A dirección do BNG impulsa a coalición con Bildu e ERC para as eleccións europeas

A dirección nacional aposta por unha coalición electoral con forzas soberanistas de Euskadi e Catalunya, a cal deberá ser refrendada pola militancia. Cataláns e vascos tamén debaten internamente se coaligarse ou non. Trataríase dunha coalición instrumental, similar ao modelo de En Marea.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/11/2018 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

O BNG inicia un debate entre  a súa militancia para que as bases decidan a fórmula máis idónea para presentarse ás eleccións ao Parlamento europeo –previstas para o 26 de maio de 2019–, sometendo a súa consideración a proposta remitida pola dirección nacional, que aposta por unha coalición electoral con forzas soberanistas de Euskadi e Catalunya.

Oriol Junqueras e Ana Pontón
Oriol Junqueras e Ana Pontón | Fonte: BNG.

A proposta de resolución remitida pola Executiva nacional ás bases –que nos próximos días empezará a ser debatida en asembleas comarcais por todo o país–,  está formulada en base a tres puntos. O primeiro deles é: “O BNG impulsará unha coalición electoral en torno a forzas nacionalistas das tres nacións sen estado do Estado español: Galiza, Euskal Herria e Catalunya”.

O Segundo: “Será unha coalición de carácter instrumental, polo que o Bloque desenvolverá a súa propia campaña, co seu programa específico e con candidatos propios en función exclusiva dos intereses de Galiza”.

E por último, preséntanse as bases políticas que fundamentan a candidatura impulsada polo BNG: “Defensa de Galiza como nación, do dereito de pobo galego a decidir libremente o seu futuro e da súa soberanía política. Defensa dos intereses do país, da súa capacidade produtiva, de xeración de riqueza e emprego digno na terra”.

Igualmente, propoñen o “combate do modelo ultraliberal da Unión Europea e defensa dos principios democráticos, da soberanía e independencia dos pobos, da paz, dos dereitos humanos e dereitos fundamentais, da igualdade, da xustiza e da cooperación entre os pobos en pé de igualdade”.

No escrito remitido á militancia, a dirección nacional explica que, seguindo o mandato do Consello Nacional como máximo órgano entre asembleas, “leva meses mantendo unha interlocución continuada con organizacións soberanistas de Euskadi e Catalunya, co fin de promover unha actuación conxunta de cara ás vindeiras eleccións europeas”.  

A Executiva do BNG aposta por esta fórmula electoral que agora somete a debate das bases, “pois lle corresponde ao conxunto da militancia decidir se esa é a liña a seguir ou non”.

No documento de tres folios que será debatido nas asembleas comarcais, a dirección do Bloque salienta que, no contexto actual, “a única garantía real de defensa do pobo galego sen condicionamentos alleos no Parlamento europeo pasa por unha política de alianzas que asegure esa representación nas mellores condicións posíbeis e que sexa coherente coas nosas posicións políticas”.

Indica tamén a Executiva que encabeza a portavoz nacional, Ana Pontón, que a alianza con forzas políticas vascas e catalás “é unha aposta estratéxica” para o nacionalismo galego desde hai case un século, que vai moito máis aló da conxuntura electoral. Partindo dunha “boa valoración” dos resultados e do funcionamento da coalición Os Pobos Deciden dos comicios europeos de 2014, a dirección do Bloque aposta agora por impulsar “unha alianza máis ampla, das tres nacións”.

Unha decisión, explica no documento, vinculada ao obxectivo básico de conseguir representación propia na Eurocámara “tendo en conta a circunscrición electoral estatal”, pero tamén “a orientación histórica e estratéxica de consolidar un marco estable de relacións entre as forzas soberanistas das tres nacións e impulsar a unidade de acción especialmente tras o debate aberto sobre os dereitos das nacións”.

Pese a visión crítica que o BNG tivo sempre e ten hoxe da Unión Europea, “defende a súa participación en todas as instancias que, por hostís que fosen, permitan consolidar un espazo propio e garantir a defensa dos intereses da nación e do pobo galego”.

ERC E EH BILDU COMO SOCIOS

Oficialmente, o BNG non sinala os seus posibles socios e fala ambigüamente de "forzas soberanistas de Euskadi e Catalunya". Porén, dentro e fóra do Bloque todos saben que esas forzas son Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e EH Bildu.

Os nacionalistas galegos xa concorreron cos vascos nas eleccións de 2014, ademais de coa aragonesa Puyalón de Cuchas, a asturiana Andecha Astur e as canarias Alternativa Nacionalista Canaria e Unidad del Pueblo. Daquela, ERC optou por unha candidatura exclusivamente catalá coa dereita daquel país que non frutificou e finalmente se presentou pola súa conta. Agora, a coalición a tres entre forzas nacionalistas de esquerda das nacionalidades históricas podería repetirse, como aconteceu en 2009.

Oriol Junqueras, líder de ERC e preso polo 'procés', sería o número un dunha lista unitaria dos nacionalismos periféricos, fartos en Esquerra dos posicionamentos dos seus socios da dereita catalá, o PDeCat, e de Carles Puigdemont e a súa deriva ególatra. Isto tería sido abordado na reunión que Ana Pontón e a eurodeputada Ana Miranda mantiveron o pasado luns con Junqueras no cárcere de Lledoners.

Pola súa banda, EH Bildu busca cabeza de cartel e decidirá a mediados de decembro se concorre ou non en coalición, aínda que existe xa un clima de opinión favorable ao pacto con BNG e ERC. Será precisamente en decembro candos as tres formacións decidan que facer.

Ana Miranda do BNG, Jordi Solé de ERC e Josu Juaristi de EH Bildu son os encargados de dirixir as conversas e o posible pacto de coalición.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 23 comentarios

3 Xanc

Varias aclaracións: 1.- O BNG, e cónstame, está aberto a compartir candidatura con forzas soberanistas galegas que non dependan das opinóns da Complutense e dos caprichos de Pablo Iglesias, Tone, Pam etc. 2.- En Marea xa é un partido, non é nada instrumental -aínda que si o foi-. 3.- A solidaridade entre Nacionalistas/Soberanistas é básica nestes momentos de auxe centralizador e fascista. 4.- En Marea terá que decidir se continúa engordando con votos aos grupos de Podemos e diluirse neles ou colaborar por unha verdadeira alternativa Galega que defenda de verdade o País. Ata agora non fixo esa defensa, a pesar de xente coma Alexandra que traballa arreo para elo.

1 Bernal Calvo Delaciga

Falan de opcións que "non dependan das opinóns da Complutense" desde un BNG que depende das opinións de Sabón: http://www.galiciaconfidencial.com/... http://www.galiciaconfidencial.com/... Bravo!

2 Bernal Calvo Decomisiones

Anos e anos dicindo que non se podía achacar aos medios os resultados e agora resulta que o baixón de Podemos, inflado polos medios, é culpa dos medios. Es que no me quieren.

2 Chico Percebe

Y la vida sigue igual...El PP doblando en votos y escaños a la segunda fuerza política de la región (seguramente el PSOE) y a mayor distancia aún el Bloque y las Mareas. Ciudadanos, puede que se le espere pero seguramente ni esté. La única posibilidad de cambio de gobierno es que todos los segundones perdedores, se alíen contra el PP (no a favor de Galicia ni de sus ciudadanos) en una batiburrillo de intereses contrapuestos cuya única finalidad será trincar puestos en la Administración y tocar el pelo del poder. Eso sí, luego dirán que representan á maioría social do pobo asoballado por Madrí, e que eles (e non outros son os verdadeiros representantes da Galiza xenuina que loita pola súa identidade e bla, bla, bla....

1 Gran Centolo

Chico? Percebe? todo, intento de argumento incluído, igual de pequeniño. Tes que ler o "Viaxe ao país dos ananos", Celso emilio Ferreiro, 1968. Ou ler, simplemente ler. Hai que ler.

2 Chico Percebe

A ver Jran Sentolo, nas últimas eleccións autonómicas, o PP sacou máis votos que todos os demáis partidos xuntos, e iso sin contar os caseque 50.000 votos de Ciudadanos. O argumento pódeche parecer pequeno pero a realidade é a que é; e a distancia é grande, moi grande. A posible perda da mayoría absoluta por un ou dous escanos, non tería que afastar ao PP do goberno da Comunidade e menos aún da Presidencia da Xunta porque ésa é a vontade dos seus cidadáns. E por certo na miña biblioteca están Hesse, Kundera, Camus, Kafka, V. Llosa, García Márquez, Churchill, Beavor, Preston, Delibes, Cela, T. Ballester, Auster, Hemingway, García Cárcel, Lovecraft, Alvareda Salvadó, Cortázar, Pérez Reverte, Poe, Tolstoi, Pamuk, Murakami, Tallón, Baudelaire…son algúns dos que vexo na balda que teño diante dos ollos. Xúroche que hai moitas máis.

1 anonimo

Parte final do Sempre en Galiza de Castelao. Pero nós somos galegos; xente prudente e de bo sentido, liberal e pacifista, entusiasta até o lirismo, segura de que “a luz virá para a caduca Iberia dos fillos de Breogán”. Non temos ningunha fe nos hespañoes; pero témola en nós mesmos e nas ideias que profesamos. Estas ideias poden concretarse nos catro principios siguentes: a) Autonomía integral de Galiza para federarse cos demais pobos de Hespaña. b) República Federal Hespañola para confederarse con Portugal. c) Confederación Ibérica para ingresar na Unión Europea. d) Estados Unidos de Europa para constituír a Unión Mundial.