Derrota parcial de Villares no plenario de En Marea que acrecenta a división interna do partido

Só a disparidade de criterio sobre o modelo de primarias evita que todas as teses defendidas polos críticos saian adiante.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/10/2018 | Actualizada ás 23:45

Comparte esta noticia

O sector crítico agrupado na denominada Mesa da Confluencia impuxo gran parte das súas teses sobre as da dirección de En Marea que encabeza Luís Villares. Só a disparidade de criterio entre os propios críticos sobre o sistema das eleccións ao Consello das Mareas evitaron que todas as emendas presentadas pola Mesa saísen adiante nun bronco plenario que acrecenta a profunda división interna existente no partido instrumental.

Plenario de En Marea
Plenario de En Marea | Fonte: E.P.

En Marea escribiu este sábado na Facultade de Económicas un novo episodio na súa curta historia. O plenario presentábase como o pistoletazo de saída para o proceso de renovación interna que concluirá coas eleccións ao Consello das Mareas, máximo órgano de dirección do partido instrumental.

A cita deste sábado estivo marcada polo enfrontamento aberto entre os dous sectores que disputarán os órganos de dirección nas eleccións internas que se celebrarán entre o 1 e o 3 de decembro: por unha banda, a dirección que encabeza Luís Villares e, por outro, o sector crítico agrupado na Mesa da Confluencia, na que participan Anova, EU, Podemos e as mareas de Santiago, Ferrol e A Coruña, entre outras.

O chamamento efectuado por estes últimos a participar activamente no partido instrumental tivo efecto e o deste sábado foi o plenario máis multitudinario que En Marea celebrou até a data, con picos de 600 persoas. No entanto, as principais referencias das formacións que integran a Mesa non acudiron á cita, coa excepción de Anova (Antón Sánchez) e Compostela Aberta (Martiño Noriega), marea promotora da iniciativa.

O plenario desenvolveuse baixo un clima de forte tensión que, mesmo, obrigou a suspender a sesión durante media hora cando aínda se debatía o regulamento da xornada. A interrupción debeuse á presenza dalgunhas persoas que non formalizaran a súa inscrición para participar en tempo e forma. "Están a tentar roubar o plenario", chegou a exclamar a deputada de En Marea, Luca Chao, afín ao sector crítico.

Reiniciada a sesión, estes últimos, que na primeira votación fixéronse co control coa mesa do plenario, lograron sacar adiante a maior parte das súas teses, incluída o rexeitamento total ás teses da dirección para a estratexia política de En Marea a nivel estatal e a forma de concorrer ás eleccións europeas.

REGULAMENTO DO PRIMARIAS

Un dos principais focos de atención da xornada era a aprobación do regulamento para as eleccións de renovación do Consello. Finalmente, a proposta dos críticos para ampliar o censo do proceso até o 23 de novembro foi aprobada, pero non así a emenda da Mesa que pedía cambiar o sistema electoral a un modelo de listas abertas e candidaturas individuais.

As diferenzas no propio seo do sector crítico sobre esta cuestión provocou que a emenda decaese, polo que o proceso electoral se levará a cabo a través dun sistema de candidaturas pechadas, o mesmo que se usou nas primeiras e últimas eleccións ao Consello, celebradas a principios de 2016 e que supuxeron o xerme da división interna que este sábado viviu un dos seus puntos máis álxidos.

A aposta polo modelo de listas pechadas foi interpretado como unha vitoria polo sector oficialista de Luís Villares, que en declaracións ao termo do plenario asegurou que o sistema "proporcional" garante que o resultado das votacións sexa "plural". Así as cousas, as eleccións ao Consello antóllanse chave no futuro político de En Marea e, previsiblemente, marcarán un antes e un despois no rumbo do proxecto rupturista.

Ademais, entre as emendas aprobadas a proposta da Mesa tamén figura suprimir gran parte das incomptabilidades para optar a un posto no Consello e abrir a porta á creación de liberados, figura que non existe na actualidade no partido instrumental.

DEPUTADOS DO CONGRESO

Outra das polémicas do día foi a negativa a render contas ante o plenario dos deputados de En Marea no Congreso, que enviaron unha carta na que xustificaban a súa decisión aludindo a que a súa elección como parlamentarios produciuse baixo unha candidatura de coalición electoral nas xerais de xuño de 2016, un mes antes da constitución do partido instrumental, polo que non recoñecen a este como seu.

Após a lectura da misiva por parte da mesa de moderación, a deputada nas Cortes Alexandra Fernández tomou a palabra "por responsabilidade" para, a título persoal, criticar abertamente a acción política de En Marea en Madrid que, segundo a de Anova, é "un satélite" do Grupo Confederal de Unidos Podemos no que se integran.

Fernández incidiu en que "priman os intereses persoais" no labor no Congreso, onde a axenda "está marcada por dúas ou tres persoas que deciden o que lles convén" e "insisten en apartarse das decisións colectivas".

"Indígname que teñamos a maior representación da historia de Galicia e que esteamos a perder esa capacidade", remarcou Fernández, que asegurou que a negociación dos orzamentos é o "exemplo máis clave" de que os "intereses persoais" priman sobre a acción de representación do suxeito político galego.

Minutos antes de coñecerse a decisión adoptada polos parlamentarios, o histórico dirixente nacionalista, Xosé Manuel Beiras, volveu lanzar reproches contra os cargos representativos que "renegan" de En Marea, aos que acusa de "traizoar" aos votantes que lles outorgaron "un cheque en branco".

Outra das ausencias destacadas no plenario deste sábado foi a do deputado en Madrid Antón Gómez-Reino, recentemente elixido secretario xeral de Podemos Galicia e que asegurou ao longo da campaña interna que participaría no plenario deste sábado. Ademais, o de Podemos ostenta a portavocía de En Marea no Congreso (cargo rotatorio), polo que correspondíalle a el dar voz á rendición de contas.

REACCIÓNS AO PLENARIO

O plenario de En Marea deste sábado tivo eco máis aló da Facultade de Económicas. O líder de Podemos, Pablo Iglesias publicou na tarde noite do sábado un tuit escrito en galego no que felicitaba aos "compañeiros" de En Marea.

"Un saúdo aos compañeiros e compañeiras de En Marea que hoxe celebraron o seu plenario ampliando o camiño da unidade popular en Galicia. Así somos máis fortes. Seguimos construíndo o cambio político", reza o tuit de Iglesias. Tamén no outro lado do espectro político houbo reaccións ao conclave do partido instrumental. A conta do PPdeG na mesma rede social desexaba "moita sorte" a Luís Villares nos seus "retos profesionais lonxe da política".

O maxistrado lucense respondeu á mensaxe publicando unha foto do ingreso en prisión do exvicepresidente do Goberno Rodrigo Rato e agradecendo aos populares a súa "preocupación" polo seu futuro. "Seguro que pensades que todos teñen que acabar como os vosos", espetou o portavoz de En Marea.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 16 comentarios

10 Breoghain

Que nojo da tudo isto. Mentres a Galiza esmorece silandeira. Vaia aventura infame o de dar folgos aos colonos esquerdeiros espanhóis em uma praça que tinham perdida.

9 Chico Percebe

¿Alguien puede explicarme qué pasa? Si el sector crítico lo componen Anova, Podemos, EU y las mareas de Santiago, La Coruña y El Ferrol ¿Quién está con Villares?

8 Luca Quinteiro

Martiño Noriega aliado con Yolanda Díaz e Toné, inscribe a moitas persoas para acabar con Villares e facilitar o camiño de Antón como candidato á Xunta de Galicia

1 Próculo

Cambia Antón por Martiño e acertas máis

7 Amoxegador

Villares non sei a que espera para demitir. Ou está nas nubes e non se entera. Já é unha questom de dignidade.

6 Ferriño

Barbas a remollo. Martiño segue mandando aos Xeiras contra EM mentras os bota do censo de CA. Martiño pon as barbas a remollo que che ven Bugallo, para de tirar pedras contra o tellado dos teus, ou xa non te vas presentar á Alcaldia da Capital?