O deporte, outro potencial turístico para Galicia

A segunda edición de Sportur celebrarase en Expourense os días 15, 16 e 17 de novembro e servirá de antesala á XLII Carreira Popular de San Martiño. 125 expositores, máis de 100 actividades e un carácter máis profesional do encontro son algún dos atractivos deste ano.

Por X.M. Fernández | Ourense | 14/11/2018 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Un dos obxectivos da segunda edición de Sportur Galicia, Salón do Deporte e Turismo Activo é situar a Galicia como destino para o turismo deportivo e visibilizar o traballo realizado durante todo o ano por parte das federacións e clubs deportivos da comunidade.

Presentación Sportur 2018. Fonte: Expourense
Presentación Sportur 2018. Fonte: Expourense

Este encontro naceu en 2017 con vocación de continuidade e coa intención de ser referente internacional en vindeiras edicións pois combina deporte e turismo, dous elementos que unidos contribuirán a achegar máis visitantes a Galicia. Esta cita quere, ademais, situarse como foro de turismo activo do Noroeste Peninsular debido a que conta coa participación activa de Asturias e do Norte de Portugal.

Nesta edición están presentes 125 expositores e 7 países representados, entre os que destacan as federacións e clubs deportivos de Galicia e destinos de turismo activo moi vinculados coa natureza que comparten espazo con empresas especializadas na organización de eventos e actividades deportivas.

Sportur Galicia está organizado por Expourense coa colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte e a Axencia de Turismo de Galicia. Nesta edición súmanse tamén a Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Ourense a través do Consello Municipal de Deportes e de Turismo. Está prevista a presenza de escolares convocados a través do programa XOGADE promovido pola Xunta de Galicia e o evento servirá de quecemento para a XLII Carreira Popular de San Martiño; os corredores recollerán os seus dorsais no recinto feiral nos días previos á proba deportiva, encontro que conta xa cuns 11.000 inscritos.

Novidades

Para esta edición destacan as actividades organizadas polo INORDE-Turismo de Ourense que inclúen a presentación da Copa Suzuki e unha exposición de coches de Rallye con visita dos pilotos Javier Pardo e Adrián Díaz que asinarán autógrafos e sacaranse fotos cos que o desexen. E falando de fotografías dicir tamén que os visitantes poden facer instantáneas nos distintos escenarios de “La Vuelta 2018”.

Foto coas autoridades. Fonte: Expourense
Foto coas autoridades. Fonte: Expourense

O pitch an putt, deporte semellante ao golf) e a posibilidade de montar no globo aerostático da empresa REMAX serán outras das novidades desta edición.

A entrada a Sportur Galicia é de balde e os detalles concretos da programación poden seguirse na súa web ou nos perfís de Facebook e Twitter. O horario da feira será o mesmo durante os días 15, 16 e 17: de 10:00 a 14:00 h.  e de 16:00 a 20:00 horas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta