O ocaso da acampada de Sol

O desencanto arredor da acampada en Madrid esténdese entre moitos cidadáns que creron nunha revolución civil contra o sistema político, financeiro e social, e agora ven como se perdeu o foco sobre a orixe do movemento 15M.

Por Alberto Quian | Madrid | 26/05/2011

Comparte esta noticia

Reiki, biodanza, sesións de meditación shamra, un manifesto espiritual, cerimonias con cuncas tibetanas... Revolución postmoderna, esotérica e espiritual. É o último e definitivo síntoma do ocaso desta revolta condenada a fracasar polas contradicións nas que se moven algúns grupos que están a capitalizar a indignación popular. A creación dunha comisión de espiritualidade e do amor dirixida por un gurú non é máis que a pinga que reborda un vaso cheo de despropósitos que se aceleraron nos últimos días e que converteron a Porta do Sol nunha sorte de deprimente circo traxicómico. Repasemos algúns disparates, desatinos e incongruencias dos acampados.

Democracia controlada

Se hai algo que me chamou poderosamente a atención é o estrito control que os coordinadores de comunicación exercen sobre as distintas comisións creadas, que teñen orde de prohibir aos xornalistas gravar nas rúas as súas distintas asembleas. Control, ordes, prohibición, autoridade. Democracia real? Coartar a liberdade e o dereito de informar e de ser informados desvirtúa as razóns que motivaron este movemento. Como xornalista vin reprimidos os meus dereitos democráticos. Como xornalista prohibíuseme (!?) gravar na rúa as asembleas das comisións por estrita orde dos coordinadores de comunicación. Falei con persoas que discrepan desta estratexia, pero acátana e coartan así a súa autonomía e liberdade como individuos con voz propia. Podo tentar comprender —aínda que non comparto— a desconfianza xeneralizada dos acampados cara aos xornalistas, pola manipulación que determinados medios de comunicación fixeron destas concentracións. Pero, ollo, os discursos e pensamentos que xeneralizan, sobre todo cando o contido é negativo (todos os xornalistas son manipuladores), xeran estratexias discriminatorias encamiñadas a coartar dereitos e liberdades colectivos e individuais. É precisamente a mesma estratexia que usa a ultradereita contra os inmigrantes ou a que utilizan eses medios aos que os acampados critican cando tentan manipular unha imaxe ou unha declaración descontextualizada. Con esta estratexia de control, censura, prohibición dende a desconfianza repiten os mesmos erros do sistema que tentan mudar.

A democracia si necesita ao xornalismo

Ante a imposibilidade de poder razoar cos asembleístas sobre o dereito de informar e de gravar na rúa as súas reunións, funme a falar cos coordinadores de comunicación, aos que os asembleístas recoñecen como autoridade. Desta conversación, na que non se resolveron eses impedimentos para gravar as asembleas, quero salientar algo que, na miña opinión, volve pór en evidencia a inmadurez de quen representan aos acampados. Refírome a esta declaración dun coordinador de comunicación:

"Nós non necesitamos nin xornalistas nin medios de comunicación. Temos nosas propias ferramentas, a nosa web, as nosas redes sociais..."

Evidentemente, o desenvolvemento das tecnoloxías da comunicación e de ferramentas como os blogs ou as redes sociais permitiron a democratización da información e a participación directa dos cidadáns no control dos poderes públicos e, tamén, da labor dos medios. Algo que, como xornalista e como cidadán, celebro porque contribúe a rexenerar o sistema democrático. Con todo, a aparición destas novas canles xestionadas por cidadáns non poden implicar un veto ao labor dos xornalistas nin a posta en marcha de estratexias totalitarias que impidan o seu dereito democrático de informar. Os coordinadores da acampada de Sol están convencidos de que os xornalistas somos prescindibles, pero a sociedade sempre vai necesitar a xornalistas que vixíen constantemente a saúde democrática do Estado, dos partidos, das institucións, das administracións públicas...; tamén despois desta revolución. É certo que o xornalismo debe facer a súa propia revolución e rexenerarse para volver a esa función de cuarto poder independente que algúns medios desterraron. Pero, insisto, nin todos os xornalistas son manipuladores nin todos os medios teñen intereses ocultos. Paradoxalmente, agora que os medios empezan a restar atención á acampada de Sol, algúns dos acampados dedícanse a laiarse e a queixarse por recunchos dixitais desa pérda de protagonismo nos medios que dixeron non necesitar.

Censura ás críticas

Outra incoherencia dos coordinadores da acampada de Madrid foi censurar os comentarios que moitos indignados deixaron na súa páxina web madrid.tomalaplaza.net. As críticas chovéronlles o mércores 25 de maio, cando anunciaron un amplo, variado e xocoso programa de actividades da comisión de espiritualidade. Os administradores da páxina decidiron borrar o post con todas as actividades desta troula mística e censuraron os comentarios críticos, que algúns internautas se preocuparon por gardar  para evidenciar que o que se está xestando nesta acampada pouco ou nada ten que ver xa cunha asemblea democrática e cos principios do 15M.

Deriva mística

Pese a esas críticas e o surrealismo místico que está a intoxicar ao movemento, na páxina web mantívose a asemblea de espiritualidade como un dos eixos programáticos da acampada de Sol, aínda que se sinalou que agora a información das actividades dáse na propia comisión. Quen aprobou a creación desa comisión? Quen decidiu incluila nos programas de actividades da acampada? E por que? Para os que non coñecedes o que se está a facer aí, coido que é oportuno compartir ese programa de actividades espirituais que se anunciaron o 25 de maio:

13.00 Reunión Grupo de Conciencia
14.00 Asemblea de Espiritualidade
16.30 Información Proceso 21 días: ‘Conciencia pránica’
17.00 Reunión Meditación Global
18.00 Meditación shamra para:
Harmonizar corpos sutís
Revolución celular
19.00 Meditación diaria praza Ópera
20.00 Reunión para a elaboración do manifesto espiritual
21.00 Asemblea Comisión Espiritualidade
22.00 Cerimonia cuncas tibetanas

A ambigüidade do "non lles votes"

Este movemento revolucionario comezou a xestarse en internet baixo unha lema ambiguo: "Non lles votes". Pero, a quen? Ao Goberno central, aos gobernos locais e autonómicos, ao PP, ao bipartidismo, a todo o arco parlamentario, a todos os partidos, con e sen representación nas institucións públicas...? Esa indeterminación da mensaxe provocou longos e acalorados debates nos que xurdiu un caos argumentativo e gran confusión sobre o voto nulo, o voto en branco, a abstención e o voto útil. Finalmente, acordouse que o "non lles votes" era unha chamada a votar a partidos minoritarios perxudicados polo sistema electoral. Non saímos da ambigüidade e a indeterminación. E o que é peor, non se mediron as posibles consecuencias dunha petición tan irresponsable como era pedir o voto para un espazo político tan ancho, indefinido e heteroxéneo no que tamén se atopan forzas de ultradereita emerxentes. Obviar isto foi, desde o meu punto de vista, un gravísimo erro estratéxico. Nalgúns concellos de Cataluña e Madrid conseguiron representación partidos de extrema dereita xenófobos e racistas. Isto debe ser un toque de atención para todos nós, incluídos quen, como plataforma cidadá, pediron irresponsablemente un voto ás minorías indefinidas sen medir as consecuencias da súa ambigüidade.

Revolución desideoloxizada

Esta crítica ao discurso ambiguo entronca coa desideoloxización na que se quixo enmarcar esta revolución. Neutralidade ideolóxica autoimposta confundida coa neutralidade partidaria, fuxida de calquera compromiso ideolóxico-político (dicía hai ben pouco Xosé Manuel Beiras que o proceso de rebelión cívica ten que ir cobrando unha orientación ideolóxico-política sobre as bases das súas reivindicacións e denuncias claves e ten que ser proxectado en instancias políticas, sen ser, por suposto, partidario). Dalgún xeito, estas aparentes contradicións escenifican para min ese paradoxo da postmodernidad da que nos falaron pensadores como o filósofo francés Gilles Lipovetsky. A acampada de Sol é un espazo onde se convive no baleiro desideoloxizador, no superfluo do misticismo e no gran desenvolvemento da democracia e o gusto polos dereitos humanos, o voluntariado, a ética financeira e política ou a indignación moral.

Consenso de mínimos

Nesa liña de tentar contentar a todo o mundo dende esa pretendida neutralidade ideolóxica, os asembleístas chegaron este 26 de maio a un consenso de mínimos que parece demasiado etéreo e pouco ambicioso. O debate centrarase nestas catro liñas:

  • Reforma electoral encamiñada a unha democracia máis representativa e de proporcionalidade real e co obxectivo adicional de desenvolver mecanismos efectivos de participación cidadá.
  •  Loita contra a corrupción mediante normas orientadas a unha total transparencia política.
  • Separación efectiva dos poderes públicos.
  • Creación de mecanismos de control cidadán para a exixencia efectiva de responsabilidade política.

Sorprende que non se aprobe unha liña de debate para abordar un control efectivo sobre os abusos do sistema financeiro ou que se obvie algo tan importante como é a posta en marcha de verdadeiros mecanismos de protección de dereitos sociais fundamentais como son o dereito á vivenda ou ao traballo, entre outros asuntos cruciais para poñer en marcha unha auténtica transformación política, económica e social. E digo que sorprende porque esta rebelión naceu co obxectivo de provocar cambios profundos non só no sistema político, senón tamén nos sistemas financeiro e social. Porén, este acordo de mínimos só aborda o ámbito político.

Infantilización

Hai moitos síntomas, como puidemos ver, de infatilización e de banalización deste movemento revolucionario. Propostas nas asembleas da comisión de comunicación como preparar un plan de merchandising ou establecer negociacións con compañías telefónicas para que fagan donativos aos acampados (revolución patrocinada e estratexia de mercadotecnia!?), non só constatan eses paradoxos postmodernos dos que falaba antes, senón que ademais evidencian un alto grao de infantilismo e de inxenuidade dalgúns xestores desta acampada. Infantilismo disparatado e cómico no caso do colectivo 'Queda la palabra', que alertou da presenza de presuntos infiltrados do CNI (Centro Nacional de Intelixencia) nas acampadas. Os argumentos e as descricións son peregrinos:

"Son persoas de calquera idade ou sexo e mesmo nacionalidade e de calquera aspecto físico na súa forma de vestir que se fan pasar por indignados (...) Van recollendo información do que ocorre nas acampadas e nas súas asembleas, toman nota das decisións que se van tomando, realizan fotografías e vídeos continuamente, estudan e envían información sobre os que están máis implicados, como os líderes naturais, miden o grao de motivación e reciben ordes moi precisas para tratar de manipular nas asembleas con sinxelas técnicas. (...) Van vestidos de forma moderna ou clásica sinxela, pero a súa cara e os xestos que esta representa delátanos como persoas nada tranquilas nin pacíficas (...) Aparentan ser moi sociables pero sempre tratan de impor o seu punto de vista tentando convencer de asuntos que de primeira non soan nada claros nin congruentes (...) Ás veces ocupan moito tempo na súa quenda de palabra nas asembleas póndolle 'pegas' continuas a asuntos de base moi importantes (...) Prefiren a votación por maiorías e non lles gusta o consenso, aínda que cando non teñen máis remedio aparentarán estar de acordo co consenso grupal para pasar inadvertidos, pero bloquearán esta forma realmente democrática unha e outra vez".

O que me sorprende é que puidesen identificalos tan facilmente e non actuasen contra estes infiltrados. En todo caso, eu xa avisei a un grupo de amigos para que non volvan por Sol, xa que responden, como miles de persoas, a este minucioso perfil do infiltrado do CNI. Confeso que incluso cheguei a dubidar de min mesmo pensando que eu podería ser tamén un axente secreto, pero non me atopo ningún maldito chip que controle a miña mente nin a miña forma de vestir nin os xestos da miña cara nin o meu pensamento crítico. Se hai axentes infiltrados, que pode ser, porque un movemento coma este non semella que poda quedar libre do control e a vixilancia do sistema, tede por seguro que non vai ser tan doado identificalos.

Os causantes da crise, indemnes

Lembran a aqueles aos que culpamos da crise? Goberno, partidos  banqueiros, especuladores, empresarios funestos... Eles respiran aliviados vendo desde gran distancia, a través dos medios, como os acampados esqueceron pasarse a manifestar a súa indignación polo Congreso dos Deputados, o Banco de España, a Bolsa ou as sedes do Banco Santander, do BBVA ou Telefónica. Os causantes da crise viven tranquilos porque perciben que esta vez non se vai a tomar a Bastilla. Os insurrectos mantéñense lonxe e despistados.

Por suposto, aínda estamos a tempo de corrixir esta deriva na que está a entrar o movemento revolucionario en Madrid, que capitalizou o proceso de rebelión cívica no Estado. Pero para iso fai falla unha profunda reflexión, escoitar ás voces críticas e non cometer os mesmos erros do sistema que se quere mudar (esta vez o sistema non tivo que agardar a fagocitalos; están a facelo eles sós).

O dilema é: montar un posto de produtos ecolóxicos na Porta do Sol e relaxarnos con sesións de meditación, reiki e biodanza, ou volver ás barricadas da indignación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Alberto Quian Doutor en Investigación en Medios de Comunicación, Premio Extraordinario de Doutorado 2015-2016 e profesor de Xornalismo na Universidad Carlos III de Madrid. Naceu en Vigo o 7 de agosto de 1976. No ano 2000 comezou a súa carreira como xornalista en Faro de Vigo, ata que en 2008 deu un xiro co Posgrao en Xornalismo Dixital da Universitat Oberta de Catalunya (UOC). Dende entón desenvolve o seu traballo no eido dixital como especialista e investigador. Coa súa tese especializouse en ética e cultura hacker. É responsable de Redes Sociais e da área de Ciencia de Galicia Confidencial, labor que compaxina coa súa labor como investigador e con traballos para distintas empresas públicas e privadas no eido dixital e en medios tradicionais. Twitter: @AlbertoQuian. Autor do libro: 'El impacto mediático y político de WikiLeaks'.