A Xunta quere poñer o tren e os aeroportos a disposición do Xacobeo 2021

Convocará aos grupos para achegar ideas para o Xacobeo e ratifica que "hoxe mesmo" quedan desbloqueadas as vantaxes fiscais para patrocinios

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/11/2018 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, avanzou o impulso, en colaboración coa Consellería de Infraestruturas, dunha mesa bilateral Xunta-Estado para "adaptar" os principais sistemas ferroviarios e aeroportuarios galegos aos "desafíos" que presenta o Xacobeo 2021.

O conselleiro de Cultura comparece na Cámara. XUNTA DE GALICIA
O conselleiro de Cultura comparece na Cámara. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

"Queremos adiantarnos aos acontecementos que se aveciñan deixándoo planificado", esgrimiu Román Rodríguez, cuxo departamento pretende preparar as infraestruturas coa vista posta en 2021, aproveitando as oportunidades que proporcionará a intermodalidade ou a chegada da AVE a Galicia, por exemplo.

O obxectivo de Cultura e Turismo, segundo fontes do seu departamento consultadas por Europa Press, é favorecer a mobilidade no territorio e buscar novas oportunidades de conexións internacionais. Todo iso, para dar lugar a un territorio conectado e preparado para facer frete aos retos do Xacobeo.

Rodríguez centrou boa parte da súa comparecencia na Cámara, na que debullou as liñas de traballo do seu departamento, no Xacobeo de 2021, entre duras críticas dos grupos da oposición --En Marea, PSdeG e BNG--, que lle afearon, por exemplo, "nulo" compromiso coa cultura e a volta "ao modelo Fraga".

"O Xacobeo é un proxecto de país e construirémolo cunha planificación axeitada e participación; para 2019 xa se orzan 30 millóns", sentenciou, en fronte, Rodríguez, antes de aludir aos órganos que traballan neste fin: o Consello Xacobeo e a comisión interdepartamental impulsada pola Xunta.

Precisamente, no marco dunha reunión do Consello Xacobeo deste martes, ratificou que "hoxe mesmo" quedarán desbloqueados os xa anunciados beneficios fiscais para favorecer os patrocinios para o Xacobeo. "É fundamental a participación da sociedade, das entidades públicas e das privadas", reivindicou.

Ao tempo, conforme avanzara o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, incidiu no obxectivo de crear no Parlamento un grupo de traballo ao que a Xunta aspira a "sumar" aos representantes de todos os partidos políticos representados no hemiciclo galego. "Serán convocados en datas moi próximas para poder empezar a traballar nesta liña", avanzou, antes de chamar a achegar ideas.

ESTRATEXIA DA CULTURA E MELLORA DE ALOXAMENTOS TURÍSTICOS

Na súa intervención, o conselleiro expuxo as liñas de traballo do seu departamento identificándoas con "dez camiños" para desenvolver cultura e turismo axuntando "sinerxias". "Un decálogo para construír o proxecto para o ano 2021 e os próximos" baseado en "planificación, competitividade, sustentabilidade, orgullo, singularidade, accesibilidade, equilibrio, profesionalización, innovación e internacionalización".

No apartado de planificación, sinalou que xa existen estratexias e plans de funcionamento como a Estratexia de Turismo de Galicia 2020, e outros "en pleno desenvolvemento" como a Estratexia da Cultura Galega. Desta última, avanzou que se elevará ao Consello da Xunta para a súa aprobación antes de finalizar este ano. A estas follas de ruta sumou o Plan Estratéxico do Xacobeo, que estará en 2019.

Ao tempo, anunciou que se porá en marcha un Plan de mellora de aloxamentos turísticos para modernizar os seus equipamentos, infraestruturas e servizos. Un programa que busca "fidelizar" aos visitantes, aumentar os períodos de estadía e o gasto por cliente, o que "repercutirá" na creación de emprego.

No caso das industrias culturais, en 2019 potenciaranse sectores "crave" como o do libro a través do Plan específico de dinamización da lectura; ou o da música mediante unha nova liña de axudas para apoiar aos novos artistas, e da marca Fest Galicia.

Tamén se creará, en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, a 'Galicia Filme Office', que impulsará as rodaxes en Galicia. E en canto ás artes escénicas, Rodríguez avanzou que se proporá "un gran espectáculo de danza" que xire pola comunidade e tamén polo exterior.

PROGRAMA DE AXUDAS A NOVOS CREADORES, LINGUA E FORMACIÓN

No ámbito da sustentabilidade, ademais da mesa bilateral para adaptar infraestruturas, o próximo ano crearase un programa de axudas a novos creadores no ámbito da literatura, a tradución e a ilustración, e celebrarase o primeiro 'Mercado de Arte' dedicada a dar visibilidade e impulsar a carreira dos novos artistas. Do mesmo xeito, seguirase "potenciando" o Centro de Emprendemento do Gaiás.

Rodríguez tamén aludiu ao Plan de Rehabilitación de BICs dos Camiños de Santiago, presentado ao Ministerio de Cultura para a súa cofinanciación; e dous proxectos "novos": o programa de 'Rutas en Pequenos Centros históricos'; e o plan 'Galicia Sabe', sobre a tradición culinaria galega. A Xunta "seguirá traballando" noutras accións como o 'Plan Termal' ou a sinalización das 'Rutas do Viño'.

Ao tempo, o conselleiro avanzou outras iniciativas "novas" como unha destinada a colaborar con entidades que traballan no ámbito da inclusión para lograr unha cultura "inclusiva" e un turismo "accesible". Así mesmo, co lema do "orgullo", apostou por continuar fomentando o galego e referiuse ao Plan de dinamización da lingua galega na mocidade.

Tamén avanzou que o próximo ano empezarase a crear o Legado Artístico de Galicia, que perseguirá a "máxima protección, conservación e dispoñibilidade da obra dos artistas galegos históricos e contemporáneos". Entre os seus anuncios, tamén incluíu a creación do premio 'Vila Cultural'.

Rodríguez apostou pola innovación para impulsar un novo modelo de xestión do patrimonio cultural; reivindicou a necesidade de traballar na internacionalización e na "diplomacia cultural"; e incidiu na necesidade de "formar" para "profesionalizar" o turismo e a cultura. No primeiro campo, sinalou como "referente" ao Centro Superior de Hostalaría, mentres que no segundo avanzou que se cooperará coas universidade spara elaborar un plan de formación en ámbitos culturais.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN: "NULO" COMPROMISO E VOLTA AO "MODELO FRAGA"

A intervención de Román Rodríguez suscitou duras críticas por parte da oposición. Así, tanto Olalla Rodil (BNG) como Concepción Burgo (PSOE) reprobaron que o conselleiro leva anuncios xa formulados por anterioridade e que "non se cumpriron", tales como o impulso á Estratexia dá Cultura Galega. "Vivimos no día da marmota eternamente", lamentou Rodil.

Do mesmo xeito, a parlamentaria do BNG acusou á Xunta de tentar volver "ao modelo Fraga" con "máis diñeiro para enterrar na Cidade da Cultura" e ironizou co "monocultivo do Xacobeo, o novo eucalipto". "O Xacobeo é o único que lles importa, queren usalo para tapar a falta de xestión de Feijóo", coincidiu Concepción Burgo.

Pola súa banda, a deputada de En Marea Ánxeles Cuña afeou ao Goberno galego o seu "nulo compromiso coa cultura", cuxo gasto está "na metade de hai unha década".

Tamén incidiu en que o problema non reside na "falta de formación" senón na "falta de compromiso" da Xunta con sector cultural. "Os nosos modelos están nas antípodas", concluíu a parlamentaria do grupo rupturista.

Pola súa banda, o parlamentario popular César Fernández Gil defendeu as propostas de Román Rodríguez, quen confesou que deixa o Parlamento "tranquilo", pero "tamén triste e preocupado" por que á oposición "non lle preocupa nin lle interesa" o turismo. En todo caso, volveunos a instar a "sumarse" e achegar ideas para o Xacobeo 2021.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta