As universidades galegas redeseñarán dez titulacións de cara ao curso 2020/21

Sete titulacións poderían unificar contidos dos dous primeiros anos e especializar os dous últimos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/10/2018 | Actualizada ás 19:08

Comparte esta noticia

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e as tres universidades galegas —Santiago, A Coruña e Vigo— comezarán a traballar durante este curso para "redefinir" dez titulacións e "adaptalas á demanda do alumnado e ás necesidades sociais". Así, prevén que os novos graos entrarían en funcionamento no curso 2020/21.

Carmen Pomar reúnese co tres universidades galegas. XUNTA
Carmen Pomar reúnese co tres universidades galegas. XUNTA | Fonte: Europa Press

Así o anunciaron nunha reunión celebrada este martes á que acudiu a conselleira de Educación, Carmen Pomar. O obxectivo deste acordo, segundo informa a Xunta nun comunicado, é "avanzar" nunha folla de ruta de consenso que se asinou o ano pasado cos tres reitores do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

As titulacións que se analizarán divídense en dous grupos. Por unha banda, sete que se ofertan actualmente en máis dunha universidade —ADE, Bioloxía, Comunicación Audiovisual, Dereito, Enfermaría, Enxeñaría Informática e Química— serán diversificadas mediante orientacións, á vez que se unificarán contidos e competencias nos dous primeiros cursos, o que permitiría tamén facilitar a mobilidade dentro do SUG.

Neste proceso, primeiramente emitirase un informe de expertos académicos de fóra de Galicia que contén unha "análise pormenorizada" de materias, contidos e competencias dos plans de estudo, segundo relata a Xunta. Este documento propón unha homoxeneización de, polo menos, os dous primeiros cursos e varias suxestiones para os dous últimos.

Tras iso, constituirase unha comisión interuniversitaria que, con moita brevidade, analizarán e valorarán os títulos para abordar melloras e especializacións que sexan posibles. O último paso será presentalos ante a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug) e a Secretaría Xeral de Universidades, que se encargarán da súa verificación e autorización.

DUPLICIDADE DE TITULACIÓNS

Por outra banda, tamén se redefinirán tres parellas de enxeñarías —Agraria (UVigo) e Agrícola e Agroalimentaria (USC); Forestal (Uvigo) e Forestal e do Medio Natural (USC); e Civil (USC) e de Obras Públicas (UDC)— que se imparten en dúas universidades e que "comparten unha falta xeneralizada e persistente de alumnado", xa que non pasan dos 50 matriculados por curso, segundo alerta a Consellería.

Nestas titulacións, a solución proposta pasa pola elaboración de informes por parte da Acsug nas que se analizan as características das titulacións duplicadas, de forma que tamén se configurará unha comisión interuniversitaria.

Neste órgano pactarase un plan de traballo para elaborar directrices conxuntas para establecer diferentes alternativas como a homoxeneización dos primeiros cursos e a especialización dos últimos, e mesmo a constitución de titulacións interuniversitarias. En todo caso, sempre será necesario o acordo explícito das universidades.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta