Investigan unha veciña de Vigo que conducía con 5 nenos sen medidas de seguridade e co carné retirado

Tentou fuxir cando foi interceptada pola Garda Civil de Tráfico e conduciu "de forma temeraria". O carné fóralle retirado por sentenza xudicial.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/10/2018 | Actualizada ás 19:13

Comparte esta noticia

A Garda Civil informou este sábado de que se investiga penalmente a unha veciña de Vigo por conducir "de forma temeraria" cando pretendía "fuxir" despois de ser sorprendida ao volante dun coche a pesar de ter o carné retirado. Os feitos sucederon o pasado xoves na estrada Mos-Puxeiros, cando unha patrulla do Destacamento de Tráfico da Garda Civil do Porriño deulle o alto a un usuario que supostamente cometera unha infracción en materia de seguridade viaria.

Policía Local de Vigo
Policía Local de Vigo | Fonte: Miguel Núñez

A condutora do turismo non respectou os reiterados sinais de alto que lle fixeron e tentou fuxir, acelerando o vehículo e conducindo de forma neglixente e temeraria para porse fora do alcance da patrulla que non tardou en darlle alcance. Cando foi interceptada e identificada, púidose comprobar que carecía da preceptiva autorización administrativa para conducir, ao serlle retirada por sentenza xudicial.

Por mor desta intervención, a patrulla da Agrupación de Tráfico tamén puido comprobar que na parte de atrás do vehículo viaxaban cinco nenos de idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos: tres deles ían no asento sen cinto de seguridade nin sistema de retención infantil e os outros dous estaban sentados no chan do turismo.

INFORME Á FISCALÍA DE MENORES

Por mor da neglixente actuación desta condutora, notificóuselle a súa condición penal de investigada como suposta autora dun delito contra a seguridade viaria. Ao mesmo tempo, emitiuse un informe á Fiscalía de Menores debido ás deficientes medidas de seguridade coas que viaxaban os nenos no coche. As dilixencias instruídas remitíronse ao Xulgado de Instrución Número 2 do Porriño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta