Multiplicanse por catro os casos de violencia de xénero entre menores

Suanzes cre que Galicia contará "en breve" cunha Fiscalía anticorrupción e insta a mellorar a protección das persoas maiores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/10/2018 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

Os casos de violencia de xénero entre menores de idade multiplicáronse por catro nos últimos tres anos, nos que pasaron de rexistrarse cinco asuntos incoados nos xulgados galegos en 2014 aos 20 que entraron o pasado ano.

Miguel Santalices e Fernando Suanzes
Miguel Santalices e Fernando Suanzes | Fonte: Europa Press

Este é un dos datos máis relevantes da memoria anual da Fiscalía de Galicia, que foi entregada este martes ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, por parte do fiscal superior na Comunidade, Fernando Suanzes.

Suanzes, en declaracións aos medios após manter un encontro co xefe do Lexislativo no Pazo do Hórreo, resaltou como un dos datos máis destacados do dossier de Fiscalía o aumento plurianual dos casos de violencia de xénero entre menores que, aínda que en termos estatísticos "aínda non é un tema extraordinariamente preocupante" --son 20 casos polos máis de 3.000 que se incoan contra menores na comunidade-- representa un problema "a ter en conta para atallalo".

Deste xeito, o número de expedientes que chegan aos xulgados de Galicia relacionados coa violencia de xénero entre menores pasou de cinco en 2014 aos 20 do pasado ano; un comportamento que Suanzes ve "unha reprodución" do que acontece no ámbito dos adultos.

VIOLENCIA DE XÉNERO

E é que "todos" os indicadores de violencia machista continúan ascendendo. En 2017 formuláronse un total de 6.463 denuncias, un 13,7 por cento máis que o ano anterior; mentres que o número de procedementos incoados foi de 7.554 (11% máis) e ditáronse 1.485 sentenzas (máis 23%), das que un 71,3 por cento foron condenatorias.

Segundo reflicten os datos do dossier de Fiscalía, as vítimas de violencia de xénero solicitaron 1.928 ordes de protección, que foron aceptadas no 66,6% dos casos e denegadas no 32,7%. En canto á relación entre agresor e vítima, en máis da metade dos casos eran parella ou exparella de feito, no 31,2% cónxuxe ou excónyuxe e no 15,76% restante, noivos.

Suanzes apuntou que o aumento na entrada de expedientes violencia de xénero nos xulgados débese a "unha combinación" do crecemento dos casos e, ao mesmo tempo, que as vítimas denuncian con máis frecuencia.

PROTECCIÓN DOS MAIORES

Outro dos asuntos que subliñou Fernando Suanzes é a necesidade de aumentar os mecanismos de protección cara ao colectivo de persoas maiores, xa que o envellecemento da poboación é "un dos problemas máis preocupantes" aos que se enfronta Galicia.

"Podemos constatar que as dilixencias relativas á petición de discapacidade aumentaron máis dun 30 por cento, e as de internamento, máis dun 25 por cento", declarou Suanzes, que avanzou que a Fiscalía Xeral do Estado subscribiu un convenio de colaboración con Cruz Vermella para instalar puntos de coordinación nas fiscalías da Comunidade galega co obxectivo de "detectar malos tratos e violencia" entre o colectivo de persoas maiores.

EVOLUCIÓN DA CRIMINALIDADE

O fiscal superior de Galicia resaltou que os procedementos penais "continuaron" coa súa tendencia á baixa no ano 2017. Así, o número de casos que entraron en instrución nos xulgados galegos caeu un 12 por cento até situarse en 111.455.

Aumentan os casos relativos á liberdade e integridade sexual un 12 por cento, así como os malos tratos no ámbito da familia (17,5%) e os delitos contra o medio ambiente (25%). Por contra, caen os de lesións case un 30%; e os de patrimonio e orde socio económico, que descenden un 5,2.

Con todo, os delitos de lesións continúan á cabeza dos grupos incoados máis representativos co 36,95% do total, seguidos polos de patrimonio e orde socioeconómica (23,94%) e os delitos contra a seguridade viaria (8,29%).

En canto os delitos sentenciados, a orde anteriormente mencionada revértese e pasan a ocupar o primeiro lugar os relacionados coa seguridade viaria (40,%); mentres os delitos patrimoniais representan o 17,42% do total e os de lesións, o 15%.

Ademais, en 2017 producíronse un total de 12 homicidos dolosos ou asasinatos consumados, dous deles relacionados coa violencia machista. Segundo os datos de Fiscalía, o pasado ano houbo 125 mortes accidentais por delito de homicidio imprudentes --49 en accidentes de traballo e 76 en sinistros de tráfico--.

FISCALÍA ANTICORRUPCIÓN

Fernando Suanzes aproveitou a ocasión para retomar unha das reivindicacións do Ministerio Público en Galicia: a creación dunha Fiscalía especializada en anticorrupción para a comunidade. Deste xeito, comentou que a Fiscalía Xeral do Estado, presidida desde o mes de xuño por María José Segarra, está "a estudar con detemento" esta posibilidade.

"Todos os contactos que temos son favorables, pero é un proceso complexo no que hai que estudar diferentes parámetros. Eu teño confianza en que podamos conseguilo en breves", comentou o fiscal xeral galego.

Neste sentido, o número de casos de corrupción tramitados polos xulgados de Galicia situouse en 156, o que supón unha caída interanual de 35 (18,3%). Deles, 28 foron cualificados e 15 sentenciados.

Entre a tipoloxía, destaca a prevaricación administrativa (máis da metade dos casos), branqueo de capitais (14,7%), suborno (10,26%), malversación (8,33%) e tráfico de influencias (6,41%).

OUTROS DATOS

Doutra banda, respecto ao tráfico de drogas incoáronse 894 casos, 526 na área de delicuencia informática (7,7% máis que en 2016) e 256 na de medio ambiente e urbanismo, ámbito no que destacaron as dilixencias relativas a ordenación do territorio e urbanismo con dous terzos do total.

Por último, o informe de Fiscalía tamén recolle os datos de poboación recluída en Galicia, que se situaba en 3.922 persoas a finais do pasado ano, o que representa que a Comunidade galega acolle case o 6% do total de presos do conxunto estatal. Deles, 3.095 son homes e 197, mulleres.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta