Temas: OURO LUGO MUSEO ARTE

Lugo, capital do ouro galego por uns días

Expertos de distintos países participan neste congreso promovido pola Deputación Provincial. Será a primeira vez que se trate a cuestión da ourivaría galego a nivel internacional.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/11/2018 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

A cidade de Lugo é a sede do primeiro simposio internacional sobre a ourivaría galega, un evento promovido pola Deputación Provincial. Nesta iniciativa cultural, que conta co apoio europeo da AEPC 2018, participan arqueólogos expertos como o ourensán Marcos Martinón-Torres ou a portuguesa Raquel Vilaça. Un total de 140 asistentes aprenderán nocións sobre o ouro galego grazas a este proxecto, que se prolongará ata mañá, venres 9.

Os buracos dos mouros. Mina romana en Tomiño
Os buracos dos mouros. Mina romana en Tomiño | Fonte: Cedida

No acto de inauguración, a deputada de cultura, Pilar García Porto, explicou que "é a primeira vez que se celebra en Galicia un simposio internacional sobre a ourivaría galega. Polo tanto estamos diante dunha iniciativa cultural de primeiro nivel. E facémolo para poñer en valor os recursos patrimoniais e arqueolóxicos que posuímos na provincia". Engadiu, ademais, que tratan de "promover e difundir a ourivaría antiga como fonte de información e documentación”.

Houbo lugar tamén para os agradecementos ao traballo de todo o equipo da Rede Museística da Deputación. “Estou convencida de que esta cita contribuirá a difundir, relacionar e poñer en valor as coleccións de ourivaría antiga do noso Museo, e ao mesmo servirá para coñecer as diferentes aportacións científicas existentes relacionados co ouro antigo”, salientou a deputada de cultura.

 

No acto de presentación, acompañaron a García Porto o tenente de alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez; a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez López; a vicerreitora de coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; e a Directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro García.

EXPERTOS CONVIDADOS

O catedrático de Ciencia Arqueolóxica na Universidade de Cambridge, Marcos Martinón-Torres, foi o encargado de dar comezo a estas xornadas. Martinón Torres leva varios anos liderando un grupo internacional de investigadores e traballando arredor da análise científica de artefactos arqueolóxicos para procurar datos sobre a súa fabricación, orixes ou datas. Os seus proxectos máis destacados teñen que ver sobre o Exército de Terracota de China ou o ouro precolombino en Sudamérica.

Ademais del, serán outros os expertos convidados a participar neste simposio. Na xornada de mañá, venres, intervirán Raquel Vilaça, da Universidade de Coímbra; Alison Sheridan, arqueóloga británica; ou Thomas Schattner, que falará sobre a iconografía na arte castrexa. Para finalizar o encontro, ás 19.00h, desenvolverase unha visita ao Lugo Arqueolóxico, con explicacións técnicas a cargo de Ana Goy. 

Temas: OURO LUGO MUSEO ARTE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta