Volve o Festival Titiriberia coa súa edición máis feminista

Haberá 12 funcións, talleres e charlas do 4 ao 11 de novembro no municipio coruñés de Teo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/10/2018 | Actualizada ás 19:54

Comparte esta noticia

O Festival Titiriberia revisará o papel feminino dos monicreques nunha terceira edición que ofrecerá 12 funcións, talleres e charlas do 4 ao 11 de novembro no municipio coruñés de Teo. O primeiro espectáculo terá lugar este domingo, día 4 de novembro, con 'Auga que non vas beber', de Fantoches Baj.

Presentación do Festival Titiriberia. REMITIDO FESTIVAL TITIRIBERIA
Presentación do Festival Titiriberia. REMITIDO FESTIVAL TITIRIBERIA | Fonte: Europa Press

O evento, organizado pola Asociación Cultural Morreu ou Demo para o Concello de Teo coa colaboración da Deputación da Coruña, amplía nesta edición a súa programación, ao pasar de catro a sete días de actividade.

Segundo explicou este martes na presentación do evento o integrante da asociación, Xosé Antonio Cascudo, un dos fíos condutores será a revisión sobre os papeis femininos no ámbito escénico dos monicreques.

Precisamente, a perspectiva de xénero quedará reflectida na estrea de 'Titiriberia 2018: Dona Barriga Verde', de Larraitz Producións Artísticas. Esta montaxe, que conta coa colaboración da Asociación Cultural Morreu ou Demo na súa produción, estrearase o domingo día 11 na Barraca da Carballeira de Francos, durante a celebración de San Martiño.

Outro espectáculo que profundará nesta mesma liña é 'Angelita', da compañía catalá Tactilicuä. A súa representación enmárcase dentro da programación escolar deste ano e poderase ver no Auditorio Constante Liste o xoves 8.

No acto, ademais da edil de Cultura de Teo, Pilar Faxil, participou a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta