O litoral da Coruña, Pontevedra e A Mariña estará o luns en alerta amarela por ondas de 4 metros

Haberá refachos de ata 80 quilómetros por hora e choivas que poden superar os 15 litros por metro cadrado nunha hora.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2018 | Actualizada ás 16:59

Comparte esta noticia

Meteogalicia activou a alerta amarela no litoral galego para este luns, debido á previsión de que se produzan ondas de 4 metros de altura e mar de fondo do noroeste. Proseguirá así a alerta activada xa durante este domingo. En concreto, prevese mar de fondo de noroeste no litoral da Coruña e Pontevedra, con ondas de 4 metros, desde as 00,00 até as 24,00 horas. No caso da Mariña lucense, a alerta estará activa de 00,00 a 18,00 horas.

Ondada este domingo 4 de novembro en Malpica de Bergantiños
Ondada este domingo 4 de novembro en Malpica de Bergantiños | Fonte: Europa Press

De cara ao martes, prevese unha situación de temporal de suroeste, con choivas e ventos fortes, que poderán alcanzar forza 8 no litoral de Pontevedra e A Coruña. En concreto, hai alerta amarela por precipitacións nunha hora nas provincias da Coruña e Pontevedra, por choivas que poden superar os 15 litros por metro cadrado nunha hora, entre as 12,00 e as 18,00.

Ademais, tamén estarán en alerta amarela os litorais da Coruña e Pontevedra, no mar e a costa, por vento do suroeste, con refachos superiores aos 80 quilómetros por hora, entre as 09,00 e as 15,00.

Por vento no mar, o litoral da Coruña e Pontevedra estarán en alerta amarela de 06,00 a 09,00 por ventos de suroeste de forza 7 que serán de forza 8 até as 15,00, activándose así a alerta laranxa. De novo baixarán a forza sete desta hora ás 24,00.

Na Mariña lucense poderíanse rexistrar ventos do suroeste, forza sete, entre as nove da mañá e as seis da tarde. En canto ao mar, os litorais da Coruña e Pontevedra estarán en alerta amarela por mar combinada con ondas de 4 a 5 metros, desde as seis da tarde ás doce da noite.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta