Gómez-Reino pide "unidade" en Podemos Galicia e busca a "integración" da lista de Bescansa

"É un bo día para Podemos, pero sobre todo para Galicia", di o deputado, que cre que comeza "a conta atrás" de Feijóo na Xunta.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2018 | Actualizada ás 22:23

Comparte esta noticia

O deputado de En Marea Antón Gómez-Reino apelou a fortalecer a "unidade" en Podemos Galicia após a súa vitoria nas primarias, nas que se impuxo a Carolina Bescansa, a quen tendeu a man para a súa "integración" na renovada dirección do partido morado galego.

Candidatura de Antón Gómez-Reino para liderar Podemos Galicia. +PODEMOS
Candidatura de Antón Gómez-Reino para liderar Podemos Galicia. +PODEMOS | Fonte: Europa Press

Gómez-Reino, gañador do proceso co 55% dos votos polo 45% obtido por Bescansa, compareceu ante os medios na súa cidade natal, A Coruña, onde mostrou a súa satisfacción polos resultados da III Asemblea Cidadá de Podemos Galicia que o converten no terceiro secretario xeral da organización desde o seu nacemento.

Así, após agradecer aos máis de 3.000 inscritos que emitiron o seu voto e felicitar ao conxunto da organización polo desenvolvemento do proceso interno, o novo líder de Podemos Galicia indicou que o "mandato" que emana destas primarias é "claro": "Unidade, unidade e unidade". Neste sentido, incidiu en que "a partir de mañá" el e o seu equipo traballarán por cumprir co devandito mandato de "unidade" para, deste xeito, abrir "un tempo novo en Galicia" e en Podemos, que "ten o desafío de estar no centro do espazo do cambio deste país".

Gómez-Reino, que representaba a candidatura máis favorable á denominada confluencia expresada no partido instrumental En Marea, reivindicou que o obxectivo é "consolidar o cambio" a partir "das eleccións europeas e municipais" do próximo ano 2019, que servirán de arranque do "camiño para desprazar ao PP de Feijóo do Goberno da Xunta en 2020". "A partir de hoxe empeza a conta atrás do goberno de Feijóo na Xunta. Hoxe é un bo día para Podemos Galicia, pero sobre todo éo para Galicia", remarcou.

INTEGRACIÓN DE BESCANSA

A continuación, recoñeceu que após coñecerse os resultados recibiu a chamada de Carolina Bescansa, a quen tende a man para "integrarse" nos órganos directivos de Podemos Galicia, algo que, segundo sostén, fixo logo de coñecerse a intención da santiaguesa de concorrer ao proceso de cara á creación dunha candidatura de "unidade" que "non foi posible".

"Desde o primeiro momento estamos a ser moi claros con iso. Tendémoslle (a Bescansa) a man o primeiro día", sinalou, para logo incidir en que o partido debe "contar con todo o mundo" porque ese "é o mandato" non só dos inscritos do partido, senón "da sociedade". "Esíxennos ser responsables, maduros e saber chegar a acordos", apostilou.

Ademais, emprazou a que outro dos "mandatos" aos que debe facer fronte a recentemente elixida dirección é "ampliar" os círculos de Podemos Galicia. "É importante que haxa un círculo en cada barrio, en cada pobo, en cada cidade", engadiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta