A poboación galega, a que máis marcapasos necesita en España

A taxa de implantes destes aparellos en Galicia é a máis alta no Estado por terceiro ano consecutivo e alcanza xa as 1.153 unidades por millón de habitantes. Os expertos atribúeno ao envellecemento da poboación.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/10/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia é a comunidade autónoma coa maior taxa de implantación de marcapasos na poboación en España. Nos últimos tres anos, os hospitais galegos veñen liderando a taxa de intervencións de colocación destes aparellos, chegando a unha marca histórica en 2017 de 1.153 implantes por millón de habitantes (a taxa media estatal é de 820 unidades/millón).

Marcapasos.
Marcapasos.

Esta cifra sitúa a poboación galega no primeiro lugar na taxa de uso de marcapasos, seguida pola de Castela e León (1.101/millón) e Aragón (1.011). Pola contra, as taxas máis baixas atópanse na Rioxa (611/millón), Murcia (623) e Andalucía (689).

Galicia lidera esta clasificación desde o ano 2015, cando a taxa alcanzou os 1.055 implantes por millón de habitantes, elevándose en 2016 e 1.135/millón e un ano despois, a 1.153. 

Nos anos previos, a taxa de implantación era das máis altas do Estado, pero non a primeira. Foi en 2014 cando por vez primeira Galicia superou a taxa de mil implantes por millón de habitantes; en concreto, aquel ano foi de 1.013, só superada por Estremadura (1.126), mentres que en 2013 só Castela e León acadara más de mil unidades por millón, seguida de Galicia e Asturias, con máis de 900.

Os expertos atribúen ao envellecemento da poboación o liderado destas autonomías na taxa de implantación de marcapasos. De feito, Galicia é a segunda comunidade autónoma máis envellecida (só Asturias nos supera), con 195 maiores de 65 anos por cada 100 menores de 16, cando a media estatal se sitúa en 120 maiores de 65 anos por cada 100 menores de 16, segundo datos do Instituto Nacional de Estadística (INE).

A isto hai que engadir que as enfermidades cardiovasculares son a principal causa de morte na poboación. As taxas brutas máis elevadas de falecidos por cada 100.000 habitantes en 2015 corresponderon a Asturias (1.297,8), Castela e León (1.189) e Galicia (1.162,8). O noso país sitúase por enriba da media estatal en mortalidade debida a causa cardíaca.

MARCAPASOS SEN CABLES

Galicia tamén destaca na implantación de marcapasos sen cables. O servizo de cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) foi o primeiro no país e o terceiro no Estado español en implantar un marcapasos destas características. Aconteceu o 24 de marzo de 2014 e implantouse a un paciente de 84 anos natural de Carballo. 

Cada ano que pasa, a implantación deste tipo de marcapasos aumenta en España. En 2015, foron un total de 77 unidades en toda España; en 2016 incrementouse até as 200, e en 2017 foron implantados en todo o Estado 333 unidades de marcapasos sen cables en 12 comunidades autónomas.

Cataluña, con 78 unidades, e Galicia, con 70, son as autonomías nas que máis marcapasos sen cables se implantaron o pasado ano. E canda a Comunidade Valenciana (45) suman o 58% da actividade total. 

Os datos son aportados no último 'Informe Oficial de la Sección de Estimulación Cardiaca de la Sociedad Española de Cardiología', baseado no Registro Español de Marcapasos, que recolle datos en Galicia dos seguintes centros hospitalarios: Clínica Quirón, Centro Médico El Carmen, Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Hospital Nuestra Señora de Fátima, Hospital Álvaro Cunqueiro, Hospital Lucus Augusti, Hospital Materno Infantil Teresa Herrera, Hospital Montecelo e Hospital San Rafael.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta