Un total de 3.172 inscritos votaron nas primarias de Podemos Galicia

Un total de 3.172 inscritos votaron nas primarias para elixir novos órganos de dirección de Podemos Galicia, que anunciará na tarde deste xoves os resultados dun proceso no que os deputados no Congreso Antón Gómez-Reino e Carolina Bescansa optan a facerse coa Secretaría Xeral da formación.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2018 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

O dato foi ofrecido na mañá deste xoves polo equipo técnico encargado do proceso, horas despois de pecharse as votacións a última hora do mércores.

Carolina Bescansa e Antón Gómez-Reino.
Carolina Bescansa e Antón Gómez-Reino.

Segundo fontes consultadas por Europa Press, o resultado coñecerase a partir da media tarde deste xoves unha vez concluído o reconto e pasado o proceso para detectar posibles irreguralidades nos sufraxios.

Deste xeito, as 3.172 persoas que emitiron o seu voto tiveron que confirmar a súa identidade presentando o DNI ou o pasaporte, requisito que se emprega por primeira vez en Podemos Galicia para participar en consultas internas.

Así, e atendendo a esta situación, o equipo técnico non ofreceu cifras da porcentaxe de participación sobre o total de inscritos na comunidade (uns 25.000). Cabe resaltar que na última consulta con datos desagregados por comunidades o número de participantes ascendeu a 4.000, aínda que neste caso non se incluíu o requisito de validar a identidade.

BESCANSA E GÓMEZ-REINO

A candidata Carolina Bescansa publicou unha mensaxe nas súas redes sociais no que agradece a participación nas primarias "a pesar dos novos requisitos establecidos para votar neste proceso cando xa estaba comezado", en referencia á citada confirmación de identidade.

A cofundadora de Podemos citou aos medios ás 19,00 horas deste xoves en Santiago para ofrecer declaracións do proceso, aínda que esta convocatoria podería sufrir variacións no caso de que os resultados non se coñezan antes dese momento.

"As inscritas e inscritos en Podemos Galicia votaron enviando unha mensaxe clara de compromiso, responsabilidade e autonomía. A dirección de Podemos Galicia decídena as galegas e os galegos", sinala a santiaguesa na súa mensaxe.

Pola súa banda, o outro candidato a liderar o partido, Antón Gómez-Reino, ten previsto regresar a Galicia desde Madrid na tarde deste xoves. No entanto, o seu equipo non confirmou se convocará aos medios após coñecerse o resultado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Marga

Participación do 12%? Logo da independencia xa nin falamos!