Que hai detrás da estratexia para non pagarlle pensións aos mariñeiros galegos?

O sindicato da mariña mercante de Noruega non menciona os acordos asinados en 1963. Cínguese ao acordo bilateral de 2000 entre o país escandinavo e España. No entanto, preguntas no Senado ao Goberno central non conseguen ter unha resposta clara sobre a posibilidade de pagar a pensión a 12.000 mariñeiros españois, 8.000 galegos. A Valedora do Pobo di que non reciben resposta do ministerio de Asuntos Exteriores español.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/11/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O día 22 de novembro a sede da Organización Internacional do Traballo (OIT) en Madrid acollerá unha reunión entre representantes de mariñeiros que traballaron en barcos noruegueses, do Goberno central e sindicatos. Buscarán unha solución ás reivindicacións dos traballadores do mar para cobrar pensións de retiro logo de estaren embarcados durante anos, algúns por décadas. Pero os atrancos ou as manobras para atrasar ou dilatar os tempos parecen indicar que non existe unha disposición clara de asumir responsabilidade ningunha por parte do goberno de Oslo.

Mariñeiros de Long Hope en Helsinki
Mariñeiros de Long Hope en Helsinki | Fonte: Long Hope

Así as cousas, logo do primeiro artigo sobre este tema e despois de contactar coa NAV, a Seguridade Social noruegesa, esta respondera que a lexislación dese país anterior a 1994, non recollía a obriga dos mariñeiros estranxeiros a cotizar para cobraren despois unha pensión. Aínda máis, as institucións do país escandinavo rexeitaron longamente a incorporación dos estranxeiros, agás cidadáns de países nórdicos, ao sistema de pensións. Isto foi así ata que Noruega entrou no Espazo Económico Europeo (EEE) e tivo que equiparar o seu sistema de cobertura social coa Unión Europea (UE) e os seus cidadáns, pois de non actuar así, estaría entrando en conflicto directo coa Carta Social Europea e coa Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea.

SINDICATOS DA MARIÑA MERCANTE

O sistema de cotización ou de achega á seguridade social norueguesa é triple. Por unha banda parte do diñeiro vai ao goberno, outra ao empresario e outra descontada ao traballador e por último vai unha cota ao sindicato ao que obrigatoriamente se tería que afiliar a xente do mar, unha . Neste caso o Norsk Sjømannsforbund/Norwegian Seafarers Union (NSU) que a día de hoxe está presidido por Johnny Hansen desde o 27º congreso desta organización.

Hansen reuniuse con mariñeiros da plataforma Long Hope, que representa a maioría de ex-traballadores do mar españois en Noruega, desde 1948 ata 1994. Durante os encontros entre o NSU con Long Hope e representantes sindicais españois, a postura norueguesa foi a de dicir que o problema era co goberno de Oslo, pois a federación sindical (NSU) pouco ou nada podía facer. “Iso non é así, porque nós tivemos que pagarlle a ese sindicato durante corenta anos as nosas filiacións e por tanto, si pode facer ou mover ficha diante do goberno do seu país” din fontes de Long Hope.

Email do preidente da NSU, Johnny Hansen
Email do preidente da NSU, Johnny Hansen | Fonte: Galicia Confidencial

O caso é que Galicia Confidencial contactou directamente con Johnny Hansen para poder aclarar este asunto. Nun email enviado desde a NSU, Hansen di primeiramente “Segundo a documentación  os mariñeiros españois pagaron impostos federeais (sic, da traducción desde o inglés) e estatais a Noruega mentres navegaron en barcos baixo bandeira norueguesa durante os anos 70 e 80, pero non pagaron contribucións ao Sistema de Seguridade Social Noruega segundo a lexilación do noso pais.  Entendemos que, de  acordo coa lexislación norueguesa, á xente de mar española non se lle permitiu pagar contribucións ao Sistema Noruego de Seguridade Social e que este é o núcleo da queixa dos mariñeiros españois  que lles parece inxusto pois estaban empregados en buques de bandeira norueguesa”. Máis adiante di “as cartas que os mariñeiros españois recibiron do Defensor do Pobo Noruegués, do ministerio de Traballo e do ministerio de Asuntos Esteriores (de Noruega) explican con detalle a lexislación norueguesa antes e despois de que o noso país asinara o tratado do EEE en 1994”.

Non obstante, Hansen non fai mención neste primeiro parágrafo a que antes de 1970 xa había mariñeiros traballando nos barcos noruegueses, practicamente desde finais da  II Guerra Mundial. Por outra banda, é certo que nos anos 70 e 80 non pagaran á Seguridade Social de Noruega, pero como se dixo no primeiro artigo sobre este tema en Galicia Confidencial, as mesmas autoridades norueguesas consideraron que non deberían incluírse no sistema público de pensións os traballadores estranxeiros. Así, Hansen lembra na súa resposta que o sistema noruegués está pensado para residentes no país “ Todos os cidadáns que residen de maneira permanente en Noruega son membros obrigatorios do Sistema Noruego de Seguridade Social e teñen a obriga de pagaren as contribucións a dito plan. Algunhas persoas que viven fóra de Noruega poden, baixo certas circunstancias, converterse en membros volutarios do Sistema de Seguridade Social, pero despois dunha solicitude aprobada polo goberno. Normalmente isto non se concede se a persoa vive fóra da área UE/EEE con empregadores fóra da mesma área”.

A DOBRE IMPOSICIÓN

A cuestión da dobre imposición, gravar con impostos desde os dous países, neste caso España e Noruega, foi un asunto considerado como negativo polas autoridades de Oslo e por iso se asinou o acordo de 1963. Non obstante, Johnny Hansen di na súa resposta “Noruega asinou un acordo fiscal con España en 2000. Xa que o acordo non estaba en vixencia antes de 2000, isto significa que calquera imposto sobre a renda pagado a Noruega por mariñeiros españois podería ter tributado tanto en Noruega como en España”.

A resposta de Hansen cando menos é chocante. Xa se apuntou en traballos anteriores a existencia do Convenio bilateral entre España e Noruega de 1963 referente á eliminación de dobre imposición. Mesmo fontes de Long Hope achegaron a resposta de asesores legais noruegueses “este señor (Hansen) parece non ter coñecemento do acordo asinado entre España en Noruega do 1963, parece que lavan as mans e non dan apoio ningún”.  Si existen apoios dentro de Noruega ás peticións de Long Hope, a plataforma que representa os exmariñeiros. Entre elas está a da LO, confederación de sindicatos norueguesa, que si deu expresamente o seu apoio por escrito.

SEN RESPOSTAS

O día 30 de outubro do 2018, Long Hope recibe unha carta da Valedora do Pobo Galego. Nesa carta a institución respondía que non recibira resposta do Ministerio de Asuntos Exteriores español sobre a situación das conversas co Reino de Noruega. “Dado que o Ministerio de Asuntos Exteriores non remitiu o informe demandado, o día de hoxe requirímolo novamente” din desde a Oficina da Valedora. Isto acontece cinco meses despois de que no Senado se preguntase sobre esta cuestión ao Goberno central. As preguntas foran elevadas pola senadora María Angustia Gómez e a resposta chegou o día 15 de outubro “La vulneración de los derechos de los marineros españoles afectados procede exclusivamente de una discriminación normativa contraria al Convenio Europeo de Derechos Humanos generada por el contenido de la legislación Noruega”.

Engaden ademais “El Convenio Europeo de Derechos Humanos (artículo 34) prevé, para remediar estas situaciones, que las personas afectadas, quienes más directamente están padeciendo una violación de los sus derechos fundamentales, previo el agotamiento de las vías de impugnación internas noruegas, demanden al Estado noruego ante el Tribunal Europeo de Derechos Humanos”.

Logo de insistir en esgotar todas as vías legais antes de chegaren ao Tribunal de Dereitos Humanos, a resposta do Goberno engade “El Gobierno se encuentra informado en la actualidad del estado de los procedimientos de reclamación que los marineros afectados tienen pendientes ante los Tribunales noruegos. Tan pronto como los marineros afectados y la Asociación Long Hope, una vez agotada la vía interna noruega, comuniquen la interposición de demanda ante el Tribunal Europeo de Derechos Humanos, España se personará en dicho procedimiento como tercero interviniente, apoyando sus legítimas pretensiones”.

Nesa mesma resposta, o executivo español di ter insistido diante das autoridades norueguesas sobre os dereitos a pensións dos mariñeiros españois “El problema estriba en que la parte noruega se ha negado hasta la fecha a negociar sobre este asunto arguyendo que se trata de un tema exclusivamente judicial y no político”. A día de hoxe, o Goberno central di estar en contacto con Noruega para buscar unha solución que atenda as reivindicacións dos mariñeiros. Non obstante insiste en esgotar todas as vías legais antes de pasar ao Tribunal de Dereitos Humanos.

A postura oficial española parece querer evitar un enfrontamento coas autoridades norueguesas. E iso que houbo reunións co Ministerio de Asuntos Exteriores español, coa NSU, con autoridades dun e doutro país, pero a solución parece que tarda. A resposta a esta dilación temporal non se sabe con certeza, pero o calendario de mobilizacións continúa. Así, Long Hope prepara concentracións para o 16 de outubro na Coruña, o día 22 como xa se apuntou, reunión na OIT en Madrid, o 12 de decembro concentracións en Madrid e xa no mes de febreiro serán os xuízos en Oslo sobre toda esta problemática.

A conclusión é que non hai unha vontade clara por parte das autoridades de quereren dar cunha solución a este asunto. Así pois, os mariñeiros veranse obrigados a recorrer a todas as instancias posibles ata que, de maneira definitiva, as autoridades políticas decidan a mellor saída para as reivindicacións dos mariñeiros. Mentres, sorprende a actitude de determinados sectores sindicais que non brindan un apoio explícito aos traballadores que estiveron pagando cotas a sindicatos noruegueses. “Onde van os cartos que recadaron durante corenta anos dos nosos salarios? Non serven para nada?” din desde Long Hope.

Resposta Valedora do Pobo
Resposta Valedora do Pobo | Fonte: Long Hope
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta