Xa hai xuízo polo suposto 'enchufe' dunha familiar de Carmela Silva

Fiscalía pide 8 anos de cárcere para un funcionario do Concello de Vigo e outros 7 para o xerente dunha concesionaria

Por E.P. | VIGO | 06/11/2018 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, sinalou nova data para o xuízo polo suposto 'enchufe' da cuñada de Carmela Silva nunha concesionaria municipal do Concello de Vigo, e a vista celebrarase os próximos 22 e 23 de xaneiro.

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra

Neste xuízo, que inicialmente fora fixado para maio pero aprazouse por problemas de axenda dun dos avogados, sentarán no banco dos acusados o funcionario Francisco Javier G.O., e o que era xerente da empresa Imesapi, Ramón C.A., para quen a Fiscalía reclama 8 e 7 anos de prisión respectivamente.

O Ministerio Público considera que este funcionario, xefe do departamento de Participación Cidadá, "ideou un plan" para dar traballo a Vanessa F.B., "muller moi afín a un membro do goberno local". Así, sostén no seu escrito de acusación que Francisco Javier G.O. requiriu a Imesapi para que empregase a esta persona, a pesar de que esta empresa (concesionaria dos servizos de atención e conserjería nos centros cívicos municipais) non necesitaba máis persoal.

Para que Imesapi pagase o salario a Vanessa, "ámbolos acusados idearon un plan" polo que a empresa facturáballe ao Concello diversas cantidades a través do "uso fraudulento" do procedemento de contratos menores, para a realización dunhas enquisas de calidade. Segundo a Fiscalía, esas enquisas foron realizadas, aínda que non pola empresa, a pesar do cal Imesapi elaborou as facturas de forma "mendaz" e cobrounas.

A acusación pública considera, por estes feitos, que Francisco Javier G.O. incorreu nos delitos de prevaricación, malversación e falsidade en documento mercantil. Polo primeiro deles, pide que sexa condenado a 10 anos de inhabilitación; polo segundo, reclama unha pena de 5 anos de cárcere e 20 anos de inhabilitación absoluta; e pola falsidade documental, pide a condena de tres anos de prisión e multa de 10.800 euros.

Ademais, entende que Ramón C.A. é cooperador necesario nos delitos de malversación e falsidade e pide que sexa condenado a 4 anos de prisión e inhabilitación absoluta durante 20 polo delito de malversación; e tres anos de prisión e 10.800 euros de multa polo delito de falsidade documental. Tamén reclama que ambos os acusados indemnicen ao Concello en 108.147,22 euros polo custo das enquisas facturadas.

ACUSACIÓN POPULAR

Nesta causa, a acusación popular é exercida pola asociación Xuntos por Galicia, que foi a que presentou a denuncia polo suposto 'enchufe' de Vanessa F.B. No seu caso, acusa a Francisco Javier G.O., e a Ramón C.A. dos mesmos delitos que a Fiscalía, aínda que pide penas máis severas.

Así, reclama que o funcionario sexa condenado a 15 anos de inhabilitación por un delito continuado de prevaricación; a 8 anos de cárcere e 20 de inhabilitación por un delito continuado de malversación; e a 5 anos de cárcere, outro cinco de inhabilitación e multa de 18.000 euros por un delito de falsidade.

Para Ramón C.A., reclama a pena de 8 anos de prisión e 20 de inhabilitación por un delito continuado de malversación; e á pena de 5 anos de cárcere, outro cinco de inhabilitación e multa de 30.000 euros por un delito de falsidade documental. Tamén demanda que ambos indemnicen ao Concello.

INSTRUCIÓN E ARQUIVO

Durante a instrución desta causa, foron investigados tanto os dous acusados como a propia Vanessa F.B.; o concelleiro de Participación Cidadá, Santos Héctor Rodríguez; os interventores municipais Luís G.A. e Juan Ramón G.C.; e un apoderado de Imesapi, José Antonio M.B.

O xulgado decretou o arquivo desta causa, primeiro con respecto aos interventores e, posteriormente, con respecto a Vanessa, ao concelleiro e ao apoderado da concesionaria.

En referencia ao edil de Participación Cidadá, a maxistrada sinalou que non resultaba acreditado que tivese coñecemento dos feitos supostamente delituosos. Do mesmo xeito, decretou o sobresemento con respecto ao apoderado de Imesapi, porque este non tiña poder de decisión sobre as contratacións de persoal na empresa.

En canto á cuñada de Carmela Silva, a titular do xulgado de instrución número 7 de Vigo decretou o arquivo da causa pola prescrición do suposto delito polo que era investigada (tráfico de influencias). No entanto, no seu auto, a xuíza indicaba que "resulta indiciariamente acreditado" que Vanessa F.B. pediulle emprego a Francisco Javier G.O. "prevaléndose da súa relación de parentesco" coa concelleira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta