A loita continúa: os traballadores de Alcoa 'toman' a Torre de Hércules e apreman o Goberno a tombar o ERE

Centos de empregados e veciños da Coruña manifestáronse este sábado para esixir que non se pechen esta factoría nin a de Avilés, das que dependen preto de 700 empregos directos.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 10/11/2018 | Actualizada ás 16:50

Comparte esta noticia

Centos de traballadores da planta da multinacional do aluminio de Alcoa na Coruña e veciños da cidade manifestáronse na chaira ante a Torre de Hércules este mediodía para esixir que non se pechen esta factoría nin a de Avilés, das que dependen preto de 700 empregos directos.

Protesta de traballadores de Alcoa este sábado na Coruña. CEDIDA
Protesta de traballadores de Alcoa este sábado na Coruña. CEDIDA | Fonte: Europa Press

Nunha protesta encabezada por lemas como "Enerxía solución" e coa pancarta "Alcoa peche non", os traballadores, coas camisetas laranxas que mostraron en todas as súas mobilizacións, protestaron en contra do expediente de regulación de emprego extintivo presentado pola compañía norteamericana e que na Coruña deixaría sen traballo a case 370 operarios de forma directa.

Os traballadores reclamaron ao Goberno central que tombe o ERE de Alcoa ante as súas "vulneracións á normativa" e que comunique á compañía que "ten que cumprir a lexislación vixente", explicou a Europa Press Juan Carlos López Corbacho, presidente do Comité de Empresa (UGT).

En segundo lugar, remarcan que, se a compañía non opta voluntariamente por paralizar o proceso, instan o Goberno a que aplique "a lei", en virtude do artigo 128 punto 2 da Constitución, e interveña as factorías, ao tratarse de "sectores enerxéticos" nos que Alcoa está a operar en clave de "monopolio" coas súas fábricas da Coruña, Avilés e San Cibrao (Lugo).

"Máis claro que a auga, non hai que facer nada novo, é unha empresa que vén aquí a explotar o animal e despois colle e déixao tirado", manifestou Corbacho. O Comité tamén incide en que a solución definitiva non pode limitarse a conceder axudas a curto prazo, pero confía en que as compensacións comprometidas sirvan para a retirada do ERE e para o establecemento de conversacións futuras encamiñadas ao mantemento da actividade.

"Xa non vale conceder certas axudas sen compromiso de permanencia e a partir de agora xa non se pode permitir máis, a xente que vén a extorsionar, paréceme moi ben que haxa intención do Goberno de axudar, pero non que nos despidan co diñeiro que aínda por riba reciben das arcas públicas", agregou.

Na mesma liña, o represente no Comité do sindicato CIG, Julio Moskovich, pediu "valentía" do Goberno para afrontar a problemática de Alcoa, coa "intervención" das factorías.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta