A oposición critica as contas da Xunta cualificándoas de "antisociais" e cuestiona as rebaixas fiscais anunciadas

O PP destaca que os orzamentos recuperan niveis impositivos previos á crise, como o caso da taxa de Patrimonio.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 19/10/2018 | Actualizada ás 18:53

Comparte esta noticia

En Marea, PSdeG e BNG coincidiron en criticar os orzamentos presentados pola Xunta de Galicia para 2019 ao consideralos "antisociais" e con "pouca empatía social", e puxeron en dúbida as rebaixas fiscais anunciadas polo Goberno galego. Así o transmitiron ao termo da Xunta de Portavoces, que fixou o calendario de tramitación das contas para o ano 2019, que foron remitidas este venres polo Goberno autonómico á Cámara.

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, presenta os orzamentos
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, presenta os orzamentos

Á espera de poder analizalos con máis detalle, os grupos da oposición realizaron unha primeira valoración do documento. En Marea e do BNG coincidiron en denunciar que se beneficiará ás rendas altas coa reforma do imposto de patrimonio, mentres que o PP defendeu que esta modificación situará o imposto nos niveis fixados "por gobernos de esquerdas" antes da crise.

Así, o portavoz de En Marea, Luís Villares, foi moi crítico no que se refire ás rebaixas fiscais anunciadas, ao entender que tres delas son "irrelevantes" e que tan só responden a un intento de "esconder" a "insultante" rebaixa do imposto do patrimonio para quen teña máis de 700.000 euros -elimínase a subida para este imposto realizada en 2013--. "O imposto de Patrimonio o que fai é beneficiar a ricachóns e non afectar o conxunto da sociedade e ás clases medias", denunciou Villares. Así, explicou que ata 160.000 euros a rebaixa é do 0,06, pero cun patrimonio de 10 millóns de euros, será do 0,53.

"De tal forma que ata 167.000 euros, a rebaixa será apenas de 50 ou 60 euros, pero se un ten 10 millóns de euros, a rebaixa será de 40.000 euros", censurou, cualificando esta medida dun "enmascaramento que o Partido Popular fai para beneficiar a determinados amigos". "Non ten outro nome, non ten incidencia na xente normal, porque esta rebaixa afecta sobre todo ás grandes fortunas", agregou Villares, que concluíu: "Nós non temos por que ingresar menos para que Feijóo beneficie aos seus amigos con fortunas millonarias".

Así, valorou que "son orzamentos antisociais, regresivos e continúan pola senda dos recortes e é intolerable e unha burla a reforma do imposto de Patrimonio". No que respecta á recuperación do gasto público, denunciou que os orzamentos son, en "termos reais", 2.000 millóns de euros menos ao orzamento de 2009, polo que reclama que "haxa o mesmo volume de orzamentos".

En canto a partidas concretas, Villares confrontou a "vehemencia" coa que se anuncian determinadas partidas cos datos reais de execución. Como exemplo, referiuse á o ámbito do emprego, que no exercicio anterior non superou o 57 por cento do gasto da cantidade orzada, en valores similares aos da área de competitividade. E ante o anuncio da ampliación do permiso de maternidade a 24 semanas, lembrou que En Marea xa realizou esta proposta no Parlamento en maio pero que nesa ocasión contou co voto en contra do PP.

O PSdeG ACUSA AO PP DE "CLIENTELISMO DE MERCADOTECNIA"

Tamén o Partido Socialista cargou contra as contas presentadas pola Xunta, ao considerar que non pechan as "feridas sociais aínda abertas" pola crise, a pesar de que o "presidente da Xunta e o conselleiro de Facenda ven todo de cor de rosa". Para o portavoz socialista, Xaquín Fernández Leiceaga, "Feijóo o que fai son anuncios que reviste de gran pompa, coma se tivesen gran dimensión, pero ao baixar á realidade o impacto desas medidas é moi limitado".

Nesta mesma liña, Leiceaga sostén que o proxecto orzamentario "é máis do mesmo" por " atonía, conformidade, escaso proxecto e escasa capacidade de atención ás necesidades da xente, pouca empatía social, pouca colaboración cos esforzos que en materia de progreso e competitividade están a facer os distintos axentes económicos".

Á espera de analizar "os detalles en materia fiscal", argumentou que "ano tras ano" hai "anuncios grandilocuentes en política fiscal". Con todo, a posteriori obsérvase que "a recadación por eses tributos sobe" e tachou de "clientelismo de mercadotecnia" as rebaixas fiscais previstas. "Unha parte pode ver con que haxa unha expansión da base fiscal pero hai outra que é sorprendente, anúnciannos que en sucesións elimínase a tributación para o 99% das herdanzas, pero o nivel de recadación fiscal está a subir nos últimos anos, non deixa de suscitar unha certa perplexidade", alertou.

BNG CRITICA OS "AGASALLOS FISCAIS" A RENDAS ALTAS

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tamén advertiu de que os orzamentos presentados polo goberno da Xunta "non van dar resposta a dúas das grandes preocupacións" da maioría dos galegos, en canto a servizos públicos como sanidade, emprego ou educación e á creación de emprego "para recuperar o perdido durante a crise". Trátase, agregou, "duns orzamentos antisociais", que "poden deixar en evidencia que o proxecto de Feijóo está esgotado, sen ideas, sen iniciativa, sen impulso, sen ambición de país, un Goberno que está nunha fase cada vez máis decadente". Tamén Pontón asegurou que as contas para 2019 non teñen "unha fiscalidade xusta", porque "seguen facendo agasallos fiscais ás rendas máis altas mentres que hai esmolas e recortes pequenos que a maioría dos galegos non van notar".

Criticou así unha política fiscal que estima que "beneficia ás rendas máis altas" e que reduce recursos para financiar servizos básicos. "Se Feijóo quere alixeirar carga fiscal aos traballadores sería mellor que, en lugar de criticar o imposto aos carburantes, baixase a fiscalidade que permitise encher o depósito en Galicia sexa máis caro, a pesar de ter unha refinería na Coruña". Pero a cualificación de "orzamentos antisociais" tamén a vinculou, en primeiro lugar, á idea de que "non permitirán "reverter o buraco de 4.000 millóns de euros xerado esta década en sanidade e educación", e en segundo lugar, ante a "falta de estratexia produtiva" para a creación de emprego ou para innovación. Ademais, tamén afeou á Xunta a baixa execución, con "4 de cada 6 euros" neste ámbito sen gastar nas últimas contas, nun "reflexo da incapacidade da Xunta".

PP, DEFENDE A EXECUCIÓN E AS REBAIXAS FISCAIS

Pola súa banda, o portavoz do PP, Pedro Puy, replicou que as críticas da oposición son as "habituais", matizando que "hai unha diferenza substancial entre propoñer subida de impostos como é a do diesel, que fan administracións apoiadas por grupos de oposición en Galicia, e baixar tributos para impulsar política social ou gastos de familia". Preguntado na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces polas críticas á taxa sobre o patrimonio, subliñou que o que fará o Goberno galego é "recuperar o imposto previo á crise, o que estaba establecido polo goberno socialista tanto estatal, que despois de suprimilo recuperouno, como o socialista e nacionalista na Xunta antes da crise".

Agregou que se persegue "a recuperación da fiscalidade previa á crise, que era a que fixasen gobernos de esquerdas tanto a nivel estatal como autonómico". En canto á execución orzamentaria, defendeu que o Goberno galego "executa por encima do previsto", con "un 101 ou 102%" e a variación da composición interna do gasto faise, fundamentalmente, para aumentar partidas sociais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta