Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 23/10/2018 | Actualizada ás 18:00
Tras case mes e medio de vendima, o Consello Regulador da DO Valdeorras deu por rematada a campaña deste ano e fixo balance oficial. En comparación ao pasado ano, a cantidade de quilos recollidos ascendeu nun 15% e por variedades sitúase á cabeza o godello con máis de 2,6 millóns de quilos. De preto séguelle a mencía, con máis de 1,4 millóns de quilos e en terceiro lugar a garnacha tintoreira con máis de 357.000.
En canto a outras variedades, de palomino fino (jerez) recolléronse máis de 170.000 quilos e de sousón un total de 44.000. Tras estas variedades, aparecen a tempranillo con case 19.000 quilos, a albarello que pasou dos 13.000 e a merenzao con preto de 6.000. Nas últimas posicións temos a treixadura con máis de 2.100 quilos, a dona branca con preto de 1.500, a negreda ou mouratón (746 quilos), a caíño tinta (683 quilos) e o gran negro (80 quilos).
O Presidente da DO, José Luis García Pando referiuse ás variedades sousón e albarello especialmente indicando que “son dous tipos de uva que poden aumentar as posibilidades de ofrecer viños diferentes no territorio amparado”.
Alén dos datos cuantitativos, García Pando amosou satisfacción pola calidade da colleita "malia as pragas que afectaron aos viñedos" e afirmou que "esta vendima permitirá elaborar uns viños brancos e tintos magníficos para ser gozados por todo tipo de padais, incluídos os máis esixentes". Como remate da súa intervención, o presidente tamén quixo salientar que acreditada xa Valdeorras coa certificación ENAC, o reto agora está en superar a cantdade de viño que se coloca nos mercados estranxeiros, unha cifra que na actualidade está ao redor do 10%.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.