Os Bolsonaros que inzan ao noso carón

“Pouco antes de morrer,/ díxolle ó pobo:/ Deus che dea ira,/ que paciencia tes de abondo.” (Do poema O profeta, Cimenterio privado, Celso Emilio Ferreiro).

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 31/10/2018

Comparte esta noticia
Ese acordo do Goberno de Sánchez, malia o informe desfavorábel do Consello de Estado, pretendendo que o Tribunal Constitucional tombe a reprobación do Parlament de Catalunya ao rei Felipe VI, pola súa postura no procés, pon de manifesto que entre socialistas e populares non existen liñas divisorias, cando toca mangonear as altas institucións do Estado para polas ao servizo das súas estratexias electorais. 
 
No caso que nos ocupa, tal ocorrencia vén a demostrar unha vez máis o arremedo do PSOE ás posicións do PP, no tocante á cuestión catalá, por carecer de ideas e propostas que debuxen unha configuración político-administrativa do Estado, capaz de recoñecer o seu carácter plurinacional, ata perder o medo a compartir a soberanía cara abaixo, alomenos coa mesma naturalidade que o fai cara arriba, cando deposita, nas mans de funcionarios europeos e doutros internacionais de escasa solvencia democrática, competencias que nunca debían saír das Cortes e dos Parlamentos autonómicos.  
 
Polo tanto, o que nos debería preocupar non é que un parlamento autonómico reivindique valores republicanos e aposte pola abolición da monarquía, senón que un goberno “democrático” gurre co TC para que afogue o dereito de representantes da cidadanía a entender as cousas doutra maneira. 
 
Son esas miserias, e outras polo estilo, mesturadas co "si, bwana" das maiorías parlamentarias, co compadreo do poder xudicial, co aplauso interesado dos medios sistémicos e coa conivencia da militancia partidaria, as que inducen á xente do común a un excesivo grao de pasividade, que sinte noxo ante resultados electorais como os do Brasil, pero que é incapaz de inmutarse diante dos Bolsonaros que inzan e medran ao seu carón, con absoluta normalidade.
 
Ah! O meu tío Lisardo pensa que isto é moi mellorábel, cunha maior participación política, coa vixiancia para que, alomenos, pareza que existe a separación dos poderes do Estado, máis autonomía territorial e un bozo no fociño dos poderes económicos. 

Hermaanger - Viñeta de ¿Humor? - Mundial Brasil
Hermaanger - Viñeta de ¿Humor? - Mundial Brasil
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Secretario-interventor de Administración Local xubilado. Foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da FEGAMP (Fedreación Galega de Municipios e Provincias) e Delegado da Consellería de Industria de Ourense no goberno do bipartito. Militou no BNG e en CxG. Hoxe en día non ten afiliación política. Na actualidade dedícase á actividades culturais, especialmente a través do Museo da Limia, no que desempeña o posto de Coordinador do seu Padroado.