En Marea e PSdeG a favor de fiscalizar as axudas das grandes empresas e o PPdeG pide novas subvencións

En Marea crítica que o PP por defender os “intereses do oligopolio eléctrico” e o PSdeG avoga por garantir a permanencia das empresas que reciben axudas para evitar o peche de plantas. O PPdeG espera que a oposición o apoie para establecer un novo réxime de compensación polos prezos a estas empresas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/10/2018 | Actualizada ás 14:22

Comparte esta noticia

En Marea e PSdeG están a favor de controlar e fiscalizar as axudas que reciben as grandes empresas e multinacionais, sobre todo, en materia de enerxía eléctrica. Un control que, segundo din, evitaría que empresas como Alcoa poidan pechar as plantas que ten na Coruña ou Asturias.

Planta de Alcoa na Coruña.
Planta de Alcoa na Coruña.

Precisamente, o portavoz de En Marea, Luís Villares, criticou que o PP votase "en contra" de iniciativas da súa formación encamiñadas a "estabilizar" os prezos no sector eléctrico para que as empresas electrointensivas e os fogares galegos tivesen tarifas "estables".  "A Xunta non fixo todo o que estaba na súa man" para evitar o peche de Alcoa, asegurou nunha rolda de prensa na que acusou ao PP de defender “os intereses de oligopolio eléctrico". "Se agora van cambiar de posición, agradecemos sabelo e que se impliquen nisto", manifestou.

Ao ser preguntado pola situación da planta de Alcoa na Coruña, Villares tamén lembrou que, nos últimos dous anos, a súa formación tamén defendeu que "as partidas orzamentarias, que ascendían a 150 millóns de euros nos orzamentos xerais do Estado para estabilizar o mercado eléctrico fosen executadas" polo Goberno de Mariano Rajoy.

Ademais, volveu a pedir o levantamento "inmediato" do ERE extintivo en Alcoa, reclamou a creación dunha "mesa tripartita" para atallar este problema e demandou, tanto á Xunta como ao Estado, pór en marcha medidas para "a fiscalización de determinadas axudas que se conceden a empresas como Alcoa".

CONTROL DAS AXUDAS

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, considerou necesario actuar sobre o mercado enerxético e garantir a permanencia no territorio das empresas que reciben axudas públicas para evitar o peche de plantas como a de Alcoa na Coruña. Sobre esta cuestión dixo que "é o momento de sumar forzas, sociais, políticas e a acción de todos os gobernos" para conseguir que esta intención "non se materialice nun peche".

"A empresa ten que retirar o ERE extintivo e sentar a negociar as condicións nas que pretende permanecer na Coruña e en Avilés", sinalou. Así mesmo, apostou por "actuar en dous planos". En primeiro lugar, propuxo traballar sobre o mercado da enerxía e en segundo lugar, pediu actuar sobre as axudas públicas para que, no caso de que existan, incorporen unha "garantía de permanencia". "Se hai recursos públicos comprometidos a favor dunha empresa, ten que haber un compromiso de permanencia", subliñou.

Ademais, preguntado sobre a situación melloraría coa posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega como defenden os nacionalistas, Leiceaga asegurou que o problema destas propostas é que, "máis aló do slogan afortunado, non se sabe moi ben o que hai detrás" desta iniciativa.

O PPdeG AGARDA CONSENSOS 

 

Pola súa bandas, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, confiou en que, ao longo do pleno que comeza este martes na Cámara galega, se poidan alcanzar consensos co resto dos grupos da oposición, ao redor das fábricas electrointensivas e, singularmente, sobre Alcoa. Está pendente tamén a negociación dunha declaración institucional, para o que é requisito que todos os grupos do arco parlamentario estean de acordo.

 

Na orde do día da sesión plenaria, o PPdeG incluíu unha proposición non de lei sobre as electrointensivas na que se inclúe que se estableza un novo réxime de compensación polos prezos a estas empresas, non só Alcoa, senón tamén Megasa ou Ferroatlántica. "Confiamos en que esta iniciativa sirva para algo", manifestou.

 

Á marxe, tamén comparecerá o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, de forma extraordinaria e despois de manter xa a reunión co Goberno central. "Estamos a favor, como pide o comité de empresa, de traballar todos xuntos", expresou Pedro Puy, respecto diso do que confiou en lograr acordos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta