Derradeiro golpe xudicial á explotación da mina de ouro en Corcoesto

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia falla contra o recurso de Edgewater e dá a razón á Xunta e as entidades contrarias ao polémico plan da empresa canadense.O proxecto mineiro de Edgewater en Corcoesto debera servirlle á Xunta de Galicia, e en concreto ao Director Xeral de Enerxía e Minas, para aprender que non se pode confiar nas multinacionais, que alleas aos intereses de Galicia, só venden fume e proxectos extractivos depredadores de recursos, que só se queren aproveitar ao máximo deles e que non lles importa nada as consecuencias dos seus actos. A asociación Petón do Lobo agradece as súas persoas socias, plataformas, asociacións e á cidadanía en xeral, todo o apoio recibido ao longo da extensa tramitación xudicial deste caso, e anima á Plataforma veciñal de Touro –O Pino a manter e preservar no tempo o espíritu de loita contra outro proxecto depredador e contaminante como é o que lles afecta. Petón do Lobo di que desta sentenza a Xunta ten que aprender "que non se pode confiar nas multinacionais que só venden fume e proxectos extractivos depredadores de recursos".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/10/2018 | Actualizada ás 15:27

Comparte esta noticia

A Xustiza dá o derradeiro golpe ao polémico proxecto de explotación da mina de ouro en Corcoesto que pretendía poñer en marcha a multinacional canadense Edgewater. Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galcia (TSXG) falla contra o recurso interposto por Minería de Corcoesto SLU —empresa creada polos canadenses— e a súa demanda contra a Consellería de Economía e Industria, o Concello de Cabana de Bergantiños e a asociación ambiental Petón do Lobo. A sentenza tamén condena a empresa a pagar as costas do xuízo por unha contía de "4.000 euros por todos os conceptos más IVE, que a parte demandada e codemandada, a excepción do Concello, poderán repercutir a razón de 2.000 euros cada unha más IVE en atención á formal oposición efectuada". 

Manifestación en contra da mina de ouro en Corcoesto no concello de Coristanco
Manifestación en contra da mina de ouro en Corcoesto no concello de Coristanco | Fonte: W. Burns

A sentenza da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG emitiuse este pasado 24 de outubro e nela desestímase o recurso de reposición contra a resolución da Consellería pola que se denegou a aprobación do proxecto de explotación mineiro, baseándose en que a empresa non acreditou en tempo e en concreta forma a súa solvencia económica e técnica

Qué demandaba a empresa mineira neste recurso? Que se anulasen as resolucións recorridas, se declarase que o proxecto estaba aprobado por "silencio administrativo positivo" e que subsidiariamente se condenase á Administración Pública demandada —a Xunta— a aprobar o proxecto de Corcoesto ou, noutro caso, se condenase a esa Administración a indeminizar a empresa.

No fallo, ao que tivo acceso Galicia Confidencial, a Sala "non apreza" ningunha "vulneración de procedemento" alegada pola empresa nin ningunha outra.

ARGUMENTACIÓNS

Entre outras argumentacións, o TSXG expón que "debe lembrarse que a normativa estatal básica en materia de  minería está constituída pola normativa estatal: Lei 22/1973, do 21 de xullo, de Minas [...] e polo Real Decreto 2857/1978, do 25 de agosto, que aproba o Regulamento Xeral para o Réxime de Minería". E prosegue: "En ambas as disposicións esíxese expresamente a solvencia técnica e económica do proxecto ao solicitante de dereitos de explotación mineira".

Nesta liña argumentativa, recorda que o artigo 105.1. h) do Regulamento de Minería prevé como causa de finalización e denegación da autorización mineira “non considerar suficiente a Administración a solvencia do  peticionario, ou viable o seu programa de financiamento e non depositar aquel a fianza na contía, forma e prazos previstos nos casos establecidos na Lei e este Regulamento”.

Na súa exposición, o alto tribunal mantén, polo tanto, que "a Lei e o Regulamento non esixen unicamente a solvencia técnica e económica do proxecto mineiro para outorgar dereitos de explotación senón tamén para a investigación ou prospección mineiras (artigo 45 da Lei de Minas e 64 do Regulamento de  Minería) así como para a cesión (ao  cesionario ou  adquirente) de dereitos de explotación mineira (artigo 95 da Lei de Minas e 121 do Regulamento de  Minería)".

Tamén lembra que a propia lexislación galega aplicable, a Lei 3/2008, de 23 maio, de ordenación da minaría de Galicia, no seu artigo 17 aborda o requisito da solvencia económica e técnica dos proxectos mineros da siguiente forma: “Toda solicitude de dereitos mineiros incluirá, polo menos, a seguinte documentación (….):  c) Un informe de viabilidade e solvencia, que acredite que a persoa solicitante reúne os requisitos esixidos na lexislación mineira para poder ser titular de dereitos mineiros, especialmente a súa solvencia económica e técnica".

O TSXG considera, ademais, "lóxica" a "esixibildade" dos requisitos á empresa por parte da Xunta, xa que "á vista do interese público inherente á xestión dos recursos minerais, no outorgamento dunha concesión mineira a Administración debe garantir a racionalidade da explotación que se pretenda, máxime cando se ache con proxectos de tamaña envergadura como o presente, racionalidade que se tutela mediante a análise rigorosa da solvencia económica e técnica da solicitante, que neste caso non acreditou, debido a que non deu cumprimento ao requirimento que se lle fixo con esa finalidade".

Doutra banda, afirma que "o extenso e exhaustivo informe pericial efectuado conxuntamente pola empresa Gran Thorn e CRS, —achegado á causa co fin de acreditar eses requisitos— do que o perito Don Juan León Cuollaut Sáez de Sicilia é autor, adoece de rigor" e tamén "parte dunha serie de contradicións coas declaracións do perito a preguntas escritas que se lle formularon durante a práctica desa proba, se partimos de que as contas dunha empresa son instrumentos que se utilizan en contabilidade para representar os diferentes elementos patrimoniais da mesma, recoller as variacións experimentadas por cada un deses elementos patrimoniais durante un período de tempo e poñer de manifesto o seu valor nunha data determinada".

Neste aspecto, o tribunal afonda: 

[...] xa se comprende que aludir sen máis a unha serie de gastos que –se dise fixeron nos anos que indica, aínda que precise que tomando en consideración que eses anos foron os  perores da crise e que non se xeraba ingreso algún, con tal  aserto o que recoñece é que non tiña acreditada a súa solvencia económica, aínda que ao seu xuízo non é lóxico achacalo á empresa; que é certo que a mineira de Corcoesto puxo en valor o xacemento, considerando o investimento total realizado e o programa de financiamento do proxecto (liña de crédito polo importe que sinala coas financeiras que nomea); por tanto que era viable economicamente, pero ese diagnóstico non permite comprobar se a empresa podía ofrecer garantías suficientes e rendibilidade aos posibles investidores, se se fixer unha análise das perspectivas do sector no que esa empresa operaría, unha análise dos seus balances e consecuente análise das cocientes aplicables que nos permitisen avaliar a súa situación de liquidez, isto é a posibilidade de atender pagos a curto e medio prazo, capacidade que lla denomina [“solvencia”], o seu grao de endebedamento, se é correcto en canto á cantidade e á calidade; por tanto a súa independencia financeira respecto de bancos e outros acredores, suficiente capitalización, xestión eficiente dos activos en que inviste a empresa e equilibrio financeiro da mesma, pero eses aspectos non se poden deducir de libros maiores de contabilidade dunha empresa.

Respecto á pretensión da empresa de que se declare aprobado por silencio positivo da Administración o proxecto mineiro, o TSXG lembra que en Sentenza do 10 de xullo de 2006 da Sección 3ª da Sala do contencioso-administrativo o Tribunal Supremo afirmou, entre outras, cousas que “non se pode entender estimado o acto por silencio administrativo positivo debido a que o acto presunto afecta a facultades relativas ao dominio público viario e hidráulico; trataríase de impoñer á Administración unha conduta que afecta de maneira nítida a ese dominio público”. 

ASOCIACIÓN PETÓN DO LOBO

Pola súa banda, a Asociación Petón do Lobo asegura que esta sentenza debera servirlle á Xunta de Galicia, e en concreto ao Director Xeral de Enerxía e Minas, para "aprender que non se pode confiar nas multinacionais", que alleas aos intereses de Galicia, "só venden fume e proxectos extractivos depredadores de recursos, que só se queren aproveitar ao máximo deles e que non lles importa nada as consecuencias dos seus actos".

Nun comunicado, agradece as súas persoas socias, plataformas, asociacións e á cidadanía en xeral,  todo o apoio recibido ao longo da extensa tramitación xudicial deste caso, e anima á Plataforma veciñal de Touro –O Pino a manter e preservar no tempo o espíritu de loita contra outro proxecto depredador e contaminante como é o que lles afecta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta