Que hai detrás e por que creceu tanto o movemento contrario ás vacinas

A aceptación de postulados contrarios á vacinación preventiva vén aumentando nos últimos tempos. Hai grupos que espallan as súas opinións en congresos, reunións e seminarios. Pero eses mesmos grupos e esas mesmas persoas hai quince ou vinte anos case que eran uns descoñecidos. Como chegaron a ter tanta audiencia? Por que poden influir en grupos económicos e políticos e mesmo xente con estudos superiores para non aceptaren a validación científica da vacinación?

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As últimas estatísticas apuntan un aumento dos casos de sarampelo en Europa. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), máis de corentamil persoas infectáronse desta doenza contaxiosa durante o primeiro semestre de 2018 e trinta e sete mortos. Un caso de difteria en Cataluña, o primeiro desde 1987, a consecuencia; un neno de seis anos morto. E a cousa podería seguir para adiante, porque nos últimos anos a cantidade de persoas contrarias ou excépticas ao uso preventivo das vacinas foi en aumento. E o sorprendente é que moitas e moitos dos adeptos a esta posición contraria á medicina preventiva, son xentes que proceden de ámbitos nada sospeitosos de ignoracia, mestres, licenciados, xentes con preparación superior, etc.

Unha vacina, vacúas, necesidade de vacinación. FLICKR
Unha vacina, vacúas, necesidade de vacinación. FLICKR

No primeiro fin de semana de marzo organizouse a feira Biocultura pola asociación Vida Sana na Coruña. Días antes de que a feira abrise as portas saltaron as alarmas. Catro conferencias relacionadas coa vacinación foron retiradas do programa. O motivo é que ademais da polémica sobre a non vacinación, desde o grupo que apoia o goberno da Marea Atlántica na Coruña xustificouse esta acción en que “ estas conferencias, todas organizadas pola Liga por la Libertad de Vacunación, promoven una práctica de non vacinación que unha administración pública non debe apoiar”.

O MOVEMENTO ANTIVACINAS

“Este movemento naceu desde que naceron as vacinas, penso que vén un pouco como un acto de rebeldía contra cuestións impostas” di o investigador e doutor en Química, Manuel Vicente, “é como se dixesen; por que o goberno ten que velar pola miña saúde? Se o levas a un extremo é como se se negase un a poñer o cinto de seguridade no coche dicindo, por que teño que poñelo?”. Vicente tamén fai mención á “teoría da conspiración” sobre a saúde, aquelas que apuntan aos intereses das farmacéuticas para venderen medicamentos e por iso se recorre aos chamados remedios naturais. Este punto, o da conspiración e venda de medicamentos é dos máis usados polos antivacinas.

“O sorprendente é que moitas persoas implicadas neste movemento son xente con un alto nivel de estudos” apunta Manuel Vicente, “non falamos entón de persoas con baixos recursos ou coñecementos”. O motivo pode estar, como xa se apuntou, a unha postura contraria a sistema de medicina convencional. Mais tamén sorprende que este movemento se teña esparexido en progresión xeométrica nos últimos decenios. “A Internet serviu para achegar as ideas antivacina a lugares aos que antes non chegara”, por tanto aumentou a visibilidade.

Tamén é certo que en países da Unión Europea existen posturas políticas conformes coa idea de liberdade de vacinación. Porque esta é outra das posturas defendidas polo movemento antivacinas, que non son tal. “Denfedemos a liberdade de elección de vacinar” é unha das frases de Xavier Uriarte, un dos principais espoñentes da postura contraria ao uso obrigatorio de vacinas. “Se hai políticos que apoian estes movementos, o máis seguro é que vexan votos detrás deles, pero o que non se explica un é que no feito de non vacinarse vai contra o ben común, contra o propio interese da sociedade” declara Manuel Vicente. “Non vacinarse é un acto egoísta, porque se ben a inmensa maioría da poboación está vacinada, hai unha inmunidade de grupo que os protexe, pero estas persoas non inmunizadas non participan desa inmunidade de grupo por iso digo que é unha postura egoísta”.

A efectividade da inmunización contra determinadas doenzas precisa de taxas moi altas de persoas vacinadas, case chegando ao 95% da poboación, para ter unha comunidade protexida fronte a infeccións. “Pero para min existen bulos que xa están desmentidos, como é o da triple vírica (contra o sarampelo, papeiras e roseola) creado por Andrew Jeremy Wakefield, quen aseguraba a asociación entre autismo e a triple vírica”. Wakefiel escribira un artigo na revista médica The Lancet en 1998 para demostrar a suposta relación entre a vacina tripla e a aparición de autismo nos nenos. Finalmente, púidose demostrar que os supostos efectos detectados por Wakefield non puideron reproducirse noutros laboratorios. Co tempo a este ex-cirurxián mesmo lle foi retirada a licenza para exercer a medicina en 2010.

BASE CIENTÍFICA

Galicia Confidencial tentou contactar con organizacións contrarias á vacinación pero non houbo resposta. O que si abundan son as conferencias subidas a redes sociais para darlle publicidade a estes encontros e ás ideas expostas neles. Pero ademais, outra das curiosidades é que nalgúns casos, as persoas que emiten estas posturas son ou din ser profesionais da medicina. Entón, ten base científica a postura antivacinación? “Personalmente creo que non, todas as vacinas do calendario infantil están debidamente testadas, con eficacia contrastada e ademais, salvan vidas” di Pablo Vaamonde, médico. “É unha temeridade por parte dalgúns pais non vacinar os nenos, non só os desprotexen senón que a vacinación ten que ter unha porcentaxe poboacional determinada para xerar unha inmunidade comunitaria”.

“Outra cousa é a existencia de novas vacinas, como a do meningococo B que a xente se pon histérica e vai mercar a Portugal, pois creo que aí tampouco hai que ter présa” di Vaamonde. “Nas vacinas que non están no calendario oficial hai que dar tempo e ter certeza de que protexen, para iso hai que facer probas poboacionais”. É dicir, existe un testeado ou proba antes de que a vacina entre no mercado e nas campañas de vacinación. “Non obstante, as de sempre como a tripla vírica é indubidable que teñen beneficios para a poboación”. “A miña opinión é que estas posturas obedecen ao desexo de non quereren intervención médico-sanitaria sobre o corpo das persoas” sinala Vaamonde.

Pablo Vaamonde recoñece que “as vacinas teñen reaccións adversas, pero non se probou nunca que a tripla vírica cause autismo, por exemplo” e afirma máis “as probas están na erradicación dalgunhas enfermidades e redución doutras, pero ultimamente repuntan casos de sarampelo  e pode ser que estea relacionado cunha cobertura vacinal insuficiente”.

Tanto Vaamonde como Manuel Vicente coinciden non obstante, en apuntar a existencia de colectivos sociais que, polas súas características, non estarían suficientemente cubertos pola vacinación. “Serían grupos étnicos itinerantes, como a poboación xitana, pero tamén colectivos en exclusión social ou reductos de marxinalidade que tiveron pouca cobertura, pero hoxe en día son moi poucos os casos”. O que si apuntan expertos sobre este colectivo antivacinas é o carácter sobre todo urbano do mesmo. “Porque a inmensa maioría das persoas levan os fillos vacinarse, van aos controis pediátricos”. Por tanto,  a non vacinación dos nenos e nenas multiplica exponencialmente o risco de contraer doenzas que xa se terían superadas hai tempo.

O movemento antivacinas é o resultado dunha amálgama de ideas “antisistema” e teorías supostamente científicas, que co tempo foron caendo logo de diversas investigacións. No caso concreto que nos ocupa, a cuestión foi que había intereses económicos detrás das intencións do médico que afirmara que a vacina triple vírica aumentaba o risco de autismo. En tal caso, insistir que se tentou falar con persoas vinculadas a este movemento pero non se tivo resposta por parte delas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

1 Medicamentos que matan

Porqué creceu. Unha preguntalle Ós país qué teñem problemas despois da vacuna. Outra os estudos qué se fan a maioria estan financiados Por farmacéuticas Enton XA sey Ós resultados. Miña avoa viveo casé 100.anos nunca se vacunou. Miña nai ten 70 .0 vacunss está coma un roble. Outra MENTIRA que escoito moitas veces e qué aunentou a vida po las vacunas MENTIRA. Foi primeiro po la hixiene. Comida. Alcantarillado menos guerras. Etc