A Fegamp esixe a Sogama "negociar" no canto de "impor" cambios no canon do lixo

A Federación galega de concellos lembrou que hai uns anos Sogama subira o canon un 33%.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2018 | Actualizada ás 19:25

Comparte esta noticia

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) convidou a Sogama a "negociar" en vez "impor" cambios no canon do lixo despois de coñecerse que a sociedade prevé realizar unha rebaixa do 10% na taxa que cobra ás administracións locais e que, segundo o ente municipalista, estaría ligada a repercutir a baixada nas cantidades que os concellos cobran á cidadanía.

Sogama
Sogama

Despois unha reunión celebrada este mércores en Santiago, a xunta de portavoces da Fegamp emitiu un comunicado aos medios no que considera que, "desde a óptica municipal", "non procede aceptar unha baixada non negociada senón imposta".

Así, a Fegamp precisa que, aínda que en principio isto debería ser "unha boa noticia", lembrou que hai uns anos Sogama "realizou unha subida unilateral do 33% do canon" que a maioría dos concellos "non repercutiron á cidadanía" dado o momento de crise. Respecto diso, o presidente da Federación, Alfredo García, criticou que, aínda que a redución da taxa podería ser compatible con determinados resultados, "non procede" a "imposición.

Por iso, a Fegamp rexeitou tanto a baixada no canon ligado ás esixencias impostas por Sogama por "atentar contra a autonomía municipal" e reclamou a vía da negociación. "Cremos que a taxa pode vincularse a unha redución do recibo do lixo como aliciente para os veciños ligado a determinados resultados ou obxectivos pero para chegar a acordos hai que negociar", subliñou García.

CAMPAÑA DE PREVENCIÓN

Tamén este mércores a Fegamp, en colaboración co Laboratorio de Ideas sobre Residuos (LIR), presentou a campaña Ecoluciona con motivo da Semana Europea de Prevención de Residuos que se celebra do 19 ao 29 de novembro.

En concreto, esta campaña, presentada polo presidente da Fegamp e o coordinador de estudos e proxectos do LIR, Benito Blanco, constará de dez vídeos con accións que buscan conseguir unha redución na creación de residuos por parte da cidadanía.

Estes vídeos, que propoñen cambios de hábitos como, por exemplo, reducir a cantidade de envoltorios e envases que se consomen cada día, pode ser utilizados por todos os concellos galegos personalizados coa súa propia imaxe corporativa.

Ademais, tamén este mércores, ambas as entidades organizaron unha xornada sobre a fiscalidade nos residuos municipais, que contou con máis de 100 inscritos e tiña como obxectivo dar lugar a sinerxías entre os axentes implicados na xestión de residuos urbanos e promover a reflexión sobre a xestión de residuos entre a cidadanía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta