A feira galega da morte propón facer o Camiño coas cinzas dos nosos mortos e premia as mulleres funerarias

A décima edición de Funergal reuniu en Ourense o mellor do sector funerario.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 10/11/2018 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

Funergal pechou na tarde deste sábado as portas da súa 10ª edición consolidando os mellores resultados da súa traxectoria como feira internacional do sector funerario. Se a edición de 2016 supuxo un punto de inflexión na feira na que se superaron todos os datos de participación de expositores e visitantes, a de 2018 non fixo máis que consolidar eses resultados e posicionala definitivamente como o gran centro de negocios internacional na Península Ibérica no sector funerario.

Funergal, feira do sector funerario.
Funergal, feira do sector funerario.

Nesta edición houbo 111 expositores de 14 países que transmitiron á organización de  Expourense o seu alto nivel de satisfacción no referente ao negocio realizado e ás visitas recibidas durante estes dous días, máis de 4.000.

Esta edición contou coa colaboración de grandes grupos funerarios de España (Funespaña,  Interfunerarias, Grupo Albia e Parcesa) que viron nesta cita unha oportunidade de posicionar a súa marca entre os profesionais e de abrir o sector a unha sociedade no que a morte continúa sendo un tema “tabú” e no que traballan para cumprir unha función clave nun cambio de paradigma e transformar a morte nunha experiencia íntima e plena no que o  funeral sexa unha homenaxe a vida levada polo falecido.

Entre os expositores de Funergal 2018 compartiron espazo cos principais fabricantes de cadaleitos, fornos crematorios, urnas, vehículos fúnebres e outros artigos funerarios de España e Portugal e doutros países como Italia, Holanda, Francia,  Paquistán ou Alemaña que ademais tiveron a oportunidade de reunirse cos importadores de Brasil, Guatemala ou Colombia que participan na misión comercial internacional desta edición.

CADALEITO E XOIAS FUNERARIAS DO CAMIÑO DE SANTIAGO

Foto de familia da entrega dos premios internacionais ao mérito da muller funeraria.
Foto de familia da entrega dos premios internacionais ao mérito da muller funeraria.

Entre as novidades desta edición destacaron as presentadas este sábado nun acto no que participou a directiva da Orde do Camiño de Santiago. Trátase do “Cadaleito Xacobeo” xurdido da cooperación de dúas empresas fabricantes de cadaleitos e que son fieis expositoras de Funergal: Cadaleitos Galego (a empresa de Piñor de Cea líder en exportación en España) e Mediterráneo Innova (situados en Fabara, Zaragoza). Este cadaleito especial Xacobeo conta con certificación ecolóxica e ten gravados a cruz de Santiago Apóstolo e as tradicionais cunchas de vieira.

Ademais do cadaleito foron presentadas as xoias funerarias especiais do Camiño de Santiago. Trátase de dous modelos diferentes de colgantes realizados en prata, un coa Cruz de Santiago e outro coa cuncha de vieira, que permiten gardar no seu interior cinzas polo que ofrece a posibilidade de poder realizar o Camiño acompañados dalgún modo polos seres queridos falecidos. Trátase dun produto da empresa holandesa Funeral Products que os fabricou por mor dos consellos dos membros da Orde do Camiño de Santiago. Esta entidade conta con máis de 1.200 damas e cabaleiros repartidos por todo o mundo. A espiritualidade do Camiño leva a algúns dos seus membros a solicitar ser enterrados coa capa de dama ou cabaleiro da Orde e a fabricación do cadaleito e das xoias funerarias permitirá dar un paso máis.

PREMIOS Á INTERNACIONALIDADE

Funergal entregou onte na tradicional cea de convivencia os seus premios especiais á internacionalización e que recoñece o esforzo que realizan os expositores por ofrecer os servizos e produtos máis innovadores na feira, así como contribuír á internacionalización desta. As empresas premiadas foron as seguintes: Premio á Internacionalización para PLUDRA (Alemaña), un dos maiores distribuidores mundiais de urnas funerarias; Premio á Innovación para  SORTEM (Barcelona) que presentou a súa nova imaxe corporativa e os seus novos produtos e servizos nesta edición (esta categoría contou cun accésit que foi entregado ao fabricante de fornos crematorios  IDETER, de Xaén; Premio á Mellor caseta para Global  RC (Portugal) un dos maiores fabricantes e exportadores de cadaleitos do país veciño; Premio á Mellor Acción Promocional ao tándem formado en feira polo Grupo Galego e Cadaleitos  Meditarráneo Innova por recrear na súa caseta o Camiño de Santiago.

Con motivo do 10º aniversario de Funergal, a organización tamén fixo un recoñecemento ás empresas e entidades que estiveron presenten nas dez edicións, o que significa máis de 20 anos de compromiso coa feira. Estas entidades foron Tanatorio  As Burgas, a Revista Funeraria,  Bergadana,  Atlántida Formación, Artigos Funerarios Ramón Chao, Inoxcoca ou  Almuzinc.

GALARDÓNS INTERNACIONAIS AO MÉRITO DA MULLER FUNERARIA

Funergal 2018 concluíu co acto de entrega dos Galardóns Internacionais ao Mérito da Muller Funeraria, unha distinción que ten o obxectivo de visibilizar e destacar a traxectoria de mulleres profesionais dun sector no que a gran maioría dos traballadores son homes (en España as mulleres representan o 26,41% dos traballadores do sector, segundo datos de  PANASEF). Este recoñecemento foi entregado colaboración coa empresa mexicana Gañe Vendas Funerarias, creadora do galardón. As premiadas foron profesionais de España, Portugal, Brasil e Colombia: Cristina Oliveira: xerente da  Agência Funerária  Pátria (en Porto) e delegada na sección Norte da  Associação Nacional de Empresas  Lutuosas  ANEL (Portugal); Silvia  Godinho, socia da  Agência  Funerária de  Burgães en Santo Tirso, en Portugal; Carmen  Olmeda: directora da Guía Funeraria e de  funerariashoy.net, dous dos principais medios de comunicación especializados de España; Reyes Aguilar, responsable de Formación  PANASEF, a Asociación Nacional de Servizos Funerarios  PANASEF.

Ademais, a Asociación de Empresarios de Pompas Fúnebres de Ourense, APEFO, propuxo a tres profesionais da provincia que recibiron este galardón: María José Tesouro  Babarro, María Flores Pérez Touro e María Carmen Cid Cid.

Tamén foron premiadas Tatiana Osorio, directora Executiva de  ALPAR Asociación Latinoamericana de Parques Cemiterios e Servizos  Exequiales, de Colombia, e Gisela  Dardengo Adissi, presidenta do Grupo Primaveras de Brasil, un das grandes empresas do sector nese país.

A Guía Funeraria entregou na feira a quinta edición do seu Premio “Mellor directivo funerario de España” e que nesta ocasión recaeu en Alejandro  Rubín, director xerente de Expourense e director de Funergal durante estas 10 edicións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 cesc

Cadaleito Xacobeo... O que nos faltaba por ver ;)