Javier Losada: "A Xunta do PP pídelle agora a Sánchez o que antes non lle pedía a Rajoy"

O delegado do Goberno en Galicia culpa do "problema" das peaxes da AP-9 ao PP por aumentar a concesión até 2048.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 04/11/2018 | Actualizada ás 16:56

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, culpou ao Partido Popular do "problema" dos "excesivos" prezos das peaxes da Autoestrada do Atlántico, a AP-9, ao aumentar a concesión até o ano 2048 cando gobernaba José María Aznar.

Despois de que o Executivo socialista de Pedro Sánchez autorizase unha subida do 2% que xa se fixo efectiva, Javier Losada, en entrevista en RNE recollida por Europa Press, argumenta que o Goberno "cumpre os acordos anteriores, que viñan de gobernos do PSOE e do PP e que o que fai é cumprir eses acordos".

O incremento derívase dos acordos coa concesionaria alcanzados primeiro polo ministro de Fomento socialista José Blanco en 2011 e despois pola súa homóloga co PP, Ana Pastor. Pero Javier Losada asegura que lle preocupa" que "algúns repartan culpas sempre para o mesmo lado". "O que hai que preguntar é por que o Goberno do Partido Popular aumentou esta concesión até 2048 sen pór as cautelas suficientes para que estas cousas non ocorresen. Se non aumentase a concesión, non estariamos con este problema", remarcou, incidindo en que "o Goberno actual o que fai é xestionar a herdanza do do PP que aumentou a concesión".

Baixo mandato do PSOE de González incrementouse a concesión até o ano 2023, pero no ano 2000, con José María Aznar como presidente, sumáronse outros 25 anos máis, até 2048, tras a decisión de ampliar a AP-9 até Fene a raíz o accidente do 'Discoverer Enterprise' contra a ponte ferrolá das Pías --en 1998--, que deixara case incomunicada a cidade.

Así, Losada insistiu en que "calquera obra de mellora ou de seguridade viaria, ou decisións que teñan que ver coa gratuidade", "teñen que repercutir nos usuarios". Ante isto, Javier Losada ten "a sensación" de que a Xunta do PP reclama agora ao Goberno central cuestións que non esixía con Mariano Rajoy como presidente. "Ao Goberno de España tampouco lle gusta que suban --as peaxes-- pero as facturas están aí e hai que pagalas", declarou.

Admite que "os prezos son excesivos", pero reitera que é preciso "cumprir os compromisos", polo que censura que "non é de recibo que agora se diga que cando as subidas son por compromisos do PSOE son malas e cando son por compromisos do PP é por redistribuír, porque non é así".

E neste sentido, afea a Feijóo que, despois de subir durante o seu goberno o prezo do gasoil ao incrementar o céntimo sanitario, agora critique que o Goberno abra a posibilidade de aplicar un imposto aos combustibles máis contaminantes. Así, lamenta que falase de "axudar á sanidade e redistribución e concienciación ecolóxica" coa subida do céntimo sanitario, pero que agora diga que a proposta do Goberno "é un atentado contra os automobilistas e os empresarios".

No entanto, a pesar das críticas, Losada destacou que con Núñez Feijóo mantén unha relación "moi boa, unha relación fluída, de cooperación e de lealdade", ao longo do catro meses e medio que acumula como delegado do Goberno.

Javier Losada, delegado do Goberno en Galicia
Javier Losada, delegado do Goberno en Galicia | Fonte: Delegación do Goberno

EXPLOSIÓN PIROTÉCNICA DE TUI

No transcurso da entrevista, preguntado polas medidas adoptadas para o municipio de Tui no que explotou unha pirotecnia ilegal, Javier Losada defendeu que o Goberno cumpriu o seu compromiso de declaración da área afectada de Paramos como "zona catastrófica". "Este é un Goberno que fai o que di", agregou.

"É o compromiso de solucionar un grave problema como se fixo co tema dos incendios de 2017, tamén como zona catastrófica, que o goberno do PP non fixera nada, en especial os concellos afectados en Ourense", engadiu.

ALCOA, O "OBXECTIVO" É MANTER A ACTIVIDADE E OS EMPREGOS

En canto á situación de Alcoa, ante a ameaza de peche das plantas de Avilés e A Coruña e o despedimento de case 700 empregados directos, asegurou que o Goberno "está a traballar arreo, está a dialogar cos sindicatos, está a dialogar coa empresa, está a buscar investidores, está cun obxectivo común" para alcanzar o mantemento dos postos de traballo e da actividade industrial.

Javier Losada confía en que se produzan "novas noticias ao longo dos próximos días", e espera que a reunión do día 8 entre as ministras de Industria, Reyes Maroto, e de Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, cos presidentes de Galicia e de Asturias, permitan avanzar na unidade reclamada polos traballadores.

En todo caso, en canto ás posibles saídas para evitar o peche de ambas as plantas, recoñeceu que unha das posibilidades pasa por atopar novos investidores, pero cre que non se debe pechar a nada". Insiste así no obxectivo de que Alcoa retire o ERE extintivo, invista nas plantas e manteña a súa actividade. "Non debemos pecharnos a nada, buscando o obxectivo de manter os postos de traballo e a actividade industrial".

PORTO EXTERIOR

Na entrevista, en relación coa débeda asumida pola construción do Porto Exterior de Punta Langosteira na Coruña, demandou á Autoridade Portuaria que "o primeiro que ten que facer é xestionar o compromiso adquirido". "O Goberno poralle todas as facilidades para que o faga, para que faga o seu plan de empresa, as súas actividades e investimentos para cumprir os seus compromisos como os outros portos de España", subliñou.

No entanto, asegurou que o Goberno está "disposto" a "falar co Concello, coa Xunta, coas Deputacións". Cuestionado directamente sobre se se descarta a condonación da débeda, replicou que non se está en "máximos e mínimos", e ve a Portos do Estado e ao Ministerio de Fomento en disposición de chegar a acordos.
AVE

Por outra banda, Javier Losada reiterou que se mantén compromiso de que a AVE a Galicia chegue en 2020, adquirido polo Goberno de Pedro Sánchez, e insiste en que tras visitar diversos tramos, obtivo a "confirmación" de que en dous anos poderá arrincar o tren de alta velocidade galego.

"O outro día vin a magnitude da obra e a complexidade, estiven nun viaduto de máis de 1.500 metros que está construído a cen metros de altura. Para que a xente teña un pouco de referencia, está coma se tivésemos tres catedrais de Santiago e a distancia, como percorrer cinco catedrais de Santiago", suliñou. Remarca que son obras dunha magnitude "moi importante", "parecida á magnitude do compromiso que ten o Goberno de Pedro Sánchez con cumprir os prazos que xa lle dixeron aos galegos".

Feijóo e Javier Losada comparecen en rolda de prensa após manter unha reunión. XUNTA DE GALICIA
Feijóo e Javier Losada comparecen en rolda de prensa após manter unha reunión. XUNTA DE GALICIA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Para que a xente teña un pouco de referencia... este enchufado sobra é un bo exemplo de CARGO SUPERFLUO (ler a prensa e pasearse en coche ofcial) ¿Para qué serve un Delegado do Goberno?

1 anonimo

Quais são as competências dum delegado do governo? Fazer propaganda desse governo? Melhor dito votar-lhe a culpa aos demais. Os governos centralistas do PP não fazem nada bom para Galiza e os governos centralistas do PSOE diretamente não fazem nada. De verdade ninguém pensou na inutilidade dos delegados do governo?