Denuncian a destrución de patrimonio do Camiño de Santiago se abre a mina de Touro

Critican a Feijóo por dicir no pasado que se un só informe era desfavorable se paralizaría o proxecto.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/11/2018 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

A Plataforma Mina de Touro O Pino Non advirte que a actividade extractiva que pretende pór en marcha a compañía Cobre San Rafael suporía a "destrución" do patrimonio cultural do Camiño Francés, así como "dos medios de vida" dos veciños da zona, segundo desprenden dun informe de Icomos --entidade asesora de Unesco-- sobre a afectación do proxecto mineiro.

Integrantes da Plataforma contra a Mina de Touro
Integrantes da Plataforma contra a Mina de Touro | Fonte: Europa Press

Tal e como o expresou este martes nunha rolda de prensa a vogal da plataforma, Elena Vázquez, a mina "non é compatible nin sustentable" co modo de vida dos municipios lindeiros, "especialmente" do Pino, xa que "priva aos habitantes" dos terreos, "os seus métodos de subsistencia".

"O proxecto mineiro supón a destrución da economía do Camiño en materia de agricultura, gandaría e turismo. A minería non é sustentable porque a actividade extractiva non substitúe" estas "perdas" na economía da zona, segundo advertiu.

Ademais, Icomos emite --denuncia a Plataforma-- conclusións tan contundentes como que "a explotación mineira provocará unha gran perda de capital territorial e de capital cultural que son dificilmente cuantificables en moeda".

Por iso, Vázquez avisou ás administracións competentes, das que lembrou as súas reiteradas palabras de "apoio" á Ruta Xacobea, de que a "destrución dos bens culturais e a súa contorna se considera espolio", o que se atopa "prohibido pola Constitución e pola normativa sobre patrimonio histórico estatal e autonómica".

Así mesmo, criticou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixese no pasado "que o proxecto se paralizaría se un só dos informes non era favorable". "Pois xa van doce", puntualizou.

REXEITAMENTO DE "MÁIS DE 40 CONCELLOS"

Na rolda de prensa tamén interviñeron o concelleiro de Espazos Cidadáns de Santiago, Jorge Duarte, e o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Xoaquín Rubido. Así, o edil subliñou que o Concello compostelán "comparte as inquietudes dos veciños tanto de Touro como os municipios lindeiros", igual que o fixeron xa "máis de 40 concellos galegos e as deputacións da Coruña e Pontevedra", ao aprobar diferentes mocións nas súas corporacións en rexeitamento da mina.

Neste contexto, Duarte resaltou o "impacto negativo económico e ambiental" que afecta "a toda a conca do río Ulla e á ría de Arousa", así como unha "afección moi grave" advertida no informe de Icomos.

O concelleiro tamén manifestou que o Camiño de Santiago "vai máis aló" do seu trazado, polo que o proxecto, segundo as súas palabras, "pon en perigo a integridade e autenticidade" deste itinerario, cunha "afección clara" sobre o ramal histórico entre Arzúa e O Amenal, así como castros, mámoas, muíños e igrexas parroquiais.

Pola súa banda, o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa asegurou que o proxecto mineiro "vai afectar todo o tecido produtivo" da zona pola "afección moi grave" sobre as augas dos cursos fluviais e da ría debido aos materiais "contaminantes" da actividade. "Onde están os intereses xerais de Galicia?", preguntouse Rubido, para despois aseverar que "ou hai intereses alleos ao país, ou non se sabe para que se aproba" o proxecto da mina de Touro.

COBRE SAN RAFAEL REXEITA O DOCUMENTO

Por outra banda, Cobre San Rafael, empresa promotora da explotación, rexeita as conclusións de Icomos baixo o argumento de que "é unha entidade privada" que "en ningún caso ten a competencia para representar" á Unesco.

Así, a través dun comunicado, a compañía alega que "a competencia de protección e representación do Camiño de Santiago corresponde, de forma exclusiva, á Xunta": "A Dirección Xeral de Patrimonio é a encargada de velar porque este tipo de proxectos cumpran coas estritas normativas que protexen os bens patrimoniais de Galicia".

Así mesmo, Cobre San Rafael explica que "desde hai dous anos, un equipo de arqueólogos traballa na zona localizando e catalogando" estes bens, de forma que, cando se descobren algúns que poden ser novos, "ponse en coñecemento" de Patrimonio "para dotalos da correspondente protección".

Deste xeito, explica que Icomos España, tras unha visita á mina "dunha mañá de duración", realizou "un informe que se refire" aos bens "que o equipo de arqueólogos descubrira e dera a coñecer". Por iso, a empresa critica que Icomos "obvia as medidas correctoras ditaminadas xa por Patrimonio e que foron recollidas pola compañía nun informe complementario".

Así as cousas, Cobre San Rafael insiste en que este documento da asesora da Unesco é "inexacto e desactualizado". No entanto, a compañía reitéralle o seu ofrecemento para "facilitar toda a información que requira sobre a investigación arqueolóxica e as medidas correctoras" neste sentido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Miñoca

Uy..UY...uy......