A Xunta ve "un negocio redondo para Audasa" a suba das peaxes na AP-9

No incremento de prezos tamén se repercute o que a empresa deixou de gañar polas bonificacións aos viaxeiros habituais entre Vigo e Pontevedra, pactadas en época de Ana Pastor (PP).

Por E.P. | VIGO | 26/10/2018 | Actualizada ás 15:15

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia cualificou este venres como "negocio redondo para Audasa" a última suba das peaxes na autoestrada AP-9, dun 2 por cento, aprobada este venres en Consello de Ministros, e que supón completar o incremento pactado coa concesionaria para compensar o custo das obras de ampliación do vial --en Santiago e na ponte de Rande--, así como as bonificacións nas viaxes entre Vigo e Pontevedra.

Cabinas de peaxe da autoestrada AP-9
Cabinas de peaxe da autoestrada AP-9 | Fonte: PontevedraViva.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, vinculou este aumento de tarifas aos acordos alcanzados en 2011 polo Ministerio de Fomento --dirixido entón polo socialista José Blanco-- e a concesionaria sobre as obras de ampliación da autoestrada, aínda que foi o Goberno de Rajoy quen apostou por poñelo en marcha. Ademais, no incremento de prezos tamén se repercute o que a empresa deixou de gañar polas bonificacións aos viaxeiros habituais entre Vigo e Pontevedra, pactadas en época de Ana Pastor (PP) como ministra.

"É un incremento de peaxes importante", constatou a conselleira, que insistiu en botarlle a culpa ao PSOE e evitar facer autocrítica dos gobernos do PP. Así, engadiu que "é consecuencia dun convenio e un Real Decreto da etapa de José Blanco". "Un negocio redondo para Audasa, que financia as obras con cargo á peaxe durante 20 anos a un interese fixo do 8 por cento", engadiu e criticou a "incongruencia" do PSOE que, "hai uns meses dixo que esas obras poderían financiarse por vía orzamentaria".

Por outra banda, Ethel Vázquez criticou a "deslealdade" do Goberno con respecto á forma de trasladar esta medida, e lamentou que a Xunta se enterou da medida por "canles non oficiais", a pesar de que leva "moito tempo" solicitando esta información.

Segundo informou Fomento este venres, o Consello de Ministros aprobou a adenda ao convenio asinado en 2011 coa concesionaria, no que inclúe a "actualización de tarifas" da autoestrada AP-9. Así, acórdase aplicar as subas pendentes --establecidas en 2011 e 2013--: un 1 por cento acumulativo durante 20 anos polas obras de ampliación da AP-9; e 1 por cento en 2018, un 0,8 por cento en 2019 e un 0,8 por cento en 2020 polas bonificacións entre Vigo e Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta