O comité de Alcoa A Coruña: “Hai solución se hai vontade política"

O delegado do Goberno avanza unha próxima reunión da ministra de Industria cos presidentes de Asturias e Galicia.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 19/10/2018 | Actualizada ás 11:42

Comparte esta noticia

O presidente do comité de empresa da planta de Alcoa na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, reclamou ás administracións que se poñan a "traballar" para buscar unha saída que evite o peche desta fábrica e a de Avilés, coincidindo cunha reunión co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada.

Protestas polo peche das plantas de Alcoa en Avilés e A Coruña
Protestas polo peche das plantas de Alcoa en Avilés e A Coruña | Fonte: M.Dylan

"Hai solución, se hai vontade política", insistiu Corbacho, quen vinculou o anuncio de peche "cun problema de regulación do marco eléctrico" o que, segundo expuxo, está a deixalos "en peores condicións" respecto doutras plantas de Alcoa. Así, volveu a defender que a planta é "competitiva e eficiente" a pesar da falta de investimentos da empresa para a súa modernización. "Cando A Coruña e Avilés eran unha sociedade única, até 2014, alcanzaron uns dividendos netos de 1.400 millóns de euros e non se investiu aquí", expuxo.

Ademais, vaticinou que se por parte das administracións "non se pon coto" á política de "terra queimada" de Alcoa "marchará para o ano" da planta de San Cibrao, en Lugo. "Xa ten megafactorías onde lles regalan a enerxía", apuntou sobre a situación noutros países en relación ao prezo da electricidade. Tamén o comité de Alcoa Lugo teme que se peche a factoría, tal e como aconteceu coa Coruña e Avilés.

Por outra banda, instou ás administracións a implicarse conxuntamente na procura dunha solución e insistiu en que se trata de industrias "que se perden para toda a vida" se non se evita o peche. "Non asumimos a situación, imos loitar até o final", advertiu tamén á empresa. En canto aos pasos a dar agora, afirmou que o primeiro é "levantar" o ERE de extinción. "E logo porse a traballar", apuntou sobre a procura dunha solución para garantir a continuidade destas plantas no futuro.

REUNIÓN DA MINISTRA

Mentres, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, avanzou que "en próximos días" a ministra de Industria, Reyes Maroto, reunirase cos presidentes autonómicos de Galicia e Asturias. Como o comité de empresa, apelou á necesidade de que as administracións "traballen unidas" e dixo que "niso está" o Goberno central.

Con todo, argumentou que o peche anunciado non obedece "a un problema enerxético" e vinculouno coa "adecuación das instalacións" culpando á empresa de falta de investimento na fábrica coruñesa.

"Deixou que a competitividade se perda, pero non pola capacidade dos traballadores, senón pola falta de investimento". "A empresa ten que presentar un proxecto de investimento e de competividad", expuxo tamén reclamando a unidade das administracións para conseguilo. "Marxe sempre hai se mantemos a unidade e unha fronte común", recalcou.

Así mesmo, defendeu que por parte do Goberno "cumpríronse todos os compromisos" con Alcoa. Preguntado até onde está disposto a chegar o Executivo central, dixo que chegará "até onde sexa posible desde o punto de vista da legalidade" para reverter o anuncio de peche.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta