O Parlamento europeo pide a prohibición de fundacións que exalten o nazismo e o fascismo, como a de Franco

Alerta na Unión Europea ante o "auxe da violencia neofascista". Os 'populares' sumáronse á resolución coa condición de que non houbese relación directa con formacións concretas.

Por E.P. | Bruxelas | 25/10/2018 | Actualizada ás 15:46

Comparte esta noticia

O pleno do Parlamento Europeo pediu este xoves aos gobernos do bloque comunitario a prohibición das fundacións e asociacións "que exalten e glorifiquen o nazismo e o fascismo" nunha resolución que fai referencia á fundación Francisco Franco como "unha entidade que glorifica unha ditadura e os seus delitos".

Franco e Hitler saúdan a garda alemá en Hendaia, o 23 de outubro de 1940.
Franco e Hitler saúdan a garda alemá en Hendaia, o 23 de outubro de 1940.

A resolución, que contou co apoio de 355 votos a favor fronte a 90 en contra e 39 abstencións, pide aos gobernos da UE que tomen medidas para "condenar e sancionar con dureza os delitos de odio" e tomen "medidas suplementarias" para facer fronte á normalización dos discursos fascistas e xenófobos.

Así, os principais grupos políticos da Eurocámara puxéronse de acordo para denunciar conxuntamente o que consideran un "auxe da violencia neofascista" en toda Europa, mediante un texto que nace como consecuencia da agresión á eurodeputada italiana Eleonora Forenza e o seu asistente tras unha manifestación antifascista en Bari (Italia) o pasado 21 de setembro.

O texto destaca, no caso de España, a investigación contra doce membros da organización neonazi Hogar Social Madrid por incitación ao odio, a condena a membros de Falange, Alianza Nacional e Democracia Nacional polo ataque ao Centro Cultural Blanquerna en 2013, e as ameazas de morte contra o presidente de SOS Racismo.

Así mesmo, critica as acusacións desde a Fundación Franco e a familia do ditador contra os cidadáns que ocuparon o pazo de Meirás no verán de 2017 para reclamar que sexa devolto ao pobo galego.

'Populares', socialdemócratas, liberais, verdes e o grupo da esquerda unitaria pediron ós vinte e oito "unidades policiais contra o odio" e instaron á Comisión Europea a que poña en marcha medidas concretas e, por exemplo, anime ás organizacións da sociedade civil a que informen dos discursos e crimes de odio nos países.

Ademais, os eurodeputados pediron ao Executivo comunitario que poña en marcha procedementos de infracción contra os Estados membros que non cumpran cunha decisión de 2008 do Consello —a institución comunitaria que representa aos gobernos— que insta a que inicien accións penais na loita contra os delitos de odio.

A Eurocámara tamén avogou por "unha cultura da memoria común" e expresou "a súa profunda preocupación polo feito de que as xeracións máis novas se sentan cada vez menos interesadas pola historia do fascismo, e por tanto corran o risco de ser indiferentes ante novas ameazas".

ELIMINACIÓN DA SIMBOLOXÍA FRANQUISTA

Os grupos de esquerda (socialdemócratas, Verdes e Esquerda Unitaria) expuxeran varias mocións que finalmente prosperaron, polo que a resolución contén unha mención específica á fundación Francisco Franco e pide a España que elimine toda a simboloxía franquista ou ben se someta á "necesaria interpretación e contextualización".

Unha das relatoras parlamentarias do informe, a eurodeputada nacionalista galega Ana Miranda (BNG/Verdes), mostrou durante a votación no pleno de Estrasburgo un par de pancartas nas que pedía a ilegalización da fundación franquista e que non se repitan "nunca máis" os episodios fascistas.

Os 'populares' europeos —primeiro grupo da cámara— pediron durante as negociacións co resto de grupos que, para sumarse ao texto común, non debía incluírse ningún tipo de mención concreta a formacións, organizacións ou fundacións de ultradereita, e optar así por "un texto xeral" que servise para os 28 países da UE, aínda que o texto final si contén mencións específicas.

O eurodeputado de Ciudadanos/ALDE, Javier Nart, criticou que "socialistas e extrema esquerda quixesen romper o consenso europeo ao redor desta resolución manipulándoa para os seus particulares fins domésticos" pero mostrouse satisfeito de que os liberais apoiasen o texto "contra os ataques fascistas, racistas e xenófobos en Europa porque estamos en contra de calquera tipo de violencia".

Pola súa banda, os eurodeputados de Esquerra Republicana de Catalunya, Josep-Maria Terricabras e Jordi Solé, pediron mediante un comunicado de prensa ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que "aplique a resolución" e prohiba a fundación franquista e os partidos políticos "do mesmo signo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 9 comentarios

2 nostrus

Faga o que se faga débese incluir nese criterio ao comunismo e a sua simboloxia, habida conta de que o comunismo na Humanidade superou en atrocidade ao nacismo. O comunismo debe estar soterrado nun sarcófago compartindo espacio co nacismo, franquismo e fascismo e si se prohibe a sua simboloxia, tamen se deberá prohibir a fouce co martelo.

1 Marga

A resolución refírese a actos recentes de violencia e odio específicos protagonizados por neofascistas en distintos países, incluída España. Outra cousa é facer crítica histórica, e denigrar o estalinismo (por suposto!), e criticar os que o defenden. Pero prohibir a fouce, ou a estrela vermella, coma símbolos, sería o mesmo que prohibir a cruz cristiana ou a media lúa polos millóns de mortos que provocaron no pasado.

2 hostrus

Faga o que se faga, débese incluír nese criterio ao capitalismo e á súa simboloxía, habida conta de que o capitalismo na humanidade superou en atrocidade á súa derivación: o nazismo. O capitalismo debe estar soterrado nun sarcófago compartindo espazo coas súas versións: nazismo, franquismo, fascismo... E se se prohibe a súa simboloxía, tamén se deberá prohibir o símbolo $.

3 nostrus

Marga, enton, polo teu argumento, ti queres dicir que a cruz gamada non debe prohibirse habida conta de que ese simbolo non foi creado polo nacismo, sinon que é moito mais antigo e esta asociado a outras ideoloxias. A fouce e o martelo só esta asociado ao comunismo. hostrus, trabúcaste totalmente porque o capitalismo é o sistema con que mais prosperidade hai na Humanidade e a vez moi ligado a democracia, posto que non é posible democracia sen capitalismo.

1 anonimo

Grazas, Ana Mirada

1 Bernal Calvo Delaciga

A vosa Ana "Mirada", "eurodeputada" prestada, tan só foi unha das moitas relatoras, xa que a iniciativa partíu doutros grupos. Todo iso que anda a difundir hoxe o BNG polas redes é outra máis das súas mentiras para o autoconsumo da propia parroquia, como sempre.

2 anonimo

Bernal, se a envexa fose tiña, ......

3 Bernal Calvo Delaciga

Si, moita envexa da vosa "eurodeputada" interina, que bota 5 anos levándolle os cafés ao de Bildu e 5 meses intentando chamar a atención á desesperada. Moita envexa, si.

4 Marga

Si, e os cinco de Madrid (que foran seis en 2015) poderían aprender a chamar a atención...