Traballadores de Povisa concéntrase diante do Parlamento pedindo figurar nos acordos co Sergas

O obxectivo é que o persoal do centro non quede á marxe dos acordos aos que asinen entre a empresa e o Servizo Galego de Saúde.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2018 | Actualizada ás 12:38

Comparte esta noticia

A portavoz do comité de empresa en Povisa, María Xesús Neira,  avisou que “tememos que negociarán entre eles (empresa e SERGAS), chegarán a un acordo, nós quedaremos fóra del e dentro duns anos volveremos a estar nas mesmas”. Por iso Neira insistiu en que “é primordial para nós que nese acordo figuren as nosas reivindicacións”.

Traballadores e traballadoras de POVISA diante do Parlamento
Traballadores e traballadoras de POVISA diante do Parlamento | Fonte: CIG

O persoal de POVISA demanda que no acordo que se asine logo das negociacións entre a dirección do centro e as autoridades galegas, se recolla a mellora das súas condicións laborais e o mantemento dos postos de traballo. Neste sentido, Neira subliñou que “non estamos aquí para mediar nesa negociación. Ese é un problema que hai entre SERGAS e hospital, que teñen que solucionar eles”.

O comité de empresa pide que  melloren as súas condicións para poder garantir unha atención de primeira calidade ás usuarias e usuarios. Remarcan este punto porque “o hospital está integrado dentro da rede sanitaria pública, atende unha parte importante da poboación e as e os usuarios de POVISA non poden ser de segunda categoría”.

O hospital POVISA conta cun total de 1.420 persoas traballando nel. A finais de setembro presentouse un preconcurso de acredores. Nese momento a empresa denunciou que o concerto co SERGAS “era ruinoso” e daba perdas e reclamou máis cartos para facerlle fronte a todos os gastos. A partir de aí iniciouse un proceso de negociación entre ambas as partes sen que, de momento, se chegara a un acordo, agás no relativo á farmacia de alto impacto que xestionará o SERGAS.

CONVENIO LABORAL CONXELADO

O convenio laboral en POVISA, segundo fontes sindicais “está conxelado desde decembro de 2010. Intentouse pór o convenio provincial, pero foi tombado por sentenza xudicial”. A presidenta do comité de empresa lembra que “o que se alegaba xa naquel momento é que non había unha estabilidade porque non estaba asinado un novo concerto, porque só había prórrogas”.

En 2014 asinouse un novo concerto no que tanto a empresa como a dirección do SERGAS aseguraban que daría estabilidade laboral e económica ao hospital. “Intentamos negociar o convenio colectivo, chegamos a ter unha mediación para iso e non se negociou” di María Xesús Neira. Catro anos despois “o que se di é que ese concerto dá perdas, que é ruinoso e nós volvemos estar outra vez no medio das súas negociacións, sen terse en conta para nada as nosas reivindicacións” reitera a presidenta do comité de empresa. “Queremos unha estabilidade laboral e económica, que é o mínimo nun hospital que presume de ter tantos premios e de ser o número un de atención ao usuario. Debe investir tamén nas súas traballadoras e traballadores”.

María Xesús Neira resumiu as demandas do comité en negociación  do convenio colectivo; que se negocie unha suba salarial “porque temos os soldos conxelados desde hai 8 anos”. Volver ás 40 horas a todo o persoal ao que se lle impuxeron xornadas de 35 horas. E por último, aumentar o cadro de persoal, “porque o actual é insuficiente para atender o volume de usuarios/as que temos”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta