Estamos preparados para practicar o running, a nova moda no deporte galego?

O deporte é bo fisicamente e psicoloxicamente. Quizais isto foi o que animou a moitas persoas durante os últimos anos a practicar running ou jogging, basicamente correr. Perder peso, estar en mellor forma, eliminar estrés, son algúns motivos. Pero realmente estámolo facendo ben para que sexa beneficioso?

Por Moncho Mariño | Santiago | 30/10/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A actividade física é necesaria sobre todo nunha sociedade sedentaria como é a nosa, que ademais presenta uns niveis altos de doenzas cardíacas, sobrepeso, mala alimentación e hábitos pouco saudables. Ademais diso, especialistas médicos e deportivos remarcan a capadidade do deporte para axudar a superar procesos psicolóxicos como depresións, desmotivación e outros máis.

Rapaces participantes nunha competición de atletismo, nunha imaxe de carreirasgalegas.com
Rapaces participantes nunha competición de atletismo, nunha imaxe de carreirasgalegas.com

A mediados da década pasada houbo unha suba exponencial de persoas afeccionadas ao running e a todas as súas variantes. O exercicio de correr, de ir rápido parecía estar ligado a unha vida máis sá e plena. Todo son beneficios para a nosa saúde. Mais a cuestión é que se estamos facendo ben un deporte que nos gusta, ou se estamos arriscando unha parte da nosa saúde por outra.

POR QUE CORRER?

Hai moitos motivos para practicar a carreira. É un bo complemento para baixar de peso, pero só iso, un complemento “dicir que para baixar de peso só tés que correr é como se che din que só comas cenouras para adelgazar” di Germán Anllo da Clínica Medef. “O exercicio ten que ser como a dieta, variado, para iso hai que analizar a cada persoa” por iso Germán Anllo di que “a carreira continua diaria non é o mellor para perder peso, aí entrarían tamén os exercicios de forza xunto con exercicios intermitentes de alta e baixa intensidade”. Os exercicios de forza como pesas e mesmo o uso do propio peso corporal, como as planchas, reforzan partes do corpo que logo se verán implicadas no desenvolvemento da carreira.

Se correr é unha moda ou non depende das opinións. O que si está claro é que “hai vinte anos non había ningunha proba de media maratón ou maratón completa en Galicia e agora hainas cada fin de semana” di Anllo. Quizais o chamado á vida sá estea detrás de todo o movemento runner e de trail-running.  “Valoro moi  positivamente esta actividade deportiva, por experiencia e a literatura científica avala os beneficios tanto físicos como psicolóxicos do exercicio físico” di María Dolores González, directora técnica da Federación Galega de Atletismo.

Os especialistas consultados por Galicia Confidencial, apuntan que boa parte das persoas que entraron recentemente na práctica da carreira andan nunha idade de entre os 30 e os 40 anos. Son persoas que en moitos casos, non tiveron unha relación constante ou nula co deporte. Isto puidera ser motivo para superárense nun momento das súas vidas que senten a necesidade de verse vitais, mellorar o seu rendemento físico e sentirse mellor. E a partir de aí?

SEN DOR NON HAI VICTORIA

A idea de superación persoal está ligada á superación física dentro das disciplinas deportivas. Lemas como “Just Do It” (faino!), “No Pain, No Gain” (sen dor non hai triunfo) en teoría buscan a motivación da persoa para chegar a metas que poderían ser contraproducentes co resultado que busca a persoa que fai running. “A maioría dos lemas que vemos nas webs, en vídeos subidos ás redes sociais, son lemas elaborados por persoas que non son profesionais, en definitiva buscan facer un márquetin barato” di Dolores González. “Para motivar unha persoa que está comezando habería que establecer unha serie de obxectivos para que cada corredor ou corredora non siga o dun grupo, o dun coñecido ou  un planning baixado de Internet” di González.

“Cada quen ten que ser consciente dos seus límites, ter motivación pode axudar, pero se volvemos falar de persoas entre 30 e 40 anos, coa intención de mellorar a súa forma física, moitas veces poñen obxectivos pouco realistas a curto prazo” di Gemán Anllo que recorda “hai deportistas profesionais que para chegar a determinadas metas deben estar anos adestrando para chegar a elas”. O caso é non perderlle o respeto ao esforzo que se fai nin ás distancias. “Hai persoas que veñen con lesións logo de correr varias medias maratóns e só levan un ano adestrando e que os tratamentos non lle funcionan, o que non está funcionando é a carga de adestramento necesaria e óptima para competir”.  A recomendación é poñerse en mans de profesionais, adestradores e persoas con coñecementos regrados para marcar obxectivos acordes co momento físico e psicoloxico da persoa.

Para o proceso de iniciación no running o adestramento cardiovascular está ben, pero é necesario coñecer cales son os niveis de forza, o estado e movemento das cadeiras e facer unha valoración cun profesional para que poda ser capaz de desenvolverse sen danos. “O que vemos moitas veces no running popular é que unha persoa afeccionouse e adestra ben, pois varias persoas van adestrar con esa primeira persoa e seguir as súas recomendacións” di Germán Anllo. Aquí debérase ter en conta as diferenzas fisiolóxicas de cada quen.

OS OBXECTIVOS

É recomendable poñerse a correr logo de toda unha vida sen practicar deporte? “Insisto, é mellor poñerse en mans dun profesional para avaliar o noso estado” porque é posible “que durante un tempo esas persoas non teñan lesións pero acabarán aparecendo” di Dolores González. A aparición de lesións en practicantes de carreira “é algo habitual” ademais doutros aspectos negativos. “O importante é previr esas situacións” di González.

A prevención pasa pola fisioterapia, traumatoloxía etc, pero tamén pola psicoloxía “para non forzar máis do debido, para non competir antes do debido e afrontar de maneira confiada os adestramentos e competicións” asegura González, para iso “comezaría cunha entrevista coa persoa que quere correr e de aí establecer os obxectivos para ver como os vai acadando e que gañe confianza e motivación” pero eses obxectivos “deben estar ben formulados a curto, medio e longo prazo, non só de resultado senón ademais os de realización que permiten chegar aos de resultado”.

Marcarse uns puntos, metas ou obxectivos debe ser o primordial para motivarse. Deben ser metas realistas, “facer a distancia pero desfrutando, se queres ir amodo, amodo, se queres máis intenso, máis intenso dentro das túas posibilidades” punta Germán Anllo. “Dentro dunha competicón o obxectivo sería de resultado, marca ou posto pero tamén outros como ritmo, nivel de pulsacións e traballar as dificultades que veremos durante a proba, anticipar dificultades” apunta Dolores González.

A práctica do running estendeuse moito en menos dunha década. O beneficio para a saúde é evidente en moitos casos, pero a mala práctica e o botarse para adiante sen consultar antes con especialistas, sobre todo se temos unha idade superior aos 30 ou 35 anos, debera ser básico. O número de persoas correndo sería sintomático dunha nova concepción do tempo libre, axudar ao corpo manterse san. Pero tamén hai quen apunta aos intereses comerciais das marcas deportivas para fomentar o running, tal como se fose fomentar a comida rápida.

Coñecer o noso corpo antes de sometelo a presións ás que non está afeito é o primeiro paso. Non seguir unha moda ou o que fai o noso ou nosa compañeira de traballo ou veciña, porque ás veces a imitación é o motivo que nos leva a practicar unha actividade. Por tanto o feito de facer running debera responder a unha motivación interna máis que a unha cuestión de seguemento e imitación. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta