Efectivos de emerxencias interveñen nunha hora en seis incendios en distintos puntos de Galicia

Ningún dos lumes causou danos persoais. Todos os incendios foron en zonas urbanas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2018 | Actualizada ás 15:17

Comparte esta noticia

Segundo destacou o CIAE 112-Galicia, sobre as 11,00 horas, axentes da Garda Civil informaban dun incendio no lugar de Sambade, no municipio pontevedrés de Tui, onde ardía a cociña dunha vivenda.

Servizo de emerxencias 112
Servizo de emerxencias 112

Até o lugar foron mobilizados os Bombeiros do Porriño que, tras extinguir o lume, confirmaron que se tratou dun alpendre con tres habitacións nas que se gardaban distintos materiais como maquinaria, roupa e unha cheminea. Todo parece indicar que a coada nun tendal, preto da cheminea, provocou o incendio.

Media hora despois, na Cañiza (Pontevedra), un incendio nun cadro eléctrico situado na fachada dun colexio da rúa Carballo do Marco, obrigou a evacuar por precaución o centro. Pese ao fume nas instalacións, afortunadamente, ningún dos 300 alumnos se viu afectado.

Aínda que os Bombeiros de Ponteareas desprazáronse até o lugar nada mais ser alertados polo 112 Galicia, foron os axentes da Policía Local os que confirmaron que o lume xa fora extinguido coa axuda dun extintor. Desde o 112 requiriuse, ademais, a intervención de persoal da empresa subministradora de electricidade.

INCENDIO EN CERVANTES

Case á mesma hora, unha cheminea provocaba un incendio nunha vivenda de San Román, en Cervantes (Lugo). Foron alertados os Bombeiros de Sarria, Garda Civil, GES de Becerreá e Protección Civil.

Unha vez no lugar, os membros do GES indicaron que unicamente ardeu parte da cheminea. Tamén en Ferrol, un curtocircuíto foi a causa que provocou un lume nunha vivenda, situada na Avenida de Breogán, onde, segundo os Bombeiros, ardeu un armario. O resto da casa viuse afectada o fume.

De novo en Lugo, esta vez en Foz, pasados uns minutos das 11,30 horas, un particular alertaba dunha casa ardendo, no lugar de Mourente. Os efectivos de Protección Civil confirmaron que unicamente ardeu maquinaria no interior dun alpendre anexo á vivenda e foron os propietarios os que apagaron as chamas con axuda dun extintor.

Finalmente, sobre as 12,00 horas, efectivos de Protección Civil de Catoira informaban ao 112 Galicia dun incendio no antigo edificio do concello. Para apagar as chamas non foi precisa a intervención dos medios de extinción, e o incendio orixinouse nun curtocircuíto nun calefactor, que provocou moito fume no inmoble.

Estes lumes súmanse aos outros dous que durante as últimas horas extinguiron os servizos de emerxencias en Muxía e Arzúa, onde a última hora do martes e na madrugada do mércores arderon dous alpendres que almacenaban palla.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta