Suspendido o xuízo do 'caso Mahía' pola renuncia da defensa de varios acusados

Os procesados, entre eles o administrador da inmobiliaria, Ramón López Casal; teñen tres días de prazo para nomear novos avogados

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2018 | Actualizada ás 12:53

Comparte esta noticia

O xuízo do coñecido como 'caso Mahía' foi suspendido este mércores debido á renuncia da defensa de varios dos acusados --entre eles o que fora administrador da inmobiliaria, Ramón López Casal--, que teñen un prazo de tres días para nomear novos avogados.

Xuízo do caso Mahía. De costas, o principal acusado Ramón López Casal
Xuízo do caso Mahía. De costas, o principal acusado Ramón López Casal | Fonte: Europa Press

O proceso que debía comezar este mércores na Sección Sexta da Audiencia Provincial en Santiago foi posposto logo de que as defensas dalgúns dos procesados presentasen a pasada semana un escrito de renuncia alegando "discrepancias" cos seus clientes.

Deste xeito, os acusados teñen un prazo máximo de tres días para nomear unha nova defensa. Tanto Fiscalía como acusación particular coincidiron en sinalar o seu respecto á medida como forma de garantir o dereito de defensa, aínda que manifestaron a súa preferencia a que se respecten os prazos marcados para a celebración do xuízo.

Entre os procesados que terán que buscar novos avogados está o que fora administrador único de Mahía Inmobiliaria, Ramón López Casal, que se enfronta a unha pena de 12 anos de prisión polos delitos continuados de administración desleal, apropiación indebida e delitos societarios. Para o resto dos acusados, Fiscalía solicita nove anos e nove meses de prisión, ademais de indemnizacións que superan o dez millóns de euros.

ACUSACIÓN RESPECTA A MEDIDA

En declaracións aos medios á saída do xulgado, o avogado da acusación particular, Ulises Bértolo, expresou o seu respecto á medida decretada polo xuíz dado que "o dereito de defensa é sacro", aínda que emprazou a que esta situación non provoque "unha dilación que poida prexudicar" o dereito dos seus clientes "a ter un xuízo sen dilacións indebidas".

"A Sala vai tentar colocar o novo calendario de actuacións o máis axiña posible. Confiamos en que non haxa unha demora por esta renuncia", sinalou o letrado, que recoñeceu que a renuncia das defensas foi recibida con "sorpresa" porque se produciu "a poucos días" do inicio das sesións.

'CASO MAHÍA'

O 'caso Mahía' leva anos nos xulgados con distintas ramas en diversas zonas de España. Por exemplo, catro anos atrás, o Tribunal Supremo ratificou a condena interposta pola Audiencia de Valladolid contra López Casal e o alcalde de Arroyo de la Encomienda, José Manuel Méndez Freijo, por senllos delitos de suborno, en ambos os casos, e de prevaricación no segundo polo denominado 'caso Arroio'.

Para a rama que agora se abordará en Santiago, o escrito da Fiscalía remóntase ao 27 de novembro de 1989, cando se constituíu a sociedade Mahía Inmobiliaria, cuxo obxecto social era a promoción, construción de vivendas e adquisición de todo tipo de leiras, cunha composición accionarial na que M.G.M. contaba co 34% de participación, E.C.C., o 33%, e A.B.C., o 33% restante.

Posteriormente, López Casal entrou no accionariado da empresa mediante a compra do paquete accionarial de E.C.C., ocupando desde ese momento o cargo de administrador único da empresa.

A partir do ano 1995, o escrito engade que se foi creando un grupo empresarial formado por múltiples sociedades "compartidas" nas que participaban tres socios. Así mesmo, apunta que o que fora dono de Mahía, en "eficaz colaboración" con PE.B.I., M.L.F., MA.R.P., I.R.P. E P.L.F. (os outros cinco acusado), creou un conxunto de sociedades mercantís nas que o socio denunciante (M.G.M.) non tiña participación.

DESVÍO INTENCIONADO

Unha vez en marcha as sociedades particulares antes mencionadas nas que "intencionadamente" non tiña participación M.G.M., os acusados mencionados, a través das mesmas, como apoderados, administradores ou socios, "desviaron o negocio de Mahía" e das empresas compartidas nas que tiña participación o querellante a outras firmas particulares transferindo o negocio inmobiliario con obxecto de "prexudicar economicamente" ás sociedades ligadas a M.G.M.

Así mesmo, o escrito recolle que as contas das sociedades compartidas mencionadas por acordo do acusado principal co resto de procesados "non teñen valor contable nin probatorio, non reflectindo a situación real das empresas".

Tales irregularidades contables, continúa, "impediron e impiden ao querellante coñecer as operacións económicas e a situación real das empresas compartidas", pois os acusados "de propósito substraeron do coñecemento información contable e mercantil relevante", o que non permite coñecer as operacións que os acusados realizaron "en prexuízo" do socio demandante.

En concreto, constátanse movementos de fondos económicos desde as empresas compartidas coas non compartidas ou particulares, especialmente a favor da firma non compartida MP Grupo Inmobiliario, que recibiu préstamos das sociedades compartidas que non deveñan ningún tipo de interese, o que ocasionaría prexuízo ao socio denunciante, tendo en conta que a súa participación nas empresas compartidas achegábase aos 126.000 euros.

Por outra banda, concrétase que, entre maio de 2002 e febreiro de 2005 producíronse transmisións ou transferencias de activos desde M. Inmobiiliaria e M.Grupo Inmobiliario a favor das sociedades particulares ou propias dos acusados, coa transmisión de solares e parcelas por un prezo que estaría por baixo do mercado.

PETICIÓN DE PENAS E INDEMNIZACIÓNS MILLONARIAS

Após o relato dos feitos, o fiscal conclúe que son constitutivos de delitos continuados de administración desleal, apropiación indebida e delitos societarios. Para o que fose administrador único de Mahía, pide penas de 12 anos de cárcere e, para o resto dos acusados, nove anos e nove meses de prisión, ademais de indemnizacións que superan os dez millóns de euros.

En concreto, para López Casal, por delito continuado de administración desleal, Fiscalía demanda 3 anos de prisión e, para o resto dos acusados, 2 anos e tres meses.

Pola apropiación indebida, solicítase para o principal procesado 7 anos de prisión e unha multa de 10 meses a razón dunha cota diaria de 30 euros. Para o resto de acusados, a pena que se pide é de 6 anos e multa de 30 euros diarios durante nove meses.

En canto ao delito societario, 2 anos de prisión para López Casal e unha multa de 30 euros diarios durante 10 meses. Para os restantes acusado, a pena que se demanda por este delito é de 1 ano e seis meses de cárcere, e unha multa de 7 meses a razón de 30 euros diarios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta