Seria advertencia da Mesa a Europa: “O 20% do alumnado que remata a ESO non sabe falar galego”

Esta entidade advírtelle ao Consello de Europa que o Estado e a Xunta de Galicia vulneran os dereitos lingüísticos dos galegos en educación, vida social e económica, xustiza, cultura ou medios de comunicación.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/10/2018 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

O 20% do alumnado que remata a ESO non sabe falar galego, mantense o decreto de plurilingüísmo a pesar das recomendacións do Comité de Expertos e do Consello de Ministro do Consello de Europa, a aplicación da LOMCE impide cumprir os máximos para o galego do Decreto contra o galego da Xunta ou o ensino público non garante o ensino en galego como estabelece a Carta. Son algunhas das advertencias que fai A Mesa pola Normalización Lingüística  nun relatorio sobre a situación do galego.

O Apalpador nun acto de Queremos Galego para pedir a derrogación do Decreto do Plurilingüismo
O Apalpador nun acto de Queremos Galego para pedir a derrogación do Decreto do Plurilingüismo

Este informe, que entregará o vindeiro 3 de novembro, en Dublín, ao director do Secretariado da Carta Europea das linguas rexionais ou minoritarias do Consello de Europa, recolle os incumprimentos en materia lingüística por parte da Xunta e do Estado en relación co uso, defensa e promoción do galego. 

DECRETO DE PLURILINGÜÍSMO

A Mesa acusa á Xunta de ocultar o contido do mal chamado decreto de plurilingüísmo, cinguíndose a expor os aspectos xa contemplados no anterior. “Chega a afirmar que a maior parte dos pais falan galego cos fillos”, que o descenso de galegofalantes “se produce, fundamentalmente, en nacidos antes de 1973” ou que o galego é a lingua máis empregada polo estudantado, segundo recolle o informe.

Porén, tal e como sinala a Mesa no seu relatorio, recollendo datos do IGE, "en 2014 tiñamos a cifra máis alta de menores de 15 anos que aseguran non seren capaces de falar galego (20%)". Neste sentido, o relatorio da Mesa emprega estatísticas oficiais, informes da propia Mesa e mais do Consello da Cultura e da RAG, así como informacións recollidas pola prensa que desmenten algunhas graves manipulación do Estado.

Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, e máis Sara Seco, técnica do observatorio de dereitos lingüísticos
Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, e máis Sara Seco, técnica do observatorio de dereitos lingüísticos | Fonte: A MESA

OUTRAS CRÍTICAS

Ademais, este estudo recolle incumprimentos da carta en materias como a xustiza, servizos públicos, medios de comunicación, cultura ou economía. Así, denuncia que segue sen haber garantías para o desenvolvemento da xustiza en galego xa que a xuíces, xuízas e fiscais non se lles require o coñecemento da lingua e a inexistencia de galego nos programas infomáticos “sobrecarga e provoca atrasos ao funcionariado e á cidadanía que opta polo galego”.

En materia de servizos públicos, o informe sinala que a administración do Estado e os servizos públicos externalizados encabezan os incumprimentos da Carta. Tamén que a inexistencia de requisito de coñecemento do galego ao funcionariado impide a utilización do galego e fica á escolla do funcionariado e que nos concellos, sentenzas como a do TSXG sobre a ordenanza de uso do galego en Lugo, supoñen unha regresión dos dereitos lingüísticos da cidadanía

Por outra banda alerta que só a TVG garante unha presenza mínima do galego e non conta cunha canle específica para a mocidade, así como que os medios en galego son os que menos axuda reciben polo uso do galego.

En cultura, denuncia a caída de publicación de libros en galego, o investimento en dobraxe ou as dificultades para a distribución de cinema en galego. E en materia económica critica que non haxa ningunha entidade bancaria que permita realizar todos os trámites en galego. 

CARTA EUROPEA DAS LINGUAS

O contido do informe será exposto este fin de semana na Asemblea Xeral da Rede Europea para a igualdade das linguas (ELEN), entidade co status de entidade consultiva do Parlamento Europeo, do Consello de Europa, as Nacións Unidas e a UNESCO e que aglutina 150 entidades representativas de 45 linguas minorizadas de Europa en 23 estados europeos. Desde novembro de 2016 A Mesa exerce unha das Vicepresidencias de ELEN.

A Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias é un tratado internacional promovido polo Consello de Europa para garantir a normalidade das linguas minorizadas que o Estado español ratificou en 2001 no seu grao máximo. Segundo a Carta, o Estado ten que garantir o uso pleno do galego nos territorios onde é oficial ou está protexido polo estatuto en ámbitos como educación, xustiza, administración, relación sociais e económicas, cultura ou relacións transfronteirizas. Isto afecta a Galiza e as zonas de lingua galega de Castela e León.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

1 Pasmao

En Estrasburgo no duermen por las furibundas amenazas del chiringuito upegallo de Callón y cia.

1 Mas dejado

E daquela por que che molesta, tes medo de que perdades as subvencions para os chiringuitos de prensa e radio en español ruinosos que tedes montados