A conselleira Ethel Vázquez denuncia os "pasos atrás" do Goberno na liberación da peaxe de Redondela

Lembrou que a eliminación desa taxa era un "compromiso" do anterior Goberno de España, presidido por Mariano Rajoy, en resposta á "demanda unánime" dos veciños e das empresas.

Por E.P. | VIGO | 14/11/2018 | Actualizada ás 18:16

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, lamentou este mércores os "pasos atrás" dados polo Ministerio de Fomento e polo Goberno socialista con respecto á liberación da peaxe da AP-9 en Redondela.

Ethel Vázquez. XUNTA
Ethel Vázquez. XUNTA

En declaracións aos medios durante a visita a unha senda peonil construída en Vigo polo seu departamento, a conselleira referiuse á reunión da comisión mixta sobre a AP-9 celebrada este mércores e afirmou que o goberno galego "non pode ocultar a súa decepción polos escasos avances, cando non pasos atrás" na cuestión da supresión da peaxe de Redondela.

Ethel Vázquez lembrou que a eliminación desa taxa era un "compromiso" do anterior Goberno de España, presidido por Mariano Rajoy, en resposta á "demanda unánime" dos veciños e das empresas. Así mesmo, aseverou que "xa había traballo feito", en alusión a un informe de tráfico de maio pasado.

"Non entendemos o que se nos trasladou, de que van encargar un novo estudo de tráfico, esta vez de toda a Área Metropolitana", apuntou a conselleira, quen indicou que ese mesmo estudo incluiría as opcións de mobilidade nun futuro tramo urbano da autoestrada desde a Avenida Buenos Aires até o centro de Vigo.

Por outra banda, con respecto á subida das peaxes, a conselleira incidiu na reclamación da Xunta de que se "suavice" a escalada "inasumible" nas tarifas e se elimine o interese fixo do 8 por cento "blindado" polo Goberno de Zapatero, buscando un "plan de pagos razoable". "Pedíronnos unha proposta máis concreta, e farémola, aínda que non somos os titulares da vía. Pola Xunta non vai quedar", apostilou.

A XUNTA CRITICA O "GLOBO SONDA" SOBRE AS PEAXES

A Xunta de Galicia criticou o "globo sonda" do Goberno de España con respecto ao cobro de peaxe nas autovías, e reclamou que, se esa é a súa intención, debe expor unha proposta "concreta e seria".

Así o manifestou, en declaracións aos medios, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade do goberno galego, Ethel Vázquez, quen expresou a súa "decepción" por ter información dese asunto "non a través do diálogo entre Fomento e as Comunidades Autónomas, senón por un anuncio do Secretario de Estado aos medios de comunicación". Segundo a conselleira, a Xunta "non ten unha proposta concreta" e o Executivo central, "se quere abrir un debate real sobre as peaxes nas autovías, debe realizar unha proposta concreta e seria".

"É unha medida tan importante desde o punto de vista estrutural, que lanzar globos sonda non nos parece convinte, porque o que causan é barullo, enredar e, sobre todo, preocupación entre os galegos, que xa están preocupados pola escalada nos prezos das peaxes da AP-9", proclamou a conselleira, quen incidiu que "a forma de trasladar unha proposta non é a través das empresas construtoras". Segundo Ethel Vázquez, a Xunta pronunciarase sobre a posibilidade de implantar peaxes en autovías cando teña unha "proposta seria e con rigor", "sempre pensando no interese xeral, e dos galegos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta