O xornalismo do futuro será dixital, de calidade e de pago

No medio das ducias de debates cruzados que se encetan nun escenario incerto e complexo, cómpre fixar e poñer en común algúns conceptos, comezando por un que para min é fulcral: o xornalismo é importante.

Por Marcos Pérez Pena | A Coruña | 04/06/2011

Comparte esta noticia

E refírome que é importante non para os milleiros de persoas que fixeron del o seu oficio, senón que cumpre unha función determinante na sociedade, como vehículo de integración, recoñecemento e xerador de consensos. Tamén como axente de contrapeso dos grandes poderes, públicos ou privados, de contrapoder, polo tanto. O xornalismo convértese, idealmente, en voz daqueles que non teñen voz, entre outras cousas, mediante a revelación daquilo que os poderosos non queren que se saiba. A transparencia, o espazo público, é un dos piares do xornalismo; é na ocultación, nas trincheiras, nos compartimentos estancos, onde os grandes poderes asentan a súa forza. O xornalismo é unha actividade clave para o correcto funcionamento da democracia. Pódeselle retirar a isto a pátina de inxenuidade e idealismo que contén e mesmo así por debaixo fica a innegable importancia social do xornalismo.

Segundo, o futuro da prensa de masas está na rede. Os actuais xornais de referencia impresos teñen que realizar a súa transición ao mundo dixital, onde nuns anos terán xa máis lectores ca no papel. Parece tan absurdo empeñarse en mudar a corrente do río como non facer nada e confiar en que as augas por si soas nos van levar a un lugar mellor.

Terceiro, a información, ou a pagan os lectores ou a pagan os anunciantes (sexan privados ou sexas públicos, isto é, pola vía das subvencións). Non creo que haxa que deterse moito en explicar que o que paga a información decide o seu contido, e que polo tanto sempre será preferible que sexa a propia comunidade lectora a que exerza esa función directora.

Nesta sociedade cada vez máis complexa a figura do intermediario é máis necesaria ca nunca, o xornalismo é máis necesario que nunca, como analista e intérprete da realidade, nunha función de servizo público cara á cidadanía. Os xornais cada vez teñen menos calidade, menos profundidade. Así non é estraño que os medios perdan lectores, que os xornalistas perdan credibilidade e que en resposta xurdan iniciativas de xornalismo cidadán que nalgúns casos poñen en dúbida a figura do xornalista profesional. Tampouco é estraño que a xente se negue a pagar por esta información que cada día ten menos calidade.

O xornal, ante todo, vende credibilidade, e iso é así nos soportes impresos e tamén nos dixitais. Dixital non significa, necesariamente, de menor calidade, nin tampouco todo o contrario. É certo que até o de agora a meirande facilidade coa que se pode producir e distribuír información na rede favoreceu a multiplicación de medios de contido formulario e escasa profundidade e elaboración. Pero isto non ten por que ser así. Non importa o soporte, importa o xornalismo de calidade. Se xa non podemos cobrar por un soporte que non existe, polo aire polo que circulan os datos (iso xa o cobran, e ben, as operadoras), haberá que facer xornalismo de calidade e diferenciado.

Hai que experimentar, polo tanto, aínda hai tempo para facelo, e a rede permite ensaiar con baixos custes moitas estruturas, formatos e procesos e regresar á casilla de saída se non resultan. A cultura da rede tamén permite facer experimentos e que a xente os entenda como tales. Internet non é nin un amigo nin un inimigo. É a realidade. En Internet hai que pensar na audiencia de maneira diferente, nun escenario caracterizado pola sobreabundancia de información. O xornalismo dixital que teña valor será o que teña calidade, o que sexa útil para o lector e lle axude a entender mellor o mundo no que vive. Nun mundo no que a meirande parte das novas se converteron en commodities, tan só as noticias que a xente non poida atopar noutros lugares terán valor e asegurarán contar cun público fiel.

Este traballo inclúe investigar e interpretar a realidade e redactar informacións novidosas do xeito tradicional en vellos ou novos formatos, pero tamén inclúe a agregación de información previamente publicada por outros medios, mediante un proceso subxectivo e especializado de curación que seleccione para os lectores dun medio os traballos xornalísticos de calidade realizados por outros. Non hai exceso de información, hai malos filtros. O caos é controlable. Hai que atopar as ferramentas para a selección do que é realmente importante e para a súa análise, proporcionando un contexto á realidade, dándolle sentido.

O xornal deixa de ser un produto para converterse nun lugar, nun espazo, nunha praza pública de descuberta, de discusión e de deliberación para a toma de decisións racionais sobre o propio espazo público e a a propia realidade. O xornal deixa igualmente de ser un produto no senso en que xa non é un elemento unidireccional e pechado; é máis ben un proceso, un fluxo, un nodo nunha liña en constante movemento.

Creo que é aquí onde deberíamos centrar o debate: no xornalismo que está facendo e no que se vai facer, e non tanto se o soporte vai ser un ou vai ser outro. Moitos xestores de medios de comunicación están subindo ao carro da información en rede sen un proxecto claro e sen ser conscientes das súas posibilidades e vantaxes, e sen intuír cal vai ser o paso seguinte, procuran apenas darlles un verniz dixital ás súas cabeceiras que as rexuveneza fronte á súa audiencia. Outros, con algo máis de visión, aproveitan a conxuntura para encher os seus medios dixitais de blogues, canles e contas en redes sociais a través da integración de blogueiros externos, da agregación de contidos, ou da duplicación da actividade dos seus xornalistas. Máis contidos a menor custe.

Estamos vivindo unha profunda transformación no modelo de negocio da prensa e un cambio de soporte no que o papel vai deixar de ser maioritario e se vai ter que adaptar a novos usos. O futuro das cabeceiras impresas pasa pola súa especialización, arrevistamento -tanto en contidos como en fórmulas gráficas-, redución da súa paxinación e a concentración da súa publicación en certos días da semana e a procura de nichos de mercado específicos.

Porén, este cambio non vai ser tan rápido como moitos gurús da tecnoloxía levan anos anunciando. Imos vivilo na presente xeración, pero as grandes cabeceiras de papel van sobrevivir aínda un par de décadas, que nesta época é moitísimo tempo. O positivos datos de audiencia e facturación publicitaria que están rexistrando as principais cabeceiras norteamericanas (estancamento das perdas en 2010, tímidos beneficios en 2011) indican que as empresas informativas, malia teren desbaldido a meirande parte dos fabulosos beneficios que durante lustros obtiveron a custa das cabeceiras impresas e que debería ter financiado a súa transformación, teñen aínda a oportunidade de realizar esta transición de maneira programada, alentando o transvase de lectores e anunciantes cara á rede, ás edicións dixitais que deben ir gañando progresivamente primacía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcos Pérez Pena Marcos S. Pérez Pena (Montevideo, 1980) é xornalista e investigador en comunicación. Doutor en Xornalismo pola USC con unha tese sobre os medios de comunicación galegos na Transición. Autor de "Milladoiro. A Galicia de Maeloc. Unha fotobiografía" (Galaxia) Marcos S. Pérez traballou en Vieiros, Gznación, La Voz de Galicia, Diario de Ferrol e a Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega, e colaborou con revistas como Tempos Novos, Murguía ou ECO-Revista del Eje Atlántico.