Os dous cargos da Xunta aos que o fiscal acusa de coacción inmobiliaria terán que declarar como investigados

Deberán comparecer ante o maxistrado do Xulgado de Instrución Número 2 de Ourense o próximo 19 de novembro.

Por E.P. | OURENSE | 23/10/2018 | Actualizada ás 13:23

Comparte esta noticia

O maxistrado do Xulgado de Instrución Número 2 de Ourense citou en calidade de investigados á secretaria xeral técnica e de Patrimonio da Consellería de Facenda, M.P.S.M.H.--no cargo desde 2012--, e ao subdirector de Patrimonio da mesma Consellería, P.J.M.P. --no cargo desde 1998--, contra os que se querellou a Fiscalía por un presunto delito de coaccións inmobiliarias no edificio da antiga Cámara da Propiedade Urbana de Ourense, situado na Avenida da Habana e de titularidade da Xunta de Galicia.

Núñez Feijóo e Valeriano Martínez, no Consello da Xunta. XUNTA
Núñez Feijóo e Valeriano Martínez, no Consello da Xunta. XUNTA

Segundo recolle o auto, ambos cargos da Consellería de Facenda deberán comparecer o próximo 19 de novembro.

O fiscal xefe acúsaos na súa denuncia do 28 de setembro de 2018 de tentar presionar a dous inquilinos do inmoble sinalado para que desaloxasen as súas vivendas por "non substituír a iluminación" ou "non realizar o mantemento do ascensor" tras a negativa do Xulgado de Primeira Instancia Número 2 de Ourense e da Audiencia Provincial de Ourense á súa petición de desafiuzamento.

En base ao escrito do Ministerio Fiscal, a decisión de ambos os querelados de "deixar expedito o inmoble" tiña que ver "con algo que eles persoalmente entendían intolerable": que a renda mensual da muller inquilina era de 25,26 euros e a do home, de 74,97 euros, así como que os gastos de mantemento do edificio "eran dun importe notablemente superior ao importe das rendas".

CITACIÓN COMO TESTEMUÑAS

Á súa vez, o maxistrado do Xulgado de Instrución Número 2 de Ourense citou en calidade de testemuñas aos dous inquilinos do edificio, unha muller e un home, ambos de avanzada idade. A primeira deberá comparecer ante o xuíz o 28 de novembro --o fiscal xefe solicitou que se lle tomase declaración "á maior urxencia posible" dada a súa situación de "moi avanzada idade e enfermidade"--; o segundo, o 4 de decembro.

Segundo achegou o representante do Ministerio Fiscal na súa querela, o estado do edificio a día de hoxe "pódese cualificar de lamentable e insalubre" ao suprimirse "o servizo de limpeza e o mantemento do mesmo, non contando co servizo de ascensor nin tan sequera co dun porteiro automático".

AVAL DO CONSELLEIRO E DE FEIJÓO

Pola súa banda, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez --contra o que o fiscal xefe non ve "por agora" que "coñecese directamente ou tivese amparado de feito ou tácitamente as actuacións intimidantes sinaladas"-- avalou o pasado venres aos dous cargos denunciados por Fiscalía por suposta coacción inmobiliaria na rolda de prensa no Parlamento para presentar as contas galegas.

Neste sentido, explicou que as persoas afectadas "foron contactadas persoalmente" e ofrecéuselles un "aluguer equivalente" ou a indemnización correspondente, pero alegou que o obxectivo era o "ben superior", o "ben xeral", para tratar de "aforrar" gasto en alugueres á administración na provincia de Ourense.

Tamén o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, rexeitou que puidesen incorrer nun suposto delito de coacción inmobiliaria e incidiu en que "a única intencionalidade" na súa actuación era "recuperar un inmoble para o patrimonio da comunidade".

"Coñezo aos funcionarios, traballei en Patrimonio da comunidade e sei perfectamente que os funcionarios da hoxe Secretaría Xeral Técnica teñen absoluto rigor nas súas decisións e son honorables. Por suposto que os vou a defender, porque non me parece aceptable que se diga que queren cometer delitos", dixo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta