As peaxes da AP-9 volven subir desde este mércores

A aplicación das novas tarifas responde os compromisos asumidos con Audasa nos reais decretos de 2011 e 2013, cos gobernos do PSOE e do PP.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/10/2018 | Actualizada ás 11:14

Comparte esta noticia

As peaxes da Autoestrada do Atlántico (AP-9) volverán subir a partir deste mércores, 31 de outubro, após o decreto publicado este martes polo Boletín Oficial do Estado (BOE) polo cal as tarifas terán un incremento do 2%. As peaxes xa se encareceron no principio do ano un 1,9% e agora enfrontarán unha nova subida do 2%. Ademais, en poucos meses, co arranque do novo exercicio, volverán subir.

Ponte de Rande após a ampliación. EUROPA PRESS - Archivo
Ponte de Rande após a ampliación. EUROPA PRESS - Archivo | Fonte: Europa Press

Este incremento correspóndese cunha dobre subida que deriva dos compromisos adquiridos coa concesionaria Audasa, respectivamente, polo Goberno central en 2011 --cando o socialista José Blanco dirixía Fomento-- e en 2013 --cando a popular Ana Pastor, actual presidenta do Congreso, tiña esta carteira--.

Así, entrará en vigor a adenda ao convenio entre a Administración Xeral do Estado e a concesionaria Audasa, aprobado en 2011, polo que se modifican algúns termos da concesión para a construción, conservación e explotación da AP-9, para a ampliación da capacidade de diversos tramos da autoestrada.

Deste xeito, ratifícase a alza do 1% anual acumulativo durante 20 anos, nos percorridos con pago directo polos usuarios da AP-9. Esta subida compensa o investimento realizado polas obras para a ampliación de capacidade de diversos tramos da devandita autoestrada, entre outras actuacións contempladas no real decreto de 2011 e tamén o investimento das actuacións recollidas na adenda.

A segunda alza tradúcese nun 1% en 2018, que será dun 0,8% en 2019 e un 0,8% en 2020 nos percorridos con pago directo polos usuarios da AP-9 para compensar as bonificacións na peaxe de vehículos lixeiros nos tramos de Pontevedra-Vigo, Pontevedra-Morrazo, Pontevedra-Vilaboa e Rande-Vigo, de acordo co real decreto de 2013.

O decreto que publica este martes o BOE entra en vigor ao día seguinte da súa publicación, o mércores. Realízase "a iniciativa do ministro de Fomento e a proposta da ministra de Facenda", previo informe da Xunta Consultiva de Contratación Pública do Estado, e após a deliberación do Consello de Ministros do pasado venres.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta