Cobre San Rafael recoñece que a mina de Touro contamina pero segue querendo reabrila

A empresa detrás da posible reapertura na mina de O Pino-Touro, asume que haberá pegadas de contaminación pola actividade extractiva. Isto faino despois dos informes sectoriais da Xunta de Galicia.

Por Galicia Confidencial | O Pino-Touro | 09/11/2018 | Actualizada ás 16:10

Comparte esta noticia

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, denuncia que Cobre San Rafael está eludindo responsabilidades por contaminación en augas soterradas e superficiais, perto das antigas explotación mineiras de Touro. Segundo a asociación ecoloxista, logo dos informes sectoriais e alegacións ao proxecto, a empresa mineira asumiu que a contaminación da auga se debe “a unha ausencia de medidas protectoras, correctoras e mellores técnicas dispoñibles” ademais de non executar actuacións de restauración e clausura”.

Mapa interpretativo dos cursos de auga perto da mina de Touro
Mapa interpretativo dos cursos de auga perto da mina de Touro | Fonte: ADEGA

ADEGA sinala que a empresa “non pode negar a evidencia, mais semella que as consecuencias daqueles incumprimentos que chegan mesmo até os nosos días, non van con ela”. Por iso consideran que Cobre San Rafael está “desentendéndose da súa responsabilidade e nen sequera fai propósito de enmenda”. Xunto a isto “fía todo ás bondades do proxecto de reapertura, como se alongar a explotación fixera desaparecer os riscos e a contaminación da antiga mina, e non os magnificara”.

Os informes de Cobre San Rafael sinala incumprimentos sobre “a concentración de sulfatos, ferro diluído, Manganeso, Aluminio, Boro, Níquel, Mercurio e Zinc”. As augas afectadas por estas verteduras espalláronse polos regos Brandelos, Pucheiras, Felisa, Portapego e Rozas, descarregando polo Lañas e Brandelos cara o Ulla. Como consecuencia, segundo o informe da empresa “os regatos da contorna quedaron desprovistos dos organismos acuáticos naturais e perderon cualidades para regar, potabilización ou cría de peixe”. Malia isto, a mesm empresa considera que o elevado caudal do Ulla permitíu “rebaixar os efectos dos elementos verquidos”. Segundo ADEGA, isto último fixo que “os altos níveis de sulfatos inxectados durante décadas pola mina e detectados no Ulla, chegan até a mesma ría de Arousa”.

A Universidade da Coruña, UDC, participou na analítica das augas e unha das conclusións é que “todas as augas das distintas captacións e depósitos non son aptas para o consumo humano”. Sinala o informe ademaism, que non cumpren cos valores mínimos de pH.  “Os valores de mercurio, amonio e nitritos superan os límites legais para todas as captacións e depósitos, rexistrándose tamén frecuentes incumprimentos (RD 140/2003 e RD 817/2015 de cobre, zinc, manganeso e aluminio. Para rematar ADEGA engade “diante desta gravísima evidencia, que propón a empresa? Pois eliminar as captacións veciñais e cargarlle aos concellos a responsabilidade de subministrar auga á veciñanza e explotacións afectadas: todo un exemplo de irresponsabilidade social corporativa”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta