División entre partidos sobre o rescate a Alcoa, mentres A Coruña pide a eliminación do ERE

O PPdeG ve "un tanto estridentes" as declaracións da ministra e insiste en que o que ten é que "cumprir os compromisos" adquiridos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/11/2018 | Actualizada ás 18:26

Comparte esta noticia

As declaracións da ministra de Traballo, Magdalena Valerio, quen rexeitou na pasada xornada a intervención das factorías da Alcoa co argumento de que España non é "un réxime comunista" tiveron eco este luns na Cámara autonómica, onde cada un do catro grupos con representación evidenciou a súa postura.

Peche das plantas de Alcoa en Avilés e A Coruña. M. Dylan/ Europa Press / Europa Press
Peche das plantas de Alcoa en Avilés e A Coruña. M. Dylan/ Europa Press / Europa Press

Así, populares e socialistas rexeitaron a vía da intervención, ao considerar que non se trata da "solución adecuada"; mentres que En Marea e BNG puxeron o acento noutros "rescates" como o bancario ou o das radiais madrileñas, antes de lamentar que se confunda a defensa do "interese xeral" con "comunismo".

Preguntado ao respecto, en rolda de prensa, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, esgrimiu que o Goberno o que ten que facer, dentro do "marco legal" no que se move, é "cumprir os compromisos" acadados na última reunión de Madrid, á que acudiu tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Neste sentido, aínda que recoñeceu que as declaracións da ministra "soaron un tanto estridentes", remitiuse aos acordos alcanzados "por unanimidade" na Cámara e esgrimiu que Xunta e PP non se van a mover dos mesmos. Así, concretou que o que ten que facer o Executivo de Pedro Sánchez é falar coa empresa para que retire o expediente de extinción de emprego, activar os 150 millóns consignados nos orzamentos para completar as poxas de interrumpibilidade para as electrointensivas e articular unha tarifa enerxética estable de como mínimo cinco anos. Respecto diso deste tipo de propostas "estables", asegurou que hai "poucas controversias".

"NON SERÍA A SOLUCIÓN MÁIS ADECUADA"

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, pediu "non centrarse nunha frase", a de Valerio, senón en "o conxunto da estratexia". "A ministra o que ten que facer é examinar a proposta de ERE de Alcoa e ver se cumpre con todas as formalidades. E estao facendo de forma rigorosa", defendeu o dirixente socialista.

Desta maneira, interpretou que o que dixo a titular de Traballo é que "non cabe por parte do Estado a asunción" de Alcoa, que "non sería a solución máis adecuada". Así, advertiu de posicionamentos políticos que "se están xerando nalgúns sectores de opinión con ideas que non poden prosperar".

Neste sentido, aclarou que "non é posible que non entre aluminio doutros países europeos", posto que hai un mercado único. "Pódese facer algún tipo de supervisión? Si", expuxo e contestou, pero avisou de que "non se pode impedir" a importación e que pasala ao sector público leva "a un camiño que ninguén quere practicar".

"TRABALLAR POLO INTERESE XERAL"

O portavoz de En Marea, Luís Villares, ironizou con que "unha gran teórica" en Dereito Constitucional como Magdalena Valerio debería coñecer o artigo 128 da Carta Magna española, que reserva o dereito do Estado a intervir unha empresa en beneficio do interese xeral.

"Non é comunismo, é traballar polo interese xeral", remarcou Villares, que instou ao Partido Socialista a deixar de "frivolizar" coas propostas e expor "solucións" para os traballadores de Alcoa. Fronte á resistencia do Goberno central a estudar unha intervención da compañía, o maxistrado en excedencia lembrou os "rescates" ao sector bancario nos que se empregaron 36.000 millóns de euros das arcas públicas "que se foron a fondo perdido". "Se a ministra coñecese a realidade de Galicia non faría esas declaracións", concluíu.

CUESTIONA QUE ESTE RESCATE FOSE "COMUNISMO"

O BNG preguntouse "cal é o criterio" para que o rescate da banca sexa "solidariedade" e o dunha empresa da que dependen "centos de postos de traballo" constitúa unha forma de "comunismo". "Preguntámonos por que se pode rescatar a banca e as radiais madrileñas (e non Alcoa)", retou.

A súa portavoz parlamentaria, Ana Pontón, foi máis aló ao preguntar á ministra Valerio "que diría se no canto de Alcoa estivesen en xogo" os postos de traballo nunha "empresa en Cádiz". "Tamén nos diría que é comunista?", continuou a deputada nacionalista, antes de proclamar que "Xa abonda de discriminacións con Galicia!".

Por iso, a deputada nacionalista esperou que o Goberno socialista "rectifique". "Hai que retirar ese ERE de extinción e, se segue adiante, o Estado ten instrumentos legais, amparados pola Constitución, que é facelo a través dun rescate (e que traballase a través da SEPI)", aseverou Ana Pontón, quen esixiu "buscar unha solución para manter a actividade industrial".

ACORDO UNÁNIME NO CONCELLO CONTRA O ERE

O pleno do Concello da Coruña aprobou unha moción conxunta de todos os grupos políticos --Marea Atlántica, PP, PSOE e BNG-- esixindo á multinacional Alcoa a retirada do ERE extintivo para as plantas da Coruña e Avilés (Asturias) e a apertura dunha negociación, ademais de reclamar un marco enerxético estable.

Na súa intervención, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, criticou a actitude da multinacional norteamericana por "non querer negociar", mentres que destacou a "unión" das institucións, visibilizada, segundo dixo, na reunión celebrada en Madrid coa presenza de representantes do Goberno, os presidentes autonómicos de Galicia e Asturias e o alcalde e alcaldesa da Coruña e Avilés. "O reloxo corre", dixo sobre o ERE e insistindo en que é necesario adoptar "medidas urxentes". Mentres, cualificou de "importante" sentar a Alcoa na "mesa" de negociación. No entanto, apelou a usar "todas os mecanismos" ao alcance das administracións para frear o peche.

"UNIÓN" DAS INSTITUCIÓNS

Pola súa banda, a portavoz do grupo municipal do PP, Rosa Gallego, lamentou que o alcalde non convocase a comisión de portavoces para informar o contido da reunión celebrada en Madrid. "Pero a unión fai a forza", apostilou subliñando a importancia da unidade para que Alcoa "recapacite a súa decisión". "Estamos en tempo de desconto, hai que actuar xa", insistiu na súa intervención. Mentres, o concelleiro socialista José Manuel Dapena, apelou á necesidade de manter "unha dobre fronte". "Na rúa e nas institucións", expuxo apelando á unidade destas.

Á súa vez, a concelleira do BNG, Avia Veira, criticou as manifestacións da ministra de Traballo, Magdalena Valerio, quen descartou a intervención das plantas de Avilés e da Coruña alegando que non estamos "nun réxime comunista". Delas, dixo que se tratan de "unha auténtica barbaridade" e preguntouse por que si se rescatou á banca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 anonimo

Graças pela aclaração. Eu não defendo o rescate de empresas. Só digo que o critério de interesse geral o aplicam ao seu antolho. Si tivera concelho de administração em Madrid onde se poderiam colocar, então si que seria rescatável.

2 9fv4

Pero Alcoa é una multinacional ianqui, que ten fábricas en varios sitios, e pretende pechar a de Coruña. Non é una empresa "rescatable", eiquí estamos a falar doutra cousa.

1 anonimo

Os governos centralistas só rescatam empresas de interesse geral, como as autoestradas radias de Madrid ou a extensão da autorização a Ence. E digo o de interesse geral porque é interesse para eles, onde se podem colocar nos concelhos de administração.