Ventos de 143 km/h e fortes choivas que deixan 100 litros por metro cadrado

Os lugares onde o vento foi máis forte foron Cedeira e Viveiro. No mar rexistráronse ondas de nove metros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2018 | Actualizada ás 19:54

Comparte esta noticia

O temporal que afecta de novo este venres a Galicia deixou ventos de até 143,7 km/h en Cedeira (A Coruña) e choivas cuantiosas, preto dos 100 litros por metro cadrado, no sur da provincia da Coruña.

Temporal en Galicia
Temporal en Galicia | Fonte: Miguel Núñez.

Así, os fortes ventos, que obrigaron a activar a alerta laranxa, afectaron sobre todo a áreas de costa no norte de Galicia. Ademais de Cedeira, os refachos máis fortes foron en Viveiro (134,9 km/h) e en Burela (128 km/h).

Na Coruña, os ventos quedaron por encima dos 100 quilómetros por hora en Vimianzo ou Lousame, onde se rexistraron refachos de 104 quilómetros por hora, mentres que na provincia de Pontevedra os máis fortes foron en Cabo Udra, con 98,9 km/h.

No interior, en puntos altos, tamén sopraron refachos considerables, como é o caso da Pontenova (Lugo), onde se alcanzaron os 102 quilómetros por hora, ou Caballeda de Valdeorras (Ourense), con 123.

CHOIVAS

Por outra banda, segundo os datos de Meteogalicia, o temporal da tarde deste venres volveu a deixar importantes choivas na comunidade, sobre todo no sur da provincia da Coruña.

En concreto, as áreas máis afectadas foron Lousame, onde caeron 99 litros por metro cadrado; Santa Comba, con 87,2; Zas, con 84,4; e Boiro, onde caeron 72,5 litros por metro cadrado. Do mesmo xeito, en Val do Dubra rexistráronse 63,6 litros.

Tamén no mar fíxose visible o temporal. Así, segundo datos de Portos do Estado, a boia de Sisargas rexistrou ondas de até nove metros, que se propagaron en Punta Langosteira até superar o seis metros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta