A Deputación de Lugo creará un banco de terras en 5 Concellos da Montaña

O proxecto pretende catalogar 1.204 quilómetros de territorio nos Concellos da Fonsagrada, Cervantes, Negueira de Muñiz, Navia de Suarna e Becerreá.

Por E.P. | Lugo | 07/11/2018 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

O Grupo Operativo Resurgir Alto Navia, que procurará a recuperación de 1.204 quilómetros de terreos abandonados nos Concellos da Fonsagrada, Cervantes, Negueira de Muñiz e Becerreá, na provincia de Lugo. A iniciativa tamén contempla a cobertura do territorio en Grandas de Salime, Ibias e Pola de Allande, no Principado de Asturias. O proxecto ten como finalidade a creación dun banco de terras nestes municipios, para poñelas a disposición de produtores interesados en transformalas en solos de produción agrícola ou forestal.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Argelio Fernández Queipo, subliñou que “apoiamos esta iniciativa porque consideramos que é o noso deber dar visibilidade aos proxectos de desenvolvemento rural, proxectos innovadores coma este, que procuran poñer en valor o medio rural na nosa provincia. O banco de terras permitirá darlles un novo uso a solos e parcelas que son aptas para a agricultura, pero que están abandonadas e desaproveitadas para a produción agrícola ou forestal. E todo iso, mediante unha aplicación práctica e sostible”.

O proxecto do Grupo Operativo Resurgir Alto Navia, impulsado pola Asociación Europea para a innovación en materia de produtividade e sostibilidade agrícola, está na primeira fase de execución. Nesta, cómpre identificar os solos abandonados, ou dos que non se dispón de datos catrastrais ou, de existiren, os datos rexistrados non se corresponden coa realidade, ben porque non se coñecen os seus propietarios ou non figuran no rexistro da propiedade. Neste último caso, o grupo operativo tería como obxectivo o contacto coas persoas en propiedade deses terreos logo da súa identificación. Un labor paralelo será o de facer un traballo de investigación cartográfico e de catalogación dos solos para a realización do banco de terras.

O Grupo Operativo Resurgir Alto Navia, financiado polo Plan Nacional de Desenvolvemento Rural, conta cunha subvención de 90.474 euros para construír un sector agroalimentario e forestal competitivo. O proxecto, coordinado pola Asociación de Gandeiros da Fonsagrada, está integrado por asociacións de produtores, cooperativas, empresas e entidades públicas: A Sociedade Cooperativa A Carqueixa; Galetec Gabinete Técnico Interterritorial SL; Asociación ADN, Desarrollo Rural Integral de Negueira de Muñiz; Asociación Cultural Amigos de Fonteta Os Reises del Valledor; Sociedad Cooperativa Caxigal; e Selforga SL.

Camiño Primitivo entre Grandas de Salime e A Fonsagrada
Camiño Primitivo entre Grandas de Salime e A Fonsagrada | Fonte: Guido Álvarez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta