A comisión Xunta-Estado para a AP-9 reunirase en novembro e tratará a venda de accións

O PP aproba con apoio do PSOE e abstención de En Marea e BNG unha iniciativa que esixe "concretar" como se suprimirá a peaxe de Redondela.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/11/2018 | Actualizada ás 20:05

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, avanzou este mércores que a comisión de seguimento da AP-9, na que están o Ministerio de Fomento e a Xunta, reunirase o próximo 13 de novembro. Na orde do día do encontro, está incluído abordar a situación de Audasa ante a venda de accións do grupo da concesionaria por parte de Abanca.

Autoestrada AP-9. Europa Press - Archivo
Autoestrada AP-9. Europa Press - Archivo | Fonte: Europa Press

En resposta ao deputado do BNG Luís Bará, que denunciou que a Xunta é un "invitado de pedra" e non actuou ante as operacións especulativas dos "fondos voitres", Ethel Vázquez asegurou que na "próxima reunión" co Goberno preguntarán por estes "movementos de capital". Sostivo que se trata dunha competencia "estatal" --Galicia pediu a transferencia da titularidade-- e supuxo que o BNG lle facía esa pregunta porque "non ten representación" no Congreso.

En todo caso, Ethel Vázquez indicou que se trata dunha operación de capital privado que "non autoriza a administración" e que, ademais, "non debería influír na xestión da AP-9". "Velaremos pola calidade do servizo, non sería admisible outra cousa", asegurou a conselleira.

"Acaba de confirmar que non fixeron nada desde que se anunciou a venda desa parte galega", criticou Bará na súa réplica, sobre a operación de Abanca na que se desfixo da súa participación no grupo empresarial por 300 millóns de euros.

Ethel Vázquez subliñou que a Xunta está "ao lado dos galegos" e reivindicou que preguntarán ao ministerio por esta cuestión nunha comisión que, subliñou, permite "voz e voto" por primeira vez "en 40 anos" sobre a autoestrada.

SUPRESIÓN DA PEAXE DE REDONDELA

Ademais desta cuestión sobre a AP-9, o PPdeG impulsou unha iniciativa sobre a peaxe de Redondela, que foi debatida este martes e que este mércores quedou aprobada polo pleno da Cámara, cos votos do grupo maioritario e do PSOE. Pola súa banda, En Marea e BNG abstivéronse.

Nela, ínstase á Xunta a requirir ao Goberno do Estado "a concreción do prazo e fórmula" elixidos para a supresión da peaxe de Redondela, na AP-9. No debate previo á votación, que tivo lugar este martes, ningún grupo se mostrou contrario á supresión da peaxe, aínda que tanto En Marea e BNG como o PSdeG incidiron na "diferente postura" dos populares en relación á AP-9 e a Audasa desde que non goberna Mariano Rajoy.

Encargado de defender a iniciativa, o parlamentario popular Alberto Pazos Couñago instou o resto de grupos a situarse "á beira dos veciños" e dirixiuse especificamente aos socialistas para pór en dúbida que manteñan as "esixencias" previas a que Pedro Sánchez chegase ao poder.

Finalmente, os socialistas apoiaron a proposta, aínda que no debate deste martes o parlamentario Luís Álvarez suxeriu que, á marxe de impulsar peticións ao Executivo central, a Xunta debería eliminar a peaxe entre Vigo e Nigrán, na AG-57.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta