O rearme europeo contra os pobres toma a voz en Santiago

A vicepresidenta da subcomisión de Seguridade e Defensa do Parlamento Europeo, Sabine Lösing e a europarlamentaria Lidia Senra, exporán este xoves as políticas da Unión Europea en materia de defensa que acusan de “estar pensadas contra os pobres e inmigrantes ademais de substraer fondos públicos europeos que estaban destinados a políticas sociais”. Será nun acto ás 19:00 este xoves na Facultade de Ciencias Políticas da USC.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/11/2018 | Actualizada ás 13:54

Comparte esta noticia

Sabine Lösing é europarlamentaria do grupo alemán Die Linke e atendeu a unhas preguntas de Galicia Confidencial antes da rolda de prensa que presentou a conferencia “Con esta Europa non hai Paz. Non ao gasto militar”. Preguntada sobre a implicación do lobby do armamento sobre as administracións europeas, Lösing di que “si hai unha presión moi forte deste lobby, pero tanto Lidia Senra como eu mesma, ao sermos parlamentarias de esquerdas, non recebemos tantas presións, pero é certo que dentro dos grupos de expertos e expertas a industria do armamento ten presenza directa, en concreto hai un denominado Group of Personalities que si inclúen representantes da industria do armamento”.

Cartel do acto organizado pola eurodeputada Lidia Senra / Fonte: GUE/NGL
Cartel do acto organizado pola eurodeputada Lidia Senra / Fonte: GUE/NGL

Para Lidia Senra, europarlamentaria do GUE/NGL, o mesmo que Sabine Lösing, “estamos diante dun debate de como se quere configurar a UE dentro do negocio da guerra, seguir afondando no negocio da guerra” porque “nós entendemos que efectivamente, a guerra é un negocio vía armamento e vía controlar os recursos dos países do Sur, basicamente de África”.

Sobre os temores de privatización de partes dos exércitos mediante contratos entre os estados e compañías privadas, Lösing declara “non hai datos así a primeira vista, pero si que é certa a existencia de contactos entre instancias políticas e industria privada, en Alemania o contrato do Airbus 1400, que non se di claramente, que pode transportar carros de combate, pero datos como este non se fan públicos”.

O recurso de falar sobre postos de traballo que se poden crear grazas á industria de defensa para Lösing “pódese dicir claramente, mesmo con estudos en EE UU que demostran que cada dólar investido en traballo social pode crear máis postos de traballo que na industria do armamento”, ademais sinala a parlamentaria alemana “sempre se magnifica o impacto da industria de defensa no emprego que realmente non é certo, é un impacto de beneficios non de postos de traballo”. Tamén denuncia o escurantismo arredor destes traballos “porque moitas empresas adicadas á defensa fan traballos duais, constrúen un buque que logo non se sabe se serán un petroleiro ou un buque de guerra”.

Sobre o mesmo  punto Lidia Senra destaca que “os postos de traballo que dá a industria do armamento habería que derivalos a outras actividades económicas, o que non se pode xustificar é a guerra, matar persoas, en base a manter postos de traballo”.

Durante a rolda de prensa, as dúas europarlamentarias destacaron as palabras do secretario xeral da UE, Jean-Claude Junker cando dixo nunha conferencia de seguridade en Munich: “en dez meses a UE investiu máis cartos en defensa que en dez anos”. Por outra banda, destacaron tamén que diversos plans, como Plan de Mobilidade Europeo para transporte de mercadorías, ten unha parte do seu orzamento investido para mobilidade militar, con diñeiro substarído dos fondos públicos da UE.

A conclusión das europarlamentarias é que Europa se está armando para a guerra, unha guerra que se librará por recursos en África maiormente, e tamén contra os pobres, que poderían desestabilizar o actual sistema socioeconómico da UE e dos grandes capitais. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta