Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o candidato desta formación á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, instaron a crear "unha posición de país" para evitar o peche da planta de Alcoa nesta cidade, á vez que fixeron un chamamento á participación na manifestación convocada para o sábado polos traballadores.

A líder do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa. BNG
A líder do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa. BNG

En declaracións aos xornalistas, despois dunha reunión co comité de empresa na fábrica da Grela, ambos trasladaron o seu "apoio" aos empregados e a súa intención de "traballar" para que a planta non se peche. "Galicia non pode permitirse unha nova sangría do seu sector industrial", expuxo Pontón cualificando de "estratéxica" a actividade que desenvolve esta planta. Ademais, advertiu de que non se pode permitir que "unha multinacional ou os intereses das eléctricas, poñan o risco o futuro de centos de postos de traballo".

Tamén cualificou de "indignante" que Galicia, a pesar de exportar electricidade, "teña a empresas en risco só polo prezo eléctrico". Fronte a esta situación, citou o caso do País Vasco "cunha tarifa eléctrica vasca que lle permite ás súas empresas aforrar 120 millóns de euros e faias máis competitivas", dixo ao defender o mesmo para a comunidade autónoma galega.

COMPARECENCIA DO GOBERNO GALEGO

Por outra banda, a dirixente do BNG fixo un chamamento á cidadanía para que participe na mobilización do sábado. "É importante que Alcoa e os gobernos sintan que hai un país que apoia esta empresa", sinalou apuntado á vía política para reverter o peche anunciado.

Así, instou ao goberno galego a comparecer "aproveitando que a semana que vén hai un pleno". Así mesmo, avogou por que o Parlamento galego dea unha resposta "á inquietude" dos traballadores e advirta a Alcoa "que imos usar todos os mecanismos institucionais". "Non poden comprar unha empresa, espremer os nosos sectores produtivos e pechar alegremente", argumentou.

Pola súa banda, o candidato do BNG á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, instou, como Pontón, a "crear unha posición de país" que evite que se consome o peche. Tamén avogou polo "máximo consenso" a nivel local, coa implicación tamén dos axentes sociais. "Xogámonos o futuro dunha comarca que teñen no industrial, un sector estratéxico", recalcou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta