As 85 cartas inéditas que descobren unha Emilia Pardo Bazán tradicionalista e preocupada pola moda

O Arquivo da RAG enriquece o fondo da escritora con estas misivas remitidas a á súa amiga Carmen Miranda durante catro décadas.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 24/10/2018 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

A figura da sempre enigmática Emilia Pardo Bazán volve estar de actualidde. A aparición de 85 cartas autógrafas, ata o momento inéditas, que a propia autora lle enviou entre os anos 1870 e ben entrado o século XX á súa amiga Carmen Miranda Armada, describen unha muller con preocupacións tradicionalistas, pero tamén moi interesada pola moda da época.

Unha das cartas inéditas de Emilia Pardo Bazán na que se interesa pola moda do seu tempo
Unha das cartas inéditas de Emilia Pardo Bazán na que se interesa pola moda do seu tempo | Fonte: RAG

Pardo Bazán escribiulle as misivas a súa amiga residente en Santiago de Compostela, desde A Coruña, Meirás, Mondariz, París e Madrid. Con esta correspondencia adquirida recentemente pola Real Academia Galega, o arquivo da institución enriquece o fondo que custodia da escritora e abre novos vieiros aos especialistas na súa vida e obra para seguir a investigar nela.

Segundo apunta a RAG nun comunicado este conxunto documental, totalmente descoñecido e inédito, "é sen dúbida un dos máis relevantes tanto polo volume de cartas como polo amplo período de tempo que abrangue", desde a década dos anos 70 do século XIX á década de 1910.  A correspondencia de Emilia Pardo Bazán a Carmen Miranda presentada está asinada e atópase en bo estado de conservación. Moitas cartas foron escritas en papeis con diferentes cabeceiras -da revista Nuevo Teatro Crítico que ela mesma editou e redactou entre 1891 e 1893, de hoteis, balnearios etc.- nos que a escritora deixou valiosas referencias biográficas, sen que falten alusións á súa vida intelectual.

TRADICIONALISMO E MODA

A receptora desta correspondencia pertencía a unha familia de rendeiros e estaba casada con Jacobo Pedrosa y Ulloa, un dos principais xefes do carlismo galego. Por iso tamén se pode atopar nestas cartas algún comentario interesante sobre a militancia tradicionalista de Emilia Pardo Bazán. Teñen, ademais, a curiosidade de permitir coñecer de primeira man a relación da novelista coa moda feminina da súa época, pois moitas das cartas xiran arredor do intercambio de noticias e apreciacións sobre esta, e algunhas delas ata inclúen bosquexos de vestidos realizados pola propia Emilia Pardo Bazán.

Estas cartas déronse a coñecer nun acto que tivo lugar este mércores na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán no que se presentou o novo número da revista La Tribuna. Cadernos de estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta