persoas uníronse para evitar que esta especie estranxeira lles roubase a auga e trouxera o lume. Desde entón, a terra nunca máis volveu arder. A Comunidade de Montes de Taboexa, das Neves, continuará este 27 de outubro coa xornada de deseucaliptización que comezou xa o pasado 15 de setembro

Por Galicia Confidencial | Portugal | 19/10/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A imaxe do presidente portugués arrincando eucaliptos e que está dando a volta a medio mundo non é nova. En Galicia hai tempo que existen xa brigadas de deseucaliptización.  O único novo é que sexa un presidente o que se arremangue para erradicar esta especie invasora. A Núñez Feijóo, agora, tamén lle parecen ben ese tipo de accións.

Veciños do Val do Lila, en Portugal, arrincando eucaliptos
Veciños do Val do Lila, en Portugal, arrincando eucaliptos | Fonte: wrm.org.uy

Pero, realmente, o gran precedente desta loita social, que poucos coñecen, tivo lugar o 31 de marzo de 1989. Entón 800 persoas xuntáronse en Veiga do Lila, unha pequena aldea de Valpaços, e protagonizaron unha das maiores protestas ambientais que ocorreu en Portugal. A acción fora concertada entre sete ou oito pobos da comarca. Despois uníronse ecoloxistas á causa. Unha tarde, marcharon todos a destruír as 200 hectáreas de eucalipto que unha empresa de celulosa plantaba na maior propiedade agrícola da rexión.

A Garda Nacional Republicana (GNR) estaba a esperalos. Eran dous centenares de axentes. Formaban unha primeira barreira co obxectivo de impedir que arrincasen as árbores novas. Pero eran moi poucos para unha sublevación tan grande. Houbo algunhas cargas, pedras dun lado, porras do outro, pero non foi a máis.

Oliveiras si, eucaliptos non”, era o berro destes aldeanos que non querían que esa especie estranxeira lles roubara a auga e trouxera o lume. E, todo, porque un terratenente da comarca aproveitou unha suculenta subvención para substituir a oliveira polo ecualipto sen consultar cos habitantes dos pobos. 

AS MULTINACIONAIS E PORTAS XIRATORIAS

Nesa alturas, o Ministerio da Agricultura defendía ardentemente que se plantasen eucaliptos. Álvaro Barreto, titular desa carteira, fora, anos antes, presidente do consello de administración de Soporcel, entón a maior empresa madeireira de Portugal e hoxe absorvida por The Navigator Company, a mesma que está aterrando en Galicia para facer negocio co eucalipto. Barreto volvería ao cargo en 1990.

O presidente da República de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, arrincando eucaliptos
O presidente da República de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, arrincando eucaliptos | Fonte: RTP

“A tese dominante dos gobernos de Cavaco Silva era que urxía substituír o minifundio e a agricultura de subsistencia por monocultivos máis rendibles, era necesario rendibilizar o bosque  a gran escala”, apunta António Morais, un dos líderes da protesta, tal e como recolle a web de Movimiento Mundial por los Bosques Tropicales. O eucalipto presaxiábase como unha solución fácil. Portugal, por certo, gañaría en poucos anos un papel destacado na industria da celulosa.

O que máis asustaba a aquela xente, con todo, era o lume porque sabían que onde hai eucalipto, todo arde. E entón a xente xa non chamaba a esta árbore polo seu nome, senón "fósforos". João Sousa era nese tempo presidente da xunta de Veiga do Lila. Hoxe, con 86 anos di orgulloso que no val non hai un só eucalipto plantado. “E o noso val hai máis de 30 anos que non arde”, di fachendoso. 

Para coñecer máis sobre esta revolta social podedes premer aquí.

NOVA XORNADA DE DESEUCALIPTIZACIÓN

A Comunidade de Montes de Taboexa, das Neves, continuará este 27 de outubro coa xornada de deseucaliptización que comezou xa o pasado 15 de setembro. Unha decisión que tomaron logo da expansión incontrolada dos eucaliptos que espandiron o voraz lume que afectou a este concello na vaga de lumes de hai una ano.

O día 15 do mes pasado unhas decenas de persoas conseguiron deixar libre de eucaliptos case 14 hectáreas de monte comunal, zonas escollidas moi próximas a lindes cos terreos particulares e zonas con especial interese como a dos petróglifos da Coutada. O vindeiro sábado 27 de outubro dende as 9 da mañá e ata mediodía continuarán co proceso para eliminar a proliferación de eucaliptos no Castro de Altamira, o Mouro, as Pozas do Monte e si poden aínda máis lugares priorizando sempre os terreos máis próximos a poboación e a elementos a conservar como os arqueolóxicos ou os nacentes de auga.

Oscar González, Presidente da Comunidade de Montes de Taboexa, destaca que esta comunidade nunca foi produtora desta especie pero, dende o lume de 2017, "aínda menos". "A experiencia nos di que, a pesar de que aquel foi un día de moito vento, quen trouxo o lume de Portugal, se so houbera o vento e non participara o eucalipto no incendio seríamos capaces de paralo", suliña.

Traballos de plantación de especies autóctonas, como carballos e castiñeiros, en terrenos inzados de eucaliptos en Froxán (Lousame)
Traballos de plantación de especies autóctonas, como carballos e castiñeiros, en terrenos inzados de eucaliptos en Froxán (Lousame) | Fonte: Coluna San Fins
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta