A Real Academia Galega nomea a Afonso Vázquez-Monxardín novo académico correspondente

No pleno RAG celebrado o venres pola tarde votouse favorablemente á proposta de incorporación do catedrático de Lingua e Literatura galegas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/10/2018 | Actualizada ás 19:37

Comparte esta noticia

Afonso Vázquez-Monxardín (Ourense, 1960) é licenciado en Xeografía e Historia e desde 1983 é docente de Lingua e literatura galegas, no IES As Lagoas de Ourense. Os seus primeiros traballos están moi relacionados coa carreira que estudou, na que se especializou en Prehistoria e Arqueoloxía.

Afonso Vázquez-Monxardín, novo académico correspondente da RAG. REAL ACADEMIA GALEGA
Afonso Vázquez-Monxardín, novo académico correspondente da RAG. REAL ACADEMIA GALEGA | Fonte: Europa Press

Colaborou co Museo Arqueolóxico de Ourense, nos xacementos de Castromao, San Cibrao de Las o A Lanzada, e tamén noutros territorios en Portugal e Italia. En 1983 incorporouse á docencia de Lingua e Literatura galegas pero continuou a súa relación coa historia, cursando novas especialidades e mantendo a condición de colaborador do Museo Arqueolóxico de Ourense.

Segundo explica a Real Academia Galega, como profesor visitante de lingua e culturas galegas, Afonso Vázquez-Monxardín Fernández está moi vinculado a universidades e centros galegos de América do Sur. Tras participar a finais dos anos 70 na comisión cidadá que gravou entrevistas para radio a Celso Emilio Ferreiro, Blanco Amor ou Xaquín Lorenzo, foi en 1991 un dos impulsores do proxecto Arquivo Sonoro de Galicia no seo do Consello da Cultura Galega, concibido para rescatar a memoria sonora de distintas sociedades da Galicia territorial e emigrante e integrala con outros exemplos da memoria sonora culta e popular nunha fonoteca pública.

Foi ademais o organizador da primeira campaña de microfilmación de prensa e rescate de publicacións no Centro Galego de Buenos Aires para o Arquivo da Emigración. A tradución é outro dos campos que cultivou. En 1985 participou na creación da Asociación Galega de Tradutores e traduciu ao galego durante dous anos a serie 'Magnum' para a súa emisión na TVG.

En 1979 comezou as súas colaboracións en prensa, na Región, onde publicou unha serie de 70 artigos sobre a evolución da toponimia urbana de Ourense. Polo seu labor como articulista mereceu o Premio de Xornalismo Literario Carlos Casares (2017) e o Premio Aurelio Carracedo de Xornalismo (2009). Como creador literario tamén cultivou o Premio Ourense de Contos para a Mocidade (1987) e foi finalista no Premio de Narracións Breves Antonio Machado (1989).

Rutas literarias, guías didácticas de escritores ou guións de vídeos son outras das achegas realizadas por Afonso Vázquez- Monxardín en relación coa realidade cultural ourensá e do conxunto de Galicia. Desde hai un ano é secretario da Fundación Otero Pedrayo, onde organizou a terceira edición do Abril Oteriano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Sempre é uma boa nova a incorporação dum acadêmico a RAG. Desejo que a RAG comece a trabalhar pela supervivência do Nosso Idioma, que esmorece lentamente, perde falantes porque não há transmissão inter-geracional, porque o que falávamos galego no passado deixamos de fala-lo porque singelamente as pessoas com quem o falávamos morreram.