Acouga advirte sobre a imparcialidade da xustiza tras a decisión do Supremo sobre as hipotecas

Este órgano xudicial rectificou a recente sentenza pola cal impoñía á banca, e non aos clientes, o pagamento dos impostos hipotecarios.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/11/2018 | Actualizada ás 13:22

Comparte esta noticia

A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga) considera "ilóxica e contraria a todas as regras do Dereito Fiscal" a decisión do Tribunal Supremo acerca do pagamento dos impostos das hipotecas. Nunha rectificación dun fallo anterior, o Supremo acordou que serán os clientes, e non os bancos, quen deban pagar o Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados nos préstamos hipotecarios

Membros da  Asociación de Consumidores e Usuarios de Galicia (Acouga), nunha rolda de prensa
Membros da Asociación de Consumidores e Usuarios de Galicia (Acouga), nunha rolda de prensa | Fonte: Cedida

Así, resalta que a este "gravísimo erro de interpretación xurídica engádeselle o moi especial contexto deste caso", cun presidente da Sala, Luis Díez-Picazo, "afectado por causa legal ao prestar servizos docentes dous cursos académicos nun centro universitario titularidade da Asociación Española".

Para a Asociación Galega de Consumidores e Usuarios, o sucedido estes días "causa un enorme dano á reputación do cumio xudicial español" e engaden que "a desconfianza da cidadanía cara a súa función de unificación xurisprudencial no Estado de Dereito está totalmente xustificada".

DECISIÓN POLÉMICA

Esta decisión plenaria estima que é o cliente o interesado e o beneficiado polo outorgamento da hipoteca. Acouga non comprende este razoamento, "xa que cómpre gravar a aquel que se beneficia, e no outorgamento da garantía hipotecaria só se beneficia aquel que presta, non o que recibe", afirman. 

O acordo do Supremo foi adiante tras unha votación cun resultado de 15 contra 13. Este órgano recúa, así, e anula a sentenza da súa Sección 2ª do 16 de outubro, pola cal impoñía á banca o pago de dito gravame.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta